Tres mulleres asasinadas nun fin de semana encarnizado. Mulleres novas, con fillos, cunha vida por diante que tres malnacidos decidiron rematar. O pai dunha delas, nesta época na que todo o que sae das tripas chega a ser voz en Twitter ou en Facebook, escribiu na rede: “Mi hija, 30 años y un hijo, ha sido asesinada esta noche en el trabajo. Ya puedo morirme”.

Eu tamén querería morrer ipso facto nesa circunstancia, pero coido que a sociedade en xeral sigue absolutamente posuída pola inercia coa que leva a vida. Unha vida na que uns mangantes veñen espoliando dende hai anos, roubándoa a mancheas, cometendo actos absolutamente reprobábeis en detrimento da maioría. Unha sociedade anestesiada que só é quen de reaccionar cando lle toca, cando a salvaxe violencia patriarcal se leva por diante a vida de fillas, netos e netas, sobriños e sobriñas, irmás. Cando a merda lles peta na porta, e perdoade a vulgaridade, pero teño tanta rabia que creo que o de menos vén sendo agora gardar as formas.

Jean Louis Trintignant retirouse do Festival de Avignon, un dos máis emblemáticos de Francia, porque o asasino da súa filla Marie estaba a recibir a ovación dos seus fans

 

Jean Louis Trintignant retirouse do Festival de Avignon, un dos máis emblemáticos de Francia, porque o asasino da súa filla Marie estaba a recibir a ovación dos seus fans logo de cumprir tres dos apenas oito anos aos que o condenaran por matala. Estamos a falar dunha sociedade global consentidora co patriarcado criminal, co terrorismo machista. Un malnacido, ao que lle saíu regalado acabar coa vida dunha muller nova e chea de soños, é reverenciado por unha masa de imbéciles que nin entenden nin queren entender. Ou se cadra entenden que a sociedade que desexan, aquela pola que devecen, é unha onde as mulleres sexan sometidas para toda a eternidade. O nome do bicho é Bertrand Cantat. Dígoo porque penso que habería que facer murais cos nomes destes tipos. Habería que escrachalos por onde pasaran. Non podo menos que aplaudir a actitude de Trintignant; se fixeramos así en todas as circunstancias outro galo cantaría. Mais non soamente cando se trate de nós, cando se trate de calquera violación dos dereitos das mulleres, calquera maltrato, calquera comentario sexista, calquera descualificación, calquera machirulada. Correu polas redes un vídeo da Televisión de Bolivia (para que conste: o compromiso das feministas, polo menos o meu, é, por sobre calquera ideoloxía, a defensa das mulleres), unha deputada da oposición foise dun programa tras argumentar que cun maltratador probado (e orgulloso de selo), concelleiro do Movemento ao Socialismo, partido do goberno, un tal Jorge Silva, ela non debatía nin se sentaba nin ren. Non coñezo a esta señora, pero puxen o vídeo (esclarecedor por certo) no Facebook e non lle deron Me gusta nin as/os máis íntimos. 

Son unha persoa de esquerdas, de toda a vida, fogueada en miles de batallas, e seguirei a ser de esquerdas porque é unha cuestión de clase. Pero diante de todo, por riba de todo, son feminista. E impórtame ben pouco que o machirulo de quenda sexa membro dun eloxiado goberno “progresista”. O maltrato ás mulleres e unha liña que ninguén pode saltar. Menos aínda se di que é de esquerdas. Nada máis parecido a un machista de dereitas que un machista de esquerdas, diría Rigoberta Menchú, e os cortes non se poden facer a unha ou outra banda da ideoloxía. Machismo é machismo sempre, e nas esquerdas, por desgraza, pulula. 

Machismo é machismo sempre, e nas esquerdas, por desgraza, pulula

 

Para recapitular, que ben sei que hai que pechar isto como corresponde, estou absolutamente en contra dos absurdos minutos de silencio, das mini concentracións oficiais diante dos concellos para gardar as aparencias e de toda esa serie de parvadas que fan porque non queren facer o que cómpre facer. E dentro diso nós, a sociedade civil civilizada, a sociedade civil esperta, a sociedade civil que garda anacos de dignidade: non credes que xa vai sendo hora de pasar a accións máis comprometidas e valentes? Por se non vos quedou claro: isto vén sendo un masacre. Reaccionamos cando pete á nosa porta ou somos quen de sentir que cada asasinato é noso, doe e denigra a todas por igual?