Despois dun setembro en que os feminicidios se multiplicaron por tres nun dos casos, como nos espantosos crimes de Valga, e de comprobar por enésima vez que isto non lle quita o sono a ninguén, nin sequera ao presidente en funcións, que parece telo tan leve, volvemos ás rúas, a berrar, que é o noso.

Neste verán de políticxs insomnes e desencontros múltiples, onde case todo parou, agás os asasinatos, violacións, acoso e maltrato ás mulleres, unha voz clara que veu de Suecia para reclamar nada menos que pola Terra foi atopando eco entre a rapazada e tamén entre moita xente maior que sabe perfectamente que esta nena ten máis razón que unha santa.

E, como todo nesta sociedade do espectáculo agonizante na que vivimos, tan pronto como a mensaxe calou na sociedade global, agromou a marea de entre nós odiadores profesionais, se é que isto de odiar é declarado nalgún momento profesión.

Xs individuxs, de diferente orixe e vocación (salvo a común de odiar), saltaron tal acróbatas sen rede, precisamente nas redes sociais, a burlarse da boa de Greta Thunberg, a rapaza sueca que un día, non hai moito, descubriu que lle roubaran o futuro e atopou na protesta a lóxica canle para exteriorizar semellante perda.

Como sabedes, comezou nas portas do Parlamento sueco cunha pancarta feita a man e o movemento que tivo, como é normal, moita aceptación foi medrando cada venres (#Fridayforfuture) até ter tentáculos de xente nova que se suma ás protestas no planeta enteiro, e xerar mobilizacións tamén planetarias para reclamar aos líderes mundiais que se poñan media pila.

Os odiadores insúltana, acúsana e búrlanse desta rapaza de dezaseis anos cun par de longas trenzas e unha predisposición absoluta a enfrontarse con quen sexa, convencida como está de que o mundo que coñecemos ten os días contados.

Dende a dereita xa vos podedes imaxinar o discurso e, polo tanto, non vou entrar nel porque esas mentes retorcidas me intimidan, pero é que do sector progre toda esa “elocuencia” destinada a concienciarnos (porque a maioría de nós somos analfabetos funcionais e precisamos dxs gurús que nos iluminen) sobre teorías que nos salven, da nena que quere salvar a Terra, non son menos inquietantes.

Entón aparece George Soros, que ao parecer está detrás de todas as conspiracións habidas e por haber, din que poñendo cartos dos que lle sobran para arranxar o mundo ao seu xeito (como se chega a el? Aquí artista periférica necesitando mecenas), até príncipes monegascos e os seus iates non contaminantes.

Acúsana, entre outras cousas, de ter “un discurso emocional, mais desestruturado”, ao tempo que din que vai detrás dela todo o ecoloxista e salvador da Terra. Como é posíbel? Unha cousa ou a outra, digo eu...

Quéixanse de que no Terceiro Mundo xs líderes e lideresas medioambientais son asasinados sen que ninguén se faga eco dos crimes (e é certo, iso ocorre con todos os seres humanos que se enfrontan ás multinacionais de calquera etioloxía), mentres unha rapaza loura, occidental, branca, por suposto, e co seu síndrome de Asperger incluído, está falando verdades (ninguén o pode negar) nos cumes mundiais polo clima, cando hai apenas un ano levaba só un carteliño de cartón pintado a man. E eu pregúntome: que culpa ten Greta de que asasinen os ecoloxistas, de ser branca e loura, de pertencer a un dos países máis ricos do primeiro mundo, e de que a súa mensaxe callase tan a fondo na xente?

O problema é que é unha rapaza. Como Malala Yousafzai, como Ahed Tamini, símbolo da resistencia palestina, como Muzoon Almellehan, a activista siria. O problema é que son nenas. É verdade que todas tiveron un eco ao que non chegan xs medioambientalistas indíxenas latinoamericanos, por exemplo, pero en todo caso non é culpa de ningunha delas. Defenden causas xustas e fano porque cren nelas. Se todas esas causas son importantes, a de Greta é vital, ben o sabemos, e ben o saben tamén xs negacionistas que actúan só en nome dos seus espurios intereses.

[Este artigo de opinión foi publicado no número 366 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]