A historia das Letras Galegas en feminino -a que aínda, malia a calidade e cantidade de autoras, segue a ser se non marxinal cando menos subsidiaria da outra, da grande, da importante, da dos homes- tivo, porén, dende o comezo o selo dunha muller. E non unha calquera pegada, un aceno de identidade que traspasou os tempos, que emigrou alén das marxes da terra para ser coñecida e recoñecida, que tocou a gloria. Esa voz, a voz de Rosalía, a voz dunha muller con enorme conciencia do seu xénero e tamén da pertenza a un pobo asoballado e resistente, a voz que marcou o inicio de todas as voces.

Adiantada con creces aos seus días deseñou un camiño, escarpado e chan ao mesmo tempo, para as futuras escritoras. Difícil, porque a súa altura literaria non só foi moi grande senón que segue a ter vixencia, porque falou para o pobo que a entendeu sen renunciar á literatura, porque marcou pautas que necesariamente se terían que ter en conta; sinxelo porque unha sociedade enteira puido acostumarse a oír, tras a súa, as voces das mulleres. Ela xa pagara, para iso, un alto prezo. Foi a nai de todas, con ela comeza non só a historia da literatura en galego, tamén a historia con nomes e apelidos de mulleres na Galiza. Segundo a profesora Carmen Blanco: Pódennos xa servir de mostra os propios títulos de poemas como 'Rosalía, tan amiga', de Ana Romaní, de poemarios como 'Rosalía no espello' de Helena Villar ou 'Vida secreta de Rosalía' de Luz Pozo Garza e incluso de ensaios como 'Cartas a Rosalía' de Teresa Barro. 

Após de Rosalía, as autoras tivérono aínda ben cru para que outras voces propias fosen recoñecidas no territorio sempre hostil e pechado dos homes ilustrados, e non falemos dos anos escuros, en retroceso, da guerra e sobre todo da posguerra, cando o mundo volto do revés impuña ás mulleres uns roles dos que intentara desfacerse no curto espazo de liberdades soterrado durante case catro décadas infames.

A profesora, ensaísta, escritora e feminista Carmen Blanco estudou a fondo estes temas e desenvolveunos en infinidade de traballos que dan conta deses avances dificultosos. Salienta nomes como o de Filomena Dato Muruais, quen escribira o poemario Follatos (1891), no que inclúe Defensa das mulleres, unha composición na liña do padre Feijoo e da monxa e escritora mexicana Sor Juana Inés de la Cruz.

Após de Rosalía, as autoras tivérono aínda ben cru para que outras voces propias fosen recoñecidas

Hai outros nomes ligados á poesía, á narrativa, ao ensaio, como o de Francisca Herrera Garrido (Néveda, A muller galega), á dramaturxia como Carmiña Prieto Rouco ou Herminia Fariña Cobián, á didáctica e ao periodismo nos comezos do século XX con Xosefa Iglesias Vilarelle, Pura Lorenzana ou Corona González.

Despois da guerra civil, malia perdermos as mulleres a maioría dos dereitos conquistados, persiste, ao seu xeito, o da alfabetización, que permite, nos reducidos marcos da nova orde estabelecida, seguir construíndo mundos con palabras, no exilio forzoso ou no interior, sempre baixo sospeita. Á morte do ditador produce outra onda expansiva que non elude a Galiza: o rexurdir do movemento feminista que vai ter una importancia grande na literatura galega. Podemos falar de nomes propios, feminino singular: María Mariño, Pura Vázquez, Luz Pozo Garza e María do Carme Kruckenberg, e na xeración seguinte de Xohana Torres, María Xosé Queizán ou Teresa Barro. Dende 1980 medrou a presenza de escritoras porque medrou, como é lóxico, a presenza de mulleres activas en todos os ámbitos da sociedade. Houbo publicacións que axudaron a abrir portas como A saia e a Festa da palabra silenciada, de vital importancia para ese crecemento literario ao punto de constituíren un fito, con María Xosé Queizán, guía e nai simbólica dun grupo pioneiro: Ana Romaní ou Sabela Álvarez Núñez. As xeracións posteriores ao 75 traerían os nomes de Marica Campo, Chus Pato, Helena Villar Janeiro, Ánxeles Penas, Margarita Ledo Andión, Pilar Pallarés, Xela Arias, Fina Casalderrey, Marilar Alexandre, Úrsula Heinze, Pilar García Negro, Xaquina Trillo, Dora Vázquez, Luisa Villalta ou a propia Carmen Blanco. E traerían, tamén, moitos xéneros literarios en feminino para sumar á festa (xornalístico, literatura infantil e xuvenil, ensaio, prosa poética).

Á morte do ditador produce outra onda expansiva que non elude a Galiza: o rexurdir do movemento feminista

Entre as máis novas xa consagradas, que naceron en democracia ou case, atopamos a Yolanda Castaño, Olga Novo, María do Cebreiro, María Reimondez, Estíbaliz Espinosa, María Lado, Lucía Aldao, Emma Couceiro, Ledicia Costas, Celia Armas, Marta Dacosta, Teresa Moure, Begoña Caamaño, Inma López Silva, Anxos Sumai. E máis que emerxen día a día con voz propia, loitando contra os prexuízos, derrubando tabús, avanzando. Moi pouca xente pode negar que no panorama da poesía, da narrativa, do ensaio, ou do xornalismo, algunhas das máis auténticas e fondas voces son femininas, e teñen claro, non só elas senón as rapazas que comezan a construír mundos con palabras (malia que en toda a historia das Letras Galegas só tres mulleres foron recoñecidas), que o seu non é efémero: viñeron para quedar e deixar pegada.