Hai uns días, a resistíbel ascensión de Arturo Ui, e obviamente falo de Donald Trump, conmoveu os cimentos dun mundo que está tardando en decatarse que xa non volverá, por un bo tempo, a ser o mesmo.

Este home, por chamarlle dalgún modo, representa todo o contrario de aquilo polo que tanta xente pelexou na súa vida. Polo que tanta xente morreu, polo que tanta xente sufriu cárcere e torturas. Para ser máis exactas representa o peor da raza humana, o que levado á categoría de gobernar o país máis poderoso da terra entraña perigos, desafíos e frustracións de miles de seres humanos. Nun sistema absolutamente imperfecto, que se gaba de ser o máis perfecto do mundo, democraticamente falando, gañou unhas eleccións nas que sacou uns case tres millóns de votos menos que a súa opoñente. A propósito dela, unha representante clara do dominio imperialista, unha defensora inveterada dos valores que o imperio considera americanos, nese americanismo que rouba até o nome das outras trinta e cinco nacións lexitimamente americanas, porén, que dúbida cabe, cunhas formas moito máis axeitadas, educadas, respectuosas.

Se había que elixir, o mal menor era Hillary Clinton, a candidata, a primeira muller con opcións de sentar na cadeira de Abraham Lincoln.  Porén, está claro que a cidadanía estadounidense, infectada polos mass media de aculturación e chea de falsos e absurdos prexuízos xenófobos, preferiu decantarse por un ser inclasificábel, aberrante, despendurado do tempo, para ocupar ese sitio.

O bo de toda esta historia que non só afecta aos EEUU, senón a humanidade enteira, foi que a resposta non se fixo esperar. As aguerridas feministas norteamericanas, bastante criticadas polas feministas de todo o resto do mundo porque en xeral non cuestionan demasiado a inxerencia norteamericana en todos os sitios nos que os ianquis van marcar territorio con bombas e mísiles, teñen tamén unha historia de loita antipatriarcal (nun país que semella ter inventado o patriarcado) que non pode descoñecerse nin non valorarse.

As mulleres estadounidenses saíron as primeiras a dar unha resposta contundente ao home que dixo en público e sen que isto alterase en nada a súa popularidade, que as mulleres había que collelas pola cona (“grab them from the pussy”)

De xeito tal que as mulleres estadounidenses saíron as primeiras a dar unha resposta contundente ao home que dixo en público e sen que isto alterase en nada a súa popularidade, que as mulleres había que collelas pola cona (“grab them from the pussy”). Así de besta é o novo inquilino da Casa Branca. Así de turbias veranse baixar as augas para millóns de persoas que abominamos o totalitarismo, o machismo e as inxustizas, ocorran onde ocorran.

As marchas de mulleres, tanto en Washington coma en diferentes cidades do país (máis de seiscentas, replicadas tamén en Europa e Latinoamérica), congregaron millóns de persoas, contaron coa solidariedade de moitas celebrities, e conseguiron o que moi de tarde en tarde conseguen os movementos de mulleres: a difusión mediática global. A xenial idea de darlle a volta ás humillacións que conseguiron crear o distintivo das marchas, os xa célebres Pussy Hats, serviron para irmandar as protestas e homoxeneizar o seu sentido. Milleiros de mulleres tecendo puchos para regalar ás manifestantes. Unha provocación e unha subversión á orde establecida, con acollida case planetaria. As mulleres estadounidenses estaban a berrar contra algo que nos toca de preto ás mulleres do mundo, contra algo que millóns de homes de boa vontade comparten, contra algo que está a cheirar moito peor dende o imperio, e ao que temos que procurar unha resposta global e desbordante. Todo o que entendemos por mundo civilizado, aínda cos seus enormes déficits e fracasos, está a piques de derrubarse. A este paso, nuns poucos anos non haberá moito que facer para recompoñer o desastre. Estamos nos inicios evidentes dunha era moi negra que pode arrasar con anos de duras conquistas da raza humana en xeral e das mulleres en particular. Se quedamos na comodidade das nosas casas, na indiferenza, na apatía, pouco haberá que apañar cando este ciclo histórico se extinga. Nada máis que rematar cun poema falsamente atribuído a Brecht (Martin Niemöller, O Camiño) e aquela vella historia na que primeiro levaron…