O pasado 15 de decembro de 2017, Mouriño, Feixóo e a alcadesa de Mos Lidia Arévalo anunciaban aos catro ventos o proxecto dunha grande cidade deportiva en Mos, nas parroquias de Pereiras e Tameiga, un equipamento de primeiro nivel con un estadio para unhas 10.000 persoas, sete campos de fútbol, pavillón, piscina e spa. Ao día seguinte, o concello e o Celta asinaban un convenio urbanístico para incluir no plan xeral de Mos as determinacións necesarias para o desenvolvemento da Cidade Deportiva do Real Clube Celta de Vigo.

O procedemento para facer público o proxecto presenta moitas zonas de sombra. En primeiro lugar porque parece que se adopta unha decisión política e logo ponse a funcionar a maquinaria administrativa para facela realidade: dáse por feito que se vai aprobar a modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal para cambiar o uso de 864.000 metros de solo rústico e convertelos en equipamento deportivo e comercial; dáse por feito que os informes sectoriais e de diversas administracións van ser positivos; e dáse por verdade incuestionábel que se vai declarar o interese público do proxecto, o que permitiría a expropiación forzosa dos terreos, a metade deles monte comunal. Moitas suposicións cando aínda non comezara a rodar a bola.

Mais nesta historia non hai só balóns, hai tamén pelotazo. Porque o proxecto da Cidade deportiva é unha tapadeira para coar un macrocentro comercial de 120.000 metros cadrados asociado ao equipamento deportivo. Isto é, estamos diante dunha operación especulativa de grupos inversores foráneos que levan tempo pairando como voitres sobre a zona sur da provincia de Pontevedra para construir unha grande área comercial na área de influencia de Vigo. Primeiro intentárono en Monte Cabral e agora atacan en Tameiga. E son tan altruistas que se ofrecen a financiarlle ao Celta unhas instalacións de primeira.

O proxecto da Cidade deportiva é unha tapadeira para coar un macrocentro comercial de 120.000 metros cadrados asociado ao equipamento deportivo

 

Máis alá de que o Celta é unha empresa, que mañá pode estar en mans de capital chinés ou catarí, non hai ninguna razón para poñerlle á alfombra nin para outorgarlle o interese ou utilidade pública a un proxecto que é diante de todo un xigantesco negocio privado. Unha iniciativa que vai ter un forte impacto negativo no monte comunal e na contorna, nos usos do solo, nos recursos hídricos, no sistema viario e no comercio tradicional. E cómpre deixar claro que se o obxectivo é a cidade deportiva do Celta, nin é necesario ocupar 840.000 metros cadrados nin levar as instalacions fóra de Vigo. Semella que aquí, como noutras liortas, hai tamén outro partido en xogo.

E neste caso, como acostuma, o PP ponse do lado dos poderosos, dos expoliadores, dos especuladores, dos depredadores. E por se non fose abondo co maquiavélico plan trazado, anuncian unha nova modificación da lei do solo —vía lei de acompañamento dos orzamentos— para outorgarlle a promotores privados as facilidades da administración para expropiar terreos de maneira forzosa, fixando o prezo e deixando as persoas propietarias sen marxe de manobra. Un auténtico dereito de pernada medieval aplicado ao urbanismo do século XXI e deseñado a medida de iniciativas como a do Celta en Mos.

A pelota botou a rodar e o resultado final vai depender da capacidade de resposta e mobilización social en defensa do monte, do uso sustentábel do territorio e do ben común fronte á especulación e á depredación. Estamos a tempo de parar o pelotazo e gañar o partido.