O dito vén de ser escoitado en campaña, da boca do candidato da Francia Insubmisa, Jean–Luc Mélenchon, para se referir ao orgullo que sente de que a súa filla e a súa neta sexan, coma el di que son, feministas intransixentes. Era, ao meu parecer, luces e sombras mediante, o mellor candidato, o máis digno do pasado, xa moi pasado, daquela Francia Faro de Alexandría do mundo. O caso é que os cans non fan gatos e as mazás non caen moi lonxe da árbore (dito saxón), e vai ser por iso, por non mencionar a Sigmund (Freud), que a máis pequena das fillas de Jean-Marie Le Pen é a súa herdeira a todos os efectos. O fillo varón que a natureza non lle deu. E tamén vai ser por iso polo que, coma noutras ocasións, a posibilidade de que unha muller chegue á presidencia dun país poderoso como Francia, non vai ser un triunfo feminista. 

Houbo momentos nos que case rozamos a idea do festexo. Como ante a posibilidade de que Ségolène Royal fose inquilina do Eliseo hai xa dez anos, antes de perder fronte ao macho alfa Sarkozy. No persoal, e sinto disentir coas compañeiras ianquis, non tiña ese afán sororidario con Hillary Clinton, dun feminismo declarado, mais abandeirada dunha política internacional coa que nunca estaremos de acordo as feministas de esquerdas (non imaxino outro xeito de ser feminista). As mulleres temos a negra sombra de cando acadaron moito poder algunhas coma Margaret Thatcher e fixeron unha política igualiña que o máis alfa dos machos, cuxo beneficio para nós resultou inexistente. Hai máis exemplos, pero a idea non é facer un monográfico sobre mulleres e poder, senón analizar por que o triunfo de Le Pen nas eleccións francesas non sería bo para nosoutras. E para marcar territorio, tamén con luces e sombras -ninguén é perfecto-, destaco en América Latina tres nomes: Cristina Fernández, Dilma Roussef e Michelle Bachelet.

As mulleres temos a negra sombra de cando acadaron moito poder algunhas coma Margaret Thatcher e fixeron unha política igualiña que o máis alfa dos machos

Imos a Marine. Malia os esforzos cosméticos por desfacerse dunha imaxe ultradereitista caricaturesca e caduca, herdanza do patriarca, Marine le Pen non só é filla de quen é: o seu pensamento é o que é. Un ideario baleiro de contido práctico e aplicábel en moitos aspectos económicos, que exalta o patriotismo barato, carga ás costas dos inmigrantes as culpas de todas as miserias francesas, desacorda coas cotas estabelecidas para que as mulleres accedan a cargos políticos, quere abolir o matrimonio igualitario, está en contra do aborto, da eutanasia, propón a pena de morte (por citar algúns puntos), nun estado intervencionista defendido dos sindicalistas e dos musulmáns (e das posíbeis protestas sociais, que falamos de Francia), empregando a fondo a famosa man dura. Non fai falla facer un estudo pormenorizado do programa do FN para decatarse de que ningunha feminista que se prece pode avalialo. Cómpre dicir que este ballotage remite a elixir entre o malo e o malo. Non hai opción satisfactoria entre un banqueiro neoliberal disfrazado de socialista sen partido e unha fascista consumada disfrazando o seu partido de antisistema. Marine Le Pen propón a redución de inmigrantes legais a 10.000 ao ano (vinte veces menos que até agora), negándolles o reagrupamento familiar, pero tamén propón unha lei que outorgaría as nais -francesas- un salario maternal (80 % dos seus salarios) para coidaren os fillos durante tres anos: unha maneira rancia e conservadora de mandar ás mulleres á casa e baixar artificialmente as cifras do desemprego. A sedución de boa parte da sociedade francesa pola extrême droite vén de lonxe: atacou a Comuna, aliouse co bonapartismo despois da derrota de 1871, tivo posicións antisemitas (caso Dreyfus), amores co réxime de Vichy. Durante anos escondeuse na escuridade: na loita contra os movementos de liberación nacional en Indochina e Alxeria, por exemplo. Mais foi Le Pen, o pai e patriarca, quen lle devolveu a visibilidade da que hoxe goza, e a súa filla Marine é a que a pode alzar aos máis altos cumes do poder. Uns cumes de xenofobia nos que as feministas non estaremos.