Nestas eleccións 28A as galegas e galegos xogámonos moito máis do que queren facernos crer poderes do Estado, partidos de obediencia estatal ou medios de comunicación. Xogámonos, como as cidadanías das outras nacións do estado, acabar nunha involución democrática, un retroceso dos dereitos sociais, laborais e do medioambiente e a consolidación do empobrecemento da maioría social que padeceu de maneira completa a estafa da crise.

Romper co papel de vítimas da crise que nos asignaron sería motivo suficiente para votar En Marea nunhas eleccións, pero ademais nestas eleccións tamén se decide se Galicia ten unha presenza decisiva nun mapa político inestábel que ten como referencia común non ter en conta os intereses das galegas e galegos nas súas decisións. Ter presenza decisiva en Madrid significa ter capacidade de negociación con todas as forzas políticas en igualdade de condicións, sen complexos e sen prexuízo. Mantendo, como xa aconteceu cos orzamentos, os intereses de Galicia por diante de todas as decisións. Nese panorama político que vén, votar En Marea significa votar a favor do autogoberno, significa avanzar a cotas de maior soberanía para o noso país, de xeito que Galicia poida decidir naquelas cousas que nos afectan e avanzar cara un modelo de Estado que recoñeza as nacións que o integran e se articule no respecto das mesmas.

Votar debería ser un exercicio de pragmatismo para defender os dereitos das persoas

Votar debería ser un exercicio de pragmatismo para defender os dereitos das persoas. Votar En Marea é o pragmatismo da tripla garantía: a garantía da preservación dos dereitos sociais, a garantía de que se recuperarán os dereitos económicos perdidos durante a crise e a garantía de que Galicia contará nas decisións do estado. Seremos nós e actuaremos coma nós: a favor da maioría social, a favor da rexeneración e a radicalidade democrática para un país distinto, para un país mellor.

Con En Marea a decisión de favorecer un goberno de progreso e a decisión de defender os intereses das galegas e galegos é a mesma decisión. Estamos seguros decondicionar o PSOE para dar a volta aeses procesos de involución democrática e de políticas contra a maioría cando busca apoios na banda dereita do arco. En Marea non deixará que volva suceder o de 2016, cando foi posíbel evitar un goberno de dereitas e non se fixo.

Queremos colocar a Galicia como actor importante no escenario de España e Europa

Hai motivos para votar En Marea, queremos colocar a Galicia como actor importante no escenario de España e Europa, queremos ser decisivos e condicionar as decisións sen tutelas, sen ataduras, sen outro compromiso que o que temos coa cidadanía.

Deixamos moi claro este compromiso rexeitando uns orzamentos que reducían nun 40% a consignación para Galicia, un desprezo que outros non tiveron reparos en aceptar esquecendo que votos os levaron até o Congreso.

Quedaba sen orzamento a condonación do préstamo de 200 millóns de euros de Portos do Estado á Autoridade Portuaria da Coruña para a construción do porto exterior de Punta Langosteira e sen financiamento a conexión ferroviaria para garantir a súa plena operatividade, a súa conectividade e promoción internacionais, en especial no referido ao Corredor do Cantábrico. Quedaba sen fondos a mellora dos servizos de transporte ferroviario de media distancia en Lugo, e as conexións coa Coruña, Ourense e Monforte de Lemos. Quedaba sen consignación a modernización dos sistemas de regadío en Terras de Lemos, Terra Cha e A Limia. Quedaba sen inversión a saída sur ferroviaria de Vigo, con compromisos temporais concretos e dotacións económicas para prolongar o Corredor do Eixo Atlántico con Portugal, que serviría como elemento facilitador para optimizar as conexión de proximidade na área metropolitana de Vigo.

En Marea está coa xente, está contigo e este é un motivo grande e fraternal

Son cousas que En Marea defenderá como parte do seu programa, como argumentos que as galegas e galegos teñen dereito a desfrutar, teñen dereito a usar para ter un futuro mellor e unha vida máis xusta. Queremos todo isto e non nos parece tanto, ao igual que queremos a eliminación definitiva da prórroga a ENCE na súa ubicación na ría de Pontevedra.

Estes e outros trescentos argumentos do programa son motivos para votar En Marea. Son motivos prácticos, directos, útiles. Pero hai outros dous motivos dos que estivemos facendo lema estes días de campaña. En Marea está coa xente, está contigo e este é un motivo grande e fraternal. E hai outro motivo, que vai de último pero é dos primeiros: estando En Marea deciden as persoas, deciden os dereitos, decide a maioría. Ti decides.