A xustiza española é unha institución rancia e reacionaria, que rezuma clasismo e machismo. No seu cerimonial e nos seus ritos, compórtase como un corpo elitista, distante e autoritario. Vixiante do mantemento do statu quo, despregou todo o seu arsenal represivo na resposta ao desafío soberanista catalán. E vela tamén con dilixencia polos intereses dos máis poderosos.

Alén disto, é unha institución afastada do noso país e da súa e realidade cultural e lingüística, un corpo uniforme, centralizado e centralista. Tanto a Constitución como a Lei do Poder Xudicial deseñan unha armazón unitaria, vertical, na que non ten cabida a descentralización. Nada que ver con sistemas federais ou confederais que rexen en países europeos como Alemaña, Suíza ou o Reino Unido, moito máis descentralizados en materia xudicial.

Tanto a Constitución como a Lei do Poder Xudicial deseñan unha armazón unitaria, vertical, na que non ten cabida a descentralización

 

En materia idiomática, o marco legal establecido na Constitución e na Lei do Poder Xudicial conforman un sistema de apartheid lingüístico, con todas as prerrogativas para a lingua dominante e imposta, o español, e apenas o recoñecemento do dereito de uso para a lingua históricamente excluída dos usos oficiais, o galego.

Unha desigualdade confirmada na Lei de Normalización Lingüística —logo da anulación do artigo que establecía o deber de coñecer e usar o galego— e reforzada na práctica pola exclusión, a restrición ou as barreiras de todo tipo que se poñen ao emprego da lingua propia de Galiza. Contra esta evidente discriminación quería actuar o Plan de Normalización do uso da lingua galega do ano 2004, que no ámbito da xustiza fixaba medidas de oferta positiva e promoción do uso do galego que ficaron en meros desideratums pola inercia contraria e a falta de vontade política do goberno galego.

Contra esta evidente discriminación quería actuar o Plan de Normalización do uso da lingua galega do ano 2004

 

Nese Plan fixábanse entre outras as seguintes medidas favorecedoras do uso do galego: elaboración dun programa específico de normalización lingüística para a administración de xustiza; campañas de información sobre os dereitos lingüísticos da cidadanía; vertido ao galego dos programas informáticos de xestión e dos formularios de uso cotián; ou estabelecer que nos tribunais de xustiza, antes do inicio de calquera procedemento, se pregunte de oficio cal é a lingua habitual do cidadán e que esa sexa a linga de toda a actuación.

Ningunha destas medidas tivo un desenvolvemento efectivo ao longo dos quince anos de vixencia do plan. Por iso a presenza do galego no ámbito da xustiza segue sendo residual, produto do voluntarismo e do compromiso de profesionais que, con todo en contra, defenden, promoven e practican o uso do idioma.

A discriminación legal e institucional, o centralismo xudicial e a falta de medidas de estímulo fan que o xudicial sexa un dos ámbitos máis hostís para o galego. Unha realidade que cadra co sistema político español e coa exclusión da nosa lingua que practica o PP desde a Xunta de Galiza.



x