A prórroga por 60 anos da concesión de ENCE nas marismas de Lourizán foi unha decisión política do goberno Rajoy tomada en xaneiro de 2016, pola porta de atrás e con moitas zonas escuras. Trátase dun exemplo de libro da corrupción en B do poder político, que adopta decisións que favorecen intereses privados e que prexudican o interese social maioritario e hipotecan o futuro da nosa Terra. Lembremos que estamos a falar da concesión gratuita a unha empresa privada até 2073 de 600.000 m2 de terreos de dominio público gañados ao mar, uns terreos que segundo o Plan de Ordenación do Litoral (2011) configuran unha Área de mellora ambiental e paisaxística na que se deberán levar a cabo actuacións de rexeneración, restauración e reordenación.

A implantación de ENCE na ría de Pontevedra foi unha decisión do Estado franquista que responde ao deseño da dependencia económica de Galiza: o noso país cumpre a función de fornecedor de materias primas, mediante actividades extractivas de recursos que deixan fortes impactos no territorio e que levan os beneficios para fóra. Trátase dunha decisión de grande calado, desenvolvida ao longo do tempo coa connivencia do goberno estatal e autonómico, e que ten importantes repercusións ambientais, económicas e políticas.

A implantación de ENCE na ría de Pontevedra foi unha decisión do Estado franquista que responde ao deseño da dependencia económica de Galiza

 

Máis alá do fortísimo impacto ambiental, visual, olfactivo e estético, máis alá da hipoteca que supón para o equilibrio ambiental e a actividade produtiva da ría, máis alá das repercusións para o desenvolvemento urbano de Pontevedra, a implantación e a a actividade de ENCE condicionou a política forestal galega e a evolución do noso monte xa que foron os intereses e a demanda da pasteira as que deron lugar á forestación masiva e a expansión do eucalipto mesmo moi por riba das previsións do Plan Forestal Galego do ano 1992, actualmente en revisión. Consolidouse pois un modelo produtivista, con madeiras de crecemento rápico, baixo prezo e destinadas á primeira transformación, con pouco valor engadido e fortes impactos paisaxísticos e ambientais. Un modelo de monocultivo que ano tras ano gaña terreo en detrimento da superficie agraria e de usos diversificados e sustentábeis do monte, que se expande sen control por amplas zonas do país e que ten tamén relación directa cos efectos devastadores dos incendios forestais.

Mais a trama de intereses de ENCE deu lugar a unha contaminación aínda máis nociva que a que se produce na ría e nos montes galegos. É a contaminación da democracia, a utilización da administración do Estado (e da súa rede de sumidoiros) para favorecer intereses privados, mesmo coa modificación a medida de normas de todo tipo. É a corrupción en B, a que se publica no BOE e no DOG, a que se cociña na escuridade dos despachos oficias e nos consellos de administración das portas xiratorias. No consello de administración de ENCE no que que se sentan nada máis e nada menos que unha antiga ministra de Medio Ambiente do goberno do Estado e un ex conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galiza.

A corrupción en B, a que se publica no BOE e no DOG, é a que se cociña na escuridade dos despachos oficias e nos consellos de administración das portas xiratorias

 

O cambio de goberno no Estado constitúe unha oportunidade para cuestionar este modelo e anular os acordos adoptados a respecto da permanencia de ENCE na ría de Pontevedra, tal como demandou o concello de Pontevedra. É un dos temas centrais da axenda galega para o novo goberno socialista, que debe transformar en feitos o que até agora foron boas palabras.

E máis alá do dereito a unha ría libre da peste de ENCE, teremos que seguir dando a batalla por un monte vivo, multifuncional e sustentábel e por un rural vivo e con futuro.



x