A loita pola recuperación das Torres de Meirás é un símbolo para a esperanza. Nos albores deste século un grupo de persoas valentes e teimudas puxeron en pé unha reivindicación que co tempo comezaría a dar o seu froito. No combate pola memoria do pasado cómpre ter memoria do presente e por iso é de xustiza recoñecer o labor daqueles homes e mulleres pioneiras (imposíbel non citar a Manolo Monge) que proclamaron no deserto social e mediático o roubo de Meirás.

Froito daquela semente e dun goberno do BNG no concello de Sada presidido por Abel López Soto xurdiu a idea da declaración das Torres como BIC, que se convertiu en realidade grazas ao impulso dun goberno galego con mando nacionalista na área de cultura e patrimonio. Non foi unha tarefa doada polos atrancos e a hostilidade da familia Franco e polo escaso entusiasmo co que o PP asumiu a proposta a partir do ano 2009.
Foi un pequeno paso simbólico, unha batalla gañada nunha guerra longa contra a impunidade do franquismo, contra o expolio de bens públicos, contra a blindaxe constitucional dos privilexios e prebendas que a familia do Ditador acaparara ao longo do tempo. Unha travesía pola dignidade colectiva que tivo aínda episodios vergoñentos como os convenios asinados pola Xunta e a familia Franco nos anos 2012 e 2013, cos que o goberno galego financiou con 53.713 euros a herdanza do Ditador. Diñeiro público para sufragar os gastos da apertura ao público de Meirás, á que a familia estaba obrigada por lei.


E así chegamos ao verán do ano 2017, verdadeiro punto de inflexión dunha historia de impunidade e comezo dun tempo de esperanza. O anuncio de que a Fundación Franco xestionaría as visitas, a intención de converter Meirás nunha especie de parque temático de exaltación do franquismo deu pé a unha onda de indignación que percorreu a sociedade galega e puxo a Xunta, o PP e os Franco contra as cordas. 

Froito daquela semente e dun goberno do BNG no concello de Sada presidido por Abel López Soto xurdiu a idea da declaración das Torres como BIC

 

A acción institucional da Deputación da Coruña ao mando da súa vicepresidenta Goretti Sanmartín, as iniciativas nos concellos e no Parlamento galego, as denuncias no Parlamento europeo e na ONU, accións de grande impacto como a ocupación simbólica do Pazo contribuiron decisivamente a poñer no foco galego e internacional unha indignidade e unha indecencia democrática.

O monumental traballo de investigación realizado por Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo, (compilado no libro Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio) constitituíu un demoledor alegato contra o roubo e a impunidade. E contra todas as complicidades que se teceron —durante a Ditadura e na monarquía constitucional— para blindar un latrocinio de xigantescas proporcións.

Agora estamos no momento decisivo. É a hora de que o pobo galego faga valer os seus dereitos para mandar definitivamente o fascismo e os seus testaferros ao depósito de lixo da historia. É unha cuestión de dignidade colectiva, de decencia e de hixiene democrática. E unha homenaxe definitiva e necesaria a todas as vítimas do fascismo. Mais temos que ser conscientes de que non está nada feito e que o que queda non vai ser fácil. Desde a Xunta e o goberno central xa avanzaron que se trata dun proceso lento e complexo, no que non parecen actuar nin con dilixencia nin con entusiamo. Entretanto, a Fundación Franco segue facendo apoloxía da Ditadura e coa familia do xenocida pide penas de cárcere e multas para 19 demócratas que ocuparon pacificamente o Pazo. 

Mais non fixemos a travesía deste deserto para perder a batalla decisiva. Temos que poñer todas as nosas enerxías en gañala e a continuación seguir esixindo e construindo políticas públicas de memoria histórica democrática antifascista galega.

É a hora de que o pobo galego faga valer os seus dereitos para mandar definitivamente o fascismo e os seus testaferros ao depósito de lixo da historia

 

Meirás é xa un símbolo para a esperanza. O símbolo dunha Galiza rebelde e combativa. Un exemplo dos froitos que dá o traballo social, dos logros do compromiso coa memoria, das conquistas da coherencia e da determinación. É un exemplo do moito que avanzamos —ainda que non o pareza— en quince anos. 

Acaso alguén soñaba en 2003 con chegar aquí? Só falta o máis importante, rematar a faena. Torres máis altas caeron.



x