Jean Claude Juncker, líder dunha Unión Europea en crise de identidade e lexitimidade, lanzou a proclama: “O nacionalismo é un veleno”. En verdade a expresión foi un pouco máis longa: “O patriotismo é virtude, a cerrazón nacionalista é un veleno perigoso”. 

A lectura do aforismo sería máis ou menos así: o meu patriotismo é un sentimento nobre, bondadoso, leal, razonábel, necesario para o benestar e o progreso dos pobos. O nacionalismo dos demais é unha paixón insá, egoísta, agresiva e insolidaria. O razonamento pódese trasladar ao estado español, contrapoñendo o patriotismo sano y bien entendido, racional e pacífico, constitucional e democrático, de Casado, Rivera, Sánchez, Garzón ou Iglesias, cos irracionais e agresivos nacionalismos periféricos, froito das máis baixas paixóns humanas.

Como toda simplificación, como todo dualismo reducionista, o argumento baséase nunha trampa maniquea, a que identifica o nacionalismo con todos os males do mundo: o odio, a confrontación, o egoísmo, a senrazón, as guerras. Neste sentido, son nacionalistas ou ultranacionalistas Orban, Savini, Trump, Milosevic ou Putin. Os “demócratas” de toda a vida, sexan de dereitas ou de esquerdas, non son nacionalistas, son patriotas.

En realidade o debate está interesada e malevolamente distorsionado. Porque a realidade é moito máis complexa e non se pode reducir a dicotomías: nada ten que ver o imperialismo agresivo de grandes Estados que afogan a diversidade e ameazan a integridade e a soberanía dos demais coa defensa nacionalista da identidade, da soberanía, do dereito de autodeterminación e do benestar dos pobos. A onda de populismo, mesianismo e xenofobia que se estende por Europa está nos antípodas dos movementos de afirmación de nacións sen Estado que aspiran lexitimamente á independencia, como o fixeron anteriormente outros. Porque non debemos de perder a perspectiva histórica, que nos di que ducias de estados europeos naceron ao longo do século XX e algúns non teñen máis de tres décadas de historia. Son Eslovenia, Estonia, Eslovaquia e Macedonia froito da senrazón e do odio nacionalista? Ou son pobos pacíficos que queren simplemente decidir o seu destino?

Son Eslovenia, Estonia, Eslovaquia e Macedonia froito da senrazón e do odio nacionalista? Ou son pobos pacíficos que queren simplemente decidir o seu destino?

 

Que dicir das loitas nacionalistas (ou nacionais se o prefiren) do Kurdistán, Palestina ou a República Saharaui. Tamén teñen o veleno, o pecado orixinal nacionalista? Tamén son fillas da senrazón, do odio e da violencia? Asómbranme eses demócratas españois de esquerdas que ollan con simpatía as arelas do pobo saharaui e non comprenden —nin se esforzan por entender— o que teñen á beira da casa.

Digámolo claro: o nacionalismo galego foi ao longo da súa historia un movemento pacífico e democrático de afirmación da identidade colectiva, de autoorganización das clases populares e de loita pola xustiza social e pola equidade, de defensa dos intereses materiais do país, de reclamación de liberdades, e de loita polo exercicio do dereito de autodeterminación. E foi sempre un movemento aberto ao mundo, internacionalista, defensor da relación en pé de igualdade e solidario con todos os pobos que loitan pola súa liberdade.


Achégase a conmemoración do centenario do nacionalismo galego e teremos ocasión de falar de vagar desa gran historia.



x