O 1 de decembro é xa para sempre o Día da Dignidade Galega. Naquel domingo chuvioso de 2002, máis de 200.000 persoas asolagaban con paraugas e berros de carraxe a praza do Obradoiro de Compostela. Era a contundente resposta dun pobo que se erguía en pé de loita fronte ao desastre ambiental do Prestige e fronte á incompetencia dos gobernos da Xunta e de Madrid.

Nunca Máis, a súa bandeira, as súas consignas e as súas creacións son un poderoso símbolo nacional. A expresión dunha sociedade, a galega, rebelde e combativa, afastada dos clixés construídos, dos relatos falsos e das simplificacións. Un pobo que deu unha lección ao mundo, que construiu unha fabulosa epopeia de autoorganización, de reivindicación, de solidariedade, e de defensa do mar e da imaxe colectiva de Galiza. Unha mobilización cívica, democrática e pacífica, que forma parte das grandes páxinas da historia do noso país e da humanidade. 

Nunca Máis é unha creación xenuinamente galega. Non se pode explicar nin por dinámicas políticas externas nin pola influencia determinante de factores alleos á nosa realidade. Se ben o apagón informativo e a censura dos medios públicos foi suplantado pola presenza continuada de cadeas de televisión e radio privadas, a constitución da plataforma na sede nacional do BNG o 21 de novembro de 2002 e todo o que se artellou a partir desa data converteuse nun xigantesco movemento cidadán protagonizado de principio e a fin polo pobo galego e no que o nacionalismo tivo un papel decisivo como impulsor e catalizador. E por iso constitúe unha fraude e unha falsificación da historia pretender transformar NM no antecedente de movementos e organizacións importadas, cos que ten pouco que ver. 

Constitúe unha fraude e unha falsificación da historia pretender transformar NM no antecedente de movementos e organizacións importadas, cos que ten pouco que ver

 

Nunca Máis foi un movemento plural e poliédrico, que se multiplicou e amplificou nun senfin de accións expansivas: nas rúas, nas rías, nos palcos, nos teatros, nos parlamentos, na arte e na literatura. Unha grande cadea humana recollendo chapapote, limpando as praias e rexenerando o debate público. Unha explosión de indignación e de creatividade. Unha labarada de luz, de orgullo, de rebelión civil, de identidade e de dignidade. 
Nunca Máis foi unha grande revolución social e cultural, un fito senlleiro na historia dunha nación en construción. Por iso é tan importante sermos conscientes do pasado e do seu relato cheo de ética e de épica. E máis alá de visións nostálxicas, sermos quen de convertelo en ferramenta de transformación, de cohesión e de avance, mirando sempre ao futuro: coa esperanza que dá a dignidade que nos precede e que nos pertence. 



x