A sociedade global está a tomar un rumbo de tolemia absoluta, coma se todos os lindes éticos e morais fosen derrubados de vez para que nada interfira sobre a deusa economía, a nai de todos os desastres. Supoño que ninguén dubida que, dentro desa masa de follas, a capa máis esmagada corresponde á da metade da poboación, á que sostén co seu esforzo, mal ou non pago, o benestar do que gozan os que poden. Falamos das mulleres.

As mulleres producimos o 75 % das riquezas do mundo e só acadamos o 3 % de semellante esforzo. O capitalismo ten, na súa moeda virtual, por unha cara ás mulleres como xeradoras de bens materiais de todo tipo, e pola outra cara, a pobreza, a precariedade, a miseria, que tamén son femininas.

A pregunta obvia é: interésalle ao sistema a equidade entre homes e mulleres? Non dende logo, de ningunha das maneiras. Ao sistema, esta entelequia onde as haxa, non lle interesa no máis mínimo. Por iso a única utopía liberadora, a única meta que paga a pena, é precisamente esa, a que rebentaría polo aire este establishment de merda: as relacións paritarias entre homes e mulleres, o acceso das mulleres a todos os estamentos da sociedade, da cultura, da educación, da política, das artes, a crianza de fillas e fillos compartida, o fin da explotación sexual de mulleres e nenas. A verdadeira utopía, o fin do capitalismo, a posibilidade de creación dunha sociedade socialista, xusta, plural, equitativa, sen clases: o feminismo. Sen feminismo, sen a presenza de todos os feminismos, de todas as reivindicacións urxentes e necesarias, non hai revolución posíbel.

As mulleres producimos o 75 % das riquezas do mundo e só acadamos o 3 % de semellante esforzo.

Volta á realidade, o que atopamos é todo o contrario: é unha demencia que se retroalimenta a saber como, que amosa como un atallo de descerebrados que concorren a ver un partido de fútbol asoballan a unhas mulleres que piden, en Madrid, esmola pola rúa; ou que outros, igual de descerebrados, ouriñen por riba dunha indixente en Roma. Merda, merda e merda, a merda que se enche de máis merda. A merda que insulta e descualifica as políticas e as limpadoras (e que, aínda por riba, non sabe nin escribir), a merda que asasina a diario as mulleres, a merda que consome mulleres, a merda que inventa nomes para desprestixiar as nosas loitas, a merda que casa con nenas de dez anos, a merda que viola e asasina a unha muller nun parque, a merda que pide días do home ou días da violencia contras os homes: a merda que non entende ren.

Sinto semellar tan coprófaga pero a verdade é que estou farta: farta de que nos pareza normal o anormal, o aberrante, o monstruoso. Farta de perder dereitos, de volver cara atrás, de non atopar na sociedade unha resposta digna.

Sinto semellar tan coprófaga pero a verdade é que estou farta: farta de que nos pareza normal o anormal

Por suposto que hai moitos homes que non queren quedar pegados aos machos, aos depredadores, pero, as súas voces son aínda febles ou son acaladas. Dende aquí lembro a quen lea que non é preciso ser escravo ou escrava para rexeitar a escravitude, non foi preciso ser negro ou negra para estar en contra do Apartheid, non é preciso ser xudeu, xudía, para abominar o holocausto, nin palestino ou palestina para abominar a política xenocida do estado de Israel contra Palestina. Non fai falta ser muller para detectar que hai milleiros de inxustizas que se cometen contra as mulleres. Ou é que a un home normal lle parece normal que unha muller normal, que fai o seu mesmo traballo, coa mesma idoneidade, teña que traballar case 80 días máis ao ano para gañar o mesmo? Eu, no seu caso, non o aturaría.

Pero o máis sanguento, o que me move a botar sapos e cobras pola boca é o que está a suceder cos refuxiados e as refuxiadas. Vaia por diante que a conduta da UE é execrábel. Non teño palabras para cualificar o que a ex Europa (de Europa, dos seus principios, non queda ren) fai coa xente que non ten outro modo de supervivencia que fuxir. Non as teño, e non creo que ninguén ben nado, nada, as teña. Ou en realidade si que as temos, mais fenderían o papel. Pero é que están a chegar novas que deberían, de seu, provocar anatemas masivos contra os que fan estas barbaridades e contra quen as permiten ou fan a vista gorda. Mal raio os parta!

Elas teñen que pagar unha peaxe adicional: violacións, felacións, tocamentos, insultos, humillacións

Amnistía Internacional e outras ONG reciben denuncias continuas de mulleres, que fan o periplo salvaxe de fuxida cos seus fillos e fillas ou soas, e, ademais de todos os suplicios que soportan grazas a inhumanidade que está a ser trending topic, elas teñen que pagar unha peaxe adicional: violacións, felacións, tocamentos, insultos, humillacións. Por parte de autoridades, poboacións en xeral, outros refuxiados. No comments. Coma sempre, coma na barbarie franquista, coma na ex Iugoslavia, coma nas ditaduras latinoamericanas, nas que lles arrebataban as crianzas ademais de matalas.

Non me gusta a postura de vítima, aínda que o sexa, non me gusta pedir o que me pertence, non me gusta a conmiseración e menos aínda a auto conmiseración, pero querería ter tres corazóns coma os polbos para resistir, e sete cerebros, tamén coma os polbos, para entender a irracionalidade deste mundo.