Sigo atento o proxecto de Podemos, e lin e meditei as respostas da súa representante Carolina Bescansa na entrevista na edición galega do xornal El País o pasado 26/12/2014. 

Sigo atento o proxecto de Podemos, e lin e meditei as respostas da súa representante Carolina Bescansa na entrevista na edición galega do xornal El País o pasado 26/12/2014. Reparei fundamentalmente nas concisas respostas a temas como son o da dialéctica esquerda-dereita, estrutura do estado, a identidade galega e, dentro desta, a valoración do que, no seu entender, preocupa á xente. Supoño que o espazo, e o propio formato da entrevista, non dá para facer matizacións  que eviten certos malos entendidos. Mais, tamén é certo que a ambigüidade que semella definir o movemento cidadán fai que consideremos se tal concisión non será intencionada. 

"Cando o entrevistador pregunta á dirixente de Podemos respecto da categoría que se lle daría a Galiza considera que o debate da relación entre a Galiza e o Estado español é un debate resolto hai tempo pola sociedade galega". 

Cando o entrevistador pregunta á dirixente de Podemos respecto da categoría que se lle daría a Galiza e despois de posicionarse, o que merece o meu total respecto, considera que o debate da relación entre a Galiza e o Estado español é un debate resolto hai tempo pola sociedade galega. Certo que os partidos nacionalistas non están nas súas cotas máis elevadas, mais iso non debe trasladar a sensación de que en diversos e numerosos sectores da sociedade galega non existe ese debate. Quizais dende os partidos nacionalistas haxa que reflexionar con serenidade e xenerosidade se as fórmulas presentadas son as máis acaídas na nosa sociedade e, penso, sería necesaria unha rexeneración que parta da nosa propia identidade e non esteamos tan pendentes do que funciona fóra. Que funcione ben fóra non implica necesariamente que sexa a fórmula correcta para nós.
Mais o que me resulta máis criticábel do seu discurso é cando reduce as preocupacións da cidadanía a cuestións de subsistencia económica. Ben, ela refírese á xente e non á cidadanía, que non é exactamente o mesmo. E hai un certo tufo a Despotismo Ilustrado de que só eles saben o que lle preocupa á xente, que non á cidadanía, e só eles saben solucionalo. 

E non digo eu que a situación económica non sexa hoxe a principal preocupación de milleiros de cidadáns da Galiza, e de millóns no resto do Estado español, na Europa, no mundo, ... Mais quero crer, preciso crer, que a homes e mulleres preocúpannos outras cousas. Incluso aparentemente espirituais. O para algúns absurdas, coma Galiza.

"E hai un certo tufo a Despotismo Ilustrado de que só eles saben o que lle preocupa á xente, que non á cidadanía, e só eles saben solucionalo". 

E, tal vez, o que aconteza é que dende formacións alleas a nós, nas que a identidade semella reducida a unha especie de “coros y bailes regionales da Sección Femenina”, esquecen que hai galegas e galegos que cando se preocupan do pago da luz, da auga, da vivenda, de subsistir coa maior dignidade no seu particular día a día, reparan que as políticas económicas que afectan a Galiza non son deseñadas dende nós. Veñen impostas por intereses alleos, onde a voz da Galiza a penas ten forza.

Se a Galiza fose soberana respecto dos seus recursos. Se aqueles que gañan bos cartiños co aproveitamento dos nosos recursos tributaran na nosa Terra. Se as decisións respecto de infraestruturas, organización territorial, política educativa axeitada ás nosas realidades, fosen adoptados soamente por nós. Se o noso aforro (e o dos nosos emigrantes) fose realmente noso. En fin, que cando nós sexamos nós e donos de nós, entón ... Mais isto arrastrámolo dende tempos de Antolín Faraldo.