O presidente Raxoi, sinto, coido que debería ser así o seu apelido, terá que declarar perante a Audiencia Nacional do Estado coma testemuña polo caso Gürtel. Esta circunstancia -que non vai servir de ren porque a sociedade parece inmune á corruptela do goberno, estendida coma unha peste, e por suposto vannos mentir coma o fan de cotío- ten non moi contento ao mandatario. E como o partido que goberna España é especialista na creación de foguetes de cores explotando lonxe do conflito para que a xente mire cara a outro lado, ocorréuselles que seica non sería mala idea desviar a vista ás mulleres. Estas tías dálle que dálle a protestar por un feixe de parvadas, que nada as contenta, e, como son bastantes, oye, en Madrid en 2015 o sete de novembro eran unha chea delas todas vestidas de violeta berrando coma tolas, de onde sairían tantas mulleres, mire usted, que non vai haber máis remedio que facerlles caso. Polo menos darlles algo do que piden para que deixen de berrar un anaco e todo o mundo contento e sen prestar atención a esa foto tan pouco oportuna, mire usted. Unha foto é unha foto. De paso, pasamos polo arco de triunfo toda a loita que levan adiante dende hai ben anos, descoñecemos as medidas propostas polos demais partidos, apuntámonos unha ben gorda, e á merde co Gürtel e cos que meten os fociños onde ninguén os chama. Que iso é o verdadeiramente importante.

Que dúbida cabe que unha lei pactada co consenso maioritario dos nosos representantes constituiría un grande avance, algo polo que están a traballar as asociacións de mulleres e boa parte da sociedade dende hai ben tempo. Un avance que non se producía dende 2004, cando o pacto de Estado entón era a Lei integral contra a violencia de xénero, e puxo enriba da mesa datos tan importantes como que aquilo que denunciaban as mulleres dende sempre era verdade: estábannos a matar. A partir de alí tivemos un coñecemento máis axeitado sobre dos feminicidios que se producían no Estado, e foi claramente un avance que ninguén nos regalou, senón que deveu das tantas e tantas loitas pacíficas que levamos adiante durante décadas. Nesta oportunidade, medramos en todos os sentidos, recoñecemos a significación enorme dun acordo co que se poidan implantar medidas o antes posíbel xa que a situación non mellorou nada nestes anos, e tamén aprendemos que cómpre introducir nesta unha serie de medidas novas que sirvan para frear en seco os atropelos ás mulleres. Levamos moito tempo pedindo un pacto de Estado contra a violencia de xénero, e pedindo, asemade, que se faga moito máis amplo o concepto: que se entendan coma violencias machistas todas aquelas agresións que as mulleres sufrimos ao longo da nosa vida polo feito de ter nacido mulleres. As violencias que son produto do patriarcado, que xermolan nunha sociedade rexida por patróns androcentristas. Deste xeito sacariamos do ámbito doméstico as agresións para levalas a calquera parte onde se produzan. Chamémoslle sanfermins, publicidade sexista, salarios menores por seren mulleres, dereito ao uso do noso corpo e, non obstante, parar as leis que avalen a súa explotación, loita contra a trata e calquera forma de depredación sexual das mulleres, medidas educativas necesarias dende o ensino básico para formar unha cidadanía en igualdade, e unha ringleira de reclamos que teredes certamente moi presentes.

Levamos moito tempo pedindo un pacto de Estado contra a violencia de xénero, e pedindo, asemade, que se faga moito máis amplo o concepto

E os presupostos necesarios para poñer en movemento estas medidas de prevención e protección das vítimas, das fillas e fillos, as vítimas vicarias, e empezar de vez a dicir todas as verdades. Non soamente as asasinadas son moitas, hai mulleres que están a padecer torturas diversas.

Violencias económicas, patrimoniais, custodias de fillas e fillos cos pais maltratadores, todas cousas que, se ben se consideran, deberían ter corpo de lei que coñecéramos todas.

Entón, benvida a lei cando o sexa, estaremos pendentes dos pasos que se dean, e tampouco sacaremos a vista doutras fotos, señor presidente, por máis foguetes que tiredes.