Esas foron as palabras da gran directora arxentina Lucrecia Martel, nestes momentos presidenta do xurado da 76th Biennale de Venezia, La Mostra di Venezia, o festival de cine máis vello do mundo, ao referirse á exhibición da última película de Román Polanski, J’ accuse (a famosa alegación de Emile Zola no Caso Dreyfus) e á traxectoria humana do director, acusado por varias mulleres de violación. Lucrecia Martel é unha cineasta impecábel, salteña (Salta, Arxentina) de nacemento, mais formada na prestixiosa Escola Nacional de Experimentación e Realización Cinematográfica (ENERC) de Bos Aires, cun repertorio de filmes de calidade exquisita.

La ciénaga (2001), a súa primeira longametraxe, unha descarnada e moi intelixente visión da sociedade arxentina contemporánea, obtivo numerosos premios. Entre eles o NHK do Festival de Cinema de Sundance, o Grand Prix do Festival de Cinema Latinoamericano de Toulouse, o premio á mellor película e mellor directora do Festival de Cinema de La Habana, o Premio Alfred Bauer Prize do Xurado Internacional no Festival Internacional de Cinema de Berlín, e un nomeamento ao Oso de Ouro no mesmo festival. Camiño que igualaron as súas outras películas La niña santa y Zama, recibindo múltiples galardóns nos festivais máis prestixiosos do planeta.

Lucrecia Martel, ademais dun talento indiscutíbel, ten a persistencia de facer cine dende os confíns do mundo e de falar de realidades periféricas dende unha óptica de xénero e de clase (se non vos gusta a palabra xénero, podédela cambiar: estamos en mutación e discusión constante. Eu prefiro feminismos). Con isto quérovos dicir que esta señora, unha muller aínda nova, ten moi claro a quen representa cando filma, e cando, dende un lugar de poder, dende un status lexitimado polo patriarcado, ten a oportunidade de deixar claro o seu pensamento, que é compartido por millóns de mulleres no mundo. Cando ela di publicamente: “Non vou asistir á gala do señor Polanski, porque eu represento na Arxentina moitísimas mulleres que estamos a loitar por cuestións coma estas”, está poñendo no centro da diana unha cuestión importantísima e que comporta crer ou non crer no relato das vítimas que se atreven a denunciar os seus acosadores, violadores, maltratadores. Co difícil que sabemos que é, co illamento social que aparella.

O filme de Polanski foi ovacionado en Venezia. El, malia non estar, foi tamén ovacionado. As acusacións contra Polanski vanse multiplicando, todas, no seu momento, menores de idade. Saura, o “exgran” Saura, para min, opina que nos estamos a pasar as mulleres revolvendo a merda que para Domingo “o plácido” –e para tantos– era “lícita” hai anos. A lista é interminábel: non só violou Brando para Bertollucci na figura de María Schneider; Gaspar Noé, director arxentino radicado en Francia, amosou unha violación en tempo real en Irreversible, un plano fixo de nove minutos de tortura a Monica Bellucci: unha secuencia insufríbel.

E as escenas de sexo violento inxustificado de Lars von Trier en Anticristo; a de Isabelle Huppert en Elle, de Paul Verhoeven, que acaban cunha muller “satisfeita”; o ataque de Antonio de la Torre, un dos policías de Que Dios nos perdone, contra a muller que limpa a súa casa, a que foxe e logo “volve buscar o seu agresor”. Unha machistada de Rodrigo Sorogoyen, un filme de violacións e asasinatos de anciás, onde as nais eran as únicas culpábeis dos actos criminais dos seus fillos (“Cuando la violación es tan brutal en el cine como en la vida real”, Begoña Piña, Público, 2018).

A mostra de Venezia presenta 19 creadores homes e 2 (liches ben) mulleres. Parece ser que a prensa italiana, na era Salvini, atopa gracioso que se multiplicase o 100% das directoras mulleres respecto á anterior. Podedes rir ou chorar, tanto lles ten. Eu tamén non separo o home da súa creación; xa vai sendo hora de que os crimes contra as mulleres sexan considerados crimes contra a humanidade. Se non, encheremos prazas e rúas os 8 de marzo berrándolles ás paredes.

[Este artigo foi publicado no número 362 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]