Nestes días Galiza e o mundo enteiro gozan da beleza policromada do excepcional conxunto escultórico do Mestre Mateo: o Pórtico da Gloria. Convén lembrar que esta obra magna da arte universal foi o froito dun tempo de esplendor no que Galiza era un reino soberano, nos séculos XII e XIII. Mais non foi un produto illado, canda o Pórtico o noso país alumeou a arte do románico e do gótico e unha vizosa literatura en galego na que brillan con luz propia as cantigas de amigo, de amor e de escarnio e maldicer.

Daquela, con goberno de seu, a soberanía política galega fixo abrollar a soberanía estética: unha cultura xenuína, plena, normalizada e que se expresaba na lingua propia do país. Porque naquel tempo os reis e raíñas, o escultor Mateo, os canteiros que labraron as pedras da catedral, as mulleres que crearon e transmitiron a tradición oral da que proceden as cantigas, todo a sociedade se expresaba a cotío en galego. E en ningunha outra lingua, agás  latín nalgúns usos rituais e eruditos.

"Naquel tempo os reis e raíñas, o escultor Mateo, os canteiros que labraron as pedras da catedral, as mulleres que crearon e transmitiron a tradición oral da que proceden as cantigas, todo a sociedade se expresaba a cotío en galego. E en ningunha outra lingua, agás  latín nalgúns usos rituais e eruditos"

 

O Pórtico da Gloria foi durante séculos a fachada exterior da catedral compostelana, cunhaimaxesemellante á que presenta hoxe, salvando as distancias artísticas, a fermosa portada da igrexa de San Martiño de Noia. Mais no século XVIII a catedral foienvoltacunha nova fachada barroca que ocultou a portada orixinal, a obra mestramateana. Eran outros tempos, con outra monarquía e outros gustos estéticos.

Mais o Pórtico resistiu o tempo de intemperie e tamén de ocultación. E hoxe é unha das máis rutilantes obras que deu Galiza ao longo dos tempos. É un sinal de identidade e de orgullo que, logo dun minucioso e custoso labor de restauración, loce en toda a súa gama de cores. Unha obra restaurada maiormente con fondos públicos ou con beneficios fiscais da iniciativa privada deber ser unha obra de acceso público gratuíto para o pobo galego. E debe contar con un programa de interpretación que explique o seu significado histórico e o contexto no que foiconstruído.

Mais cómpre ir máis alá, convertendo esta obra universal nunha apelación permanente á conciencia do pobo galego e á responsabilidade do seu goberno. É preciso que nos fagamos como colectividade a pregunta-desafío que deixou Castelao:

"Que diriamos se o Estado mandase derrubar o Pórtico da Gloria? Pois eu digo que o noso idioma é unha obra de arte mil veces superior á obra do Mestre Mateo. Creouna o xenio inviolable do noso pobo e labrouna o amor, a dor e aledicia de moitísimas xeracións...".

O Pórtico do Gloria sobreviviu aos séculos, ás mudanzas estéticas, ás inclemencias climáticas e políticas. Mais temos un goberno que presume de Pórtico e que lexisla e actúa para destruír o idioma milenario que é a maior creación que deu Galiza ao longo dos tempos: unha obra mil veces superior á do Mestre Mateo.



x