O ensino en xeral é unha actividade moi feminizada, desde sempre, polo número de docentes mulleres: o 71,9% no ensino non universitario e o 41,3%  na educación universitaria, o que da unha media do 65%. Mais tamén, porque nos últimos 20 anos houbo un  enorme aumento de mulleres matriculadas en todas as etapas educativas.

É un mundo maioritariamente de mulleres o do ensino, no que o 51,9 % das mulleres de entre 25 e 29 anos superan estudos superiores, fronte a un 41,9 % de homes; e onde o abandono escolar só se da nun 14% entre as mulleres, contra un 21,7 % de homes. Se isto é así, como podemos explicarnos logo a masculinización do mercado de traballo e os fortes índices de desemprego nas mulleres, con máis de 3 puntos de diferenza nas taxas de paro, mesmo en mulleres con estudos superiores?

Pero volvendo ao ensino, cada vez estudan máis mulleres e teñen mellores cualificacións, pero son moitas menos as que elixen as chamadas disciplinas CTIM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática). En estudos de Informática, son un 14,7%, en Enxeñaría, industria e construción, un 30,5%; pola contra, en estudos de Educación son un 80,1% e na rama da Saúde e servizos sociais, atopámonos cun 72,1%.

Se nos estudos universitarios está presente a fenda de xénero, na Formación Profesional é máis salientable aínda, xa que existen Ciclos formativos de Grao superior claramente feminizados como Imaxe persoal (94,3 %) ou Servizos socioculturais e á comunidade (87,3%); outros, están totalmente masculinizados como Mantemento de vehículos (2,8 %) e Electricidade ou Electrónica (4,9 %), mentres as mulleres están intentando abrirse paso moi de vagar en Informática (11,7 %) ou Edificación e Obra civil (31 %).

Este panorama, unido ás necesidades non cubertas de técnicos cualificados no sector industrial en Catalunya, así como pola pouca demanda nalgúns Ciclos, levou ao Departament d' Educació do Govern da Generalitat a publicar estes días a Ordre EDU/185/2019, pola que, entre outras medidas, se bonificará o 50% da matrícula a aquelas mulleres que soliciten praza nestes Ciclos menos demandados e masculinizados, para elevar cando menos un 7% o número de matrículas, considerando asemade que é unha medida de acción positiva contra a discriminación de xénero nos estudos.

Independentemente de que poida ser considerada esta medida máis ou menos acaída á situación actual na Galiza, pensamos que debería estar inxerida nun Plano de Igualdade da Formación Profesional máis amplo, no que se realice unha fonda análise das causas que levan a escoller determinados estudos profesionais aos estudantes, e se teña moi en conta a tendencia maioritaria do sector industrial na contratación masculina, xa que isto vai influír moito nas expectativas de emprego dos e das xoves.

Ao cabo, este Plano de Igualdade da Formación Profesional debería ser elaborado por docentes e estudantes en conxunto e tería que poñer en cuestión todos os estereotipos de xénero que, desde a infancia e no ensino previo aos Ciclos formativos de FP, transmitimos e permitimos ao considerar que hai estudos, ocupacións e traballos máis masculinos ou máis femininos.

En Catalunya comezaron a propoñer alternativas a esta situación. No noso país, a situación é semellante e cabería ir creando os alicerces de Planos de Igualdade estratéxicos, onde os centros de ensino, os centros de traballo e o sector empresarial poidan propoñer medidas que vaian na mesma dirección, cara unha sociedade de persoas cos mesmos dereitos e oportunidades.  

Observando a tendencia de matrícula dos últimos anos no Estado español, podemos chegar a deducir que a presenza das mulleres nas profesións consideradas máis masculinas non avanza moito, pero o retroceso da presenza de homes en especialidades vinculadas aos servizos e aos coidados aínda é peor, e por este rego mal avanzamos. Mentres os homes non asuman como unha actividade máis do ser humano o coidado dos e das demais, a discriminación seguirá a existir e, como xa sabemos, a desigualdade crea violencia.

No ano 1910 o Ministerio de Instrucción Pública, dirixido naquela altura polo Conde de Romanones, aprobaba unha Real Orden pola que se permitía a matriculación de alumnas en calquera centro docente. Foi dura a implantación desa Orde e puidemos chegar ao día de hoxe sen trabas legais nese eido, pero si con moitos atrancos sociais no imaxinario colectivo, que aínda reproduce moitos estereotipos de xénero contra os que compre loitar desde que os nenos e as nenas comezan a súa sociabilidade, empregando medidas e prácticas coeducativas que lles permitan medrar como persoas libres e iguais, máis alá dos xéneros.

NOTA: Todos os datos proceden de Igualdad en cifras MEFP. 2019