Tiña outro artigo preparado para hoxe, mais penso que cumpría falar un pouco dunha muller que vai quedar gravada para sempre no corazón e na loita das mulleres. E non soamente no Brasil. 

Dilma Rousseff, a primeira muller en presidir o goberno do país máis grande e máis potente da América do sur, vén de ser derrotada. Non nas urnas, onde levaba adiante o terceiro goberno do Partido dos Traballadores do Brasil que gañara co 56% dos votos, senón nos despachos. Nos despachos da embaixada do imperio (e outras máis pertas a nós, seguramente) que sen dúbida contraataca, nos despachos das axencias de información que pertencen ás oligarquías máis rancias do continente, nos despachos das grandes empresas onde se foi urdindo esta farsa que encobre un golpe de estado acorde coa liña que se decidiu hai tempo en Washington, e que ten o principal voceiro en Arxentina co presidente Mauricio Macri

Oligarquía fascista, racista, misóxina, homófoba e sobre todo cipaya

Os setenta e un mega millonarios que son donos do Brasil, o xigante durmido que parece estar destinado a non espertar de verdade nunca xamais, unha elite que non dubida en asasinar a quen se opoña aos seus plans dende tempos inmemoriais (acordádevos de Chico Mendes) e en ofertar ao imperio a xoia da coroa, a Amazonia, a reserva ecolóxica da humanidade, a cambio de ter a súa protección mafiosa para seguir asoballando ao pobo. Ao pobo ao que odian, por outra banda. Que desprezan por ser pobres, coma se a miseria non a provocaran eles mesmos. Que rexeitan por negros, mulatos, indíxenas. Unha oligarquía que detesta particularmente as mulleres. Oligarquía fascista, racista, misóxina, homófoba e sobre todo cipaya

Con eses mangantes canallas tivo que lidar Dilma Rousseff. E fíxoo ben. Fíxoo pensando na xente e máis que nada na xente pobre. A xente pobre das cidades, os millóns das favelas, a xente pobre do campo.

Evidentemente que todas estas manobras responden a un plan preconcibido que no 73 comezou co golpe contra o goberno de Salvador Allende en Chile, pero que na contemporaneidade tivo a súa primeira mostra co golpe de estado en Honduras ao presidente Manuel Zelaya, que foi seguido do golpe contra Fernando Lugo, o presidente de Paraguai (un país que, como sabedes, soportou unha ditadura fascista sanguenta durante case corenta años).  

Un continente ferido, espoliado, torturado xa dende una conquista bestial e até catrocentos anos despois, nos que segue a soportar sobre o seu lombo os negociados das súas oligarquías co imperio de quenda. 

Podería estar horas enredando palabras sobre Latinoamérica, mais cumpre falar de Dilma Rousseff. Unha muller excepcional, unha loitadora consecuente, unha persoa implicada co destino das mulleres. Coa teima de melloralo de vez.

Quédanos esa imaxe da rapaza que se enfrontou a ditadura, a guerrilleira torturada coa mirada altiva porque non recoñecía aos impostores que a xulgaban. Igualiño ca hoxe.

Cando Dilma, dunha familia de clase media alta que xogou a vida polos seus ideais, chegou á presidencia do Brasil, dixo que recibira a misión máis importante da súa vida. Pensaba que aquel compromiso poñía en relevo un grande avance democrático do seu país  xa que, por primeira vez, unha muller ía presidir o goberno do Brasil. E estabeleceu o seu primeiro compromiso coas mulleres do seu país. Comprometeuse a honralas para que este feito puidera se repetir indefinidamente. A igualdade de oportunidades entre homes e mulleres constitúe un principio esencial da democracia, dixo. Gustaríame moito que os pais e as nais das nenas poidan hoxe miralas aos ollos e dicirlles: Si, a muller pode.  

A Dilma non a derrocaron polos seus erros, que os tivo. Derrocárona polos seus acertos

A Dilma non a derrocaron polos seus erros, que os tivo. Derrocárona polos seus acertos. Por intentar diminuír a pobreza endémica dun dos países máis ricos do mundo, por apoiar leis que castigaran severamente os feminicidios que tiña claro son unha cuestión de xénero (trece mulleres son asasinadas ao día no Brasil), por promover unha lei do aborto (miles de mulleres morren no Brasil por abortos clandestinos), por cesar os sete ministros salpicados por sospeitas de corrupción (igualiño que no estado onde delinquir leva premio). Por ser muller e non TEMER.

Ollade para as primeiras medidas de Temer: nomea o primeiro gabinete composto exclusivamente por homes brancos dende a xunta militar. A idade media dos ministros é de case 60 anos (a metade do electorado son mulleres, o 54% afrobrasileiros e o 84% da poboación ten menos de 45 anos). Desintegra o Ministerio de Igualdade e convérteo en Secretaría da Muller (a cargo da evanxélica Fátima Pelaes, antiabortista). Borra do mapa o Ministerio de Cultura. Como se di no Uruguai: se nos vino la noche.

Remato coas propias palabras da presidenta Rousseff: "Não cometi crime de responsabilidade. Não tenho contas no exterior, jamais compactuei com a corrupção. Esse processo é frágil, juridicamente inconsistente, injusto, desencadeado contra pessoa honesta e inocente. A maior das brutalidades que pode ser cometida por qualquer ser humano: puni-lo por um crime que não cometeu".