A participación de Sabela Ramil no Reality OT é un fenómeno social e mediático de grande repercusión en Galiza (e tamén fóra). A súa decisión de cantar en galego e a escolla do repertorio é un sopro de ar limpo e fresco que nos pon diante do espello das nosas frustracións, contradicións, expectativas e fortalezas.

A primeira reflexión que esperta é a do papel da televisión pública española en relación coa diversidade cultural e musical do Estado: a negación, a ocultación e a invisibilidade. Tivo que ser a acción valente e consciente dunha moza galega de vintecatro anos a que puxese o contrapunto extraordinario na normalidade dunha TVE que exclúe a nosa música e a nosa lingua.

A segunda lectura é a da lección de orgullo e autoestima que supón a aposta de Sabela Ramil por un repertorio de cancións galegas, presumindo da súa beleza, da súa riqueza e da súa valía como instrumento estético e de comunicación. Nestes tempos de renuncias e de (auto)negacións, o seu xesto fai pola promoción da lingua mil veces máis do que todas as inútiles campañas e plans dun goberno que lexisla e actúa contra o idioma propio. E sobre todo supón un referente positivo e un espello no que mirarse para unha mocidade que disque deserta do país e da lingua.

A segunda lectura é a da lección de orgullo e autoestima que supón a aposta de Sabela Ramil por un repertorio de cancións galegas

 

A terceira conclusión é a constatación do talento, a excelencia e a creatividade da música galega, por máis que fallen resortes básicos para dotala de estabilidade e visibilización, desde o ámbito formativo, ao divulgativo e profesional. O que podería chegar a ser, como o conxunto da cultura galega, cun goberno e uns medios públicos que cresen nela, no seu poder como marca de identidade e de calidade dunha nación! Ese é precisamente o problema, que nin cren nin queren.

A cuarta lección que nos brinda Sabela é o recoñecemento nun repertorio, nunha tradición musical, nuns nomes que son raíz e tronco a partir do cal despregar todas as potencias, todas as variantes, todas as melodías. E é a escolla do tema da final, a canción Tristras de Marful, toda unha declaración de intencións. Na reivindicación dunha artista xenial como Ugia Pedreira e dunha letra insubmisa, rabuda, transgresora e irónica. Na (re)descuberta dun grupo que cantou con éxito en palcos de fóra de Galiza, que fixo directos na BBC, mais non na TVG. 

En fin, que é tempo de sermos conscientes das frustracións, das derrotas, das dificultades, das submisións. E tamén é tempo de celebrar a grandeza, a beleza e a forza dunha cultura que ten na creación e na rebeldía o compás do seu futuro. É tempo de celebrar o espírito de Marful, de Tristras, de Ugia Pedreira e de Sabela Ramil. E de todas mulleres valentes que ensinan os dentes.

E se non abonda sempre fica a ironía: “Se non che chega este mundo faite astronauta”.



x