A conmemoración da Declaración Nazonalista de Lugo do 18 de novembro de 1918, considerada a acta fundacional do nacionalismo galego, ponnos diante dunha historia de amor, de compromiso, de loita, de xenerosidade e de construción colectiva. Un percurso cheo de dificultades e de atrancos, de fracasos e caídas, mais tamén de éxitos. De debilidades e tamén de fortalezas. 

Imos falar das fortalezas. Da grandeza dunha loita e dun exemplo que non pode ficar na inxustiza do esquecemento. Imos falar de nomes e de vidas, de ideas e emocións, de valores e sentimentos. De creación, de construción, de existencia e de resistencia. De entrega absoluta e leal a unha causa sen pedir nada a cambio. De organización, acción e mobilización en defensa dos intereses materiais do país, da xustiza social e da liberdade. 

Coas Irmandades, co Manifesto de Lugo estalou unha luz, unha potencia colectiva que levaba moitos anos levedando. Era un tempo novo. Un tempo de sementeira, de renacemento, de ilusión colectiva, de utopías. Foron dúas décadas prodixiosas, vizosas, expansivas, na que se foi trazando a cartografía dunha nación puxante.

Desa confluencia de vontade, audacia, imaxinación, talento e amor á terra xurdiron ducias de iniciativas modernizadoras. O 28 de abril de 1936 constitúese en Vigo unha sociedade mercantil destinada á elaboración de produtos farmacéuticos, o Instituto Bioquímico Miguel Servet. O promotor deste proxecto científico e empresarial foi o médico Ramón Obella, militante do Partido Galeguista. Entre os socios fundadores figura Alexandre Bóveda, o mozo que con 26 anos crea e dirixe a Caixa de Aforros de Pontevedra e con 30 o Partido Galeguista.

Coas Irmandades, co Manifesto de Lugo estalou unha luz, unha potencia colectiva que levaba moitos anos levedando

 

O Instituto Miguel Servet é, como Alexandre, un símbolo da Galiza que puido ser. Da Galiza que estaba nacendo na primavera do 36. Froito do pulo transformador daquel tempo de esperanza. O tempo dos proxectos e das realizacións. O tempo das Irmandades, do Seminario de Estudos Galegos, do Partido Galeguista. Forza de tracción e de transformación, vangarda da Galiza que puido ser.

Despois de xullo do 36, Ramón Obella foxe a Portugal e crea a empresa Zeltia, que se convertíria cos anos nun emporio farmacéutico internacional, innovador e punteiro, con selos e patentes que xeraron riqueza e salvaron vidas. Hoxe Zeltia xa non é unha empresa galega mais a súa historia ten tamén moito que ver coa Galiza que puido ser.

O Instituto Miguel Servet e Zeltia son froitos da paixón dunha xeración que cría no potencial de Galiza, que imaxinou o futuro e fixo realidade os soños. Ata onde lles deixaron. Porque o fascismo destruíu grande parte daqueles anceios transformadores. Asasinou as arelas de modernidade e de xustiza, de traballo e prosperidade que levaban no corazón Alexandre Bóveda e Victor Casas, Ánxel Casal e Xohan Carballeira. Cando Galiza se miraba no espello das nacións máis avanzadas de Europa.

O Instituto Miguel Servet e Zeltia son froitos da paixón dunha xeración que cría no potencial de Galiza

 

O fascismo esnaquizou aquel soño colectivo, arrasou unha xeración prodixiosa, reduciu a cinzas o programa de modernización que nacera entre 1916 e 1918 da man das Irmandades. Da man do nacionalismo.

Foi dura a caída, amarga e cruel a derrota de tantas arelas, de tantos anceios. Mais fomos capaces de erguernos de novo e proseguir o camiño. Agora cómpre mirarnos no espello desa historia de amor e de compromiso. Sen complacencia e sen nostalxia. Con orgullo, con convición e determinación. 

É tempo de mirar atrás para chegar máis lonxe. É tempo de enxergar o futuro, de construír a Galiza do porvir coa semente da Galiza que puido ser.