O 25 de xullo, Día da Patria Galega, é unha xornada de festa e de reivindicación. Celebramos nesta data as loitas que nos precederon, o sangue derramado por homes e mulleres valentes e xenerosas, a dor e o amor que nos deixaron en herdanza, a fortaleza das ideas, o clamor da liberdade, a confianza serea no porvir.

Celebramos que somos parte dun proxecto político, o nacionalismo galego, que vén de lonxe, que superou as maiores adversidades, que abriu horizontes novos, que alumeou o tempo esperanzado da primavera do 36, que foi perseguido con saña polo fascismo, que renaceu da materia escura do terror e do silencio, e que volveu abrollar porque a forza do noso amor non pode ser inútil.

Vintecinco de xullo significa orgullo, paixón, compromiso, rebeldía, irmandade, afouteza, loita, luz, vontade, cohesión, fortaleza, esperanza, determinación, coraxe, humildade, estima, lealdade, teimosía, ética, amor, solidariedade, xustiza.

Celebramos que somos parte dun proxecto político, o nacionalismo galego, que vén de lonxe, que superou as maiores adversidades e que abriu horizontes novos

 

Vintecinco de xullo significa tamén esperanza e futuro. Capacidade para construír, para soñar, para erguer unha nación soberana, equitativa e próspera. Confianza no que somos e no que podemos chegar a ser, sen submisión e sen cadeas. 

Fortaleza e convicción para desenvolver todo o inxente potencial do mar, do agro, do monte, da terra e da auga. A enorme enerxía e o talento dun pobo que foi quen de sobrevivir contra vento e maré e que quere ser dono do seu destino.

É o día pois de sair ás rúas con alegría, de erguer as mans, os puños e as bandeiras. De entoar os cánticos da liberdade, de berrar os himnos e as consignas, de erguer a cabeza e o corazón, de camiñar con paso firme cara ao porvir.

O vintecinco de xullo, en Compostela e en todos os lugares do mundo onde alumea o ideal da nosa patria, fagamos ondear a estreleira e renovemos o compromiso coa república, coa xustiza social e coa liberdade de Galiza.



x