Hai tempo que me veño decatando de que os grandes problemas da vida das persoas, das inxustizas sociais, do ensino e os centros concertados, do holocausto das mulleres, da ciencia e os temas das Nobel, das inxustizas xudiciais, das criaturas roubadas, de como se pode facer política desde a prisión e pedir a liberación colectiva en lugar da propia, como fixo Mandela, do poder do odio das chamadas vítimas…e un longo etcétera de temas diversos dos meus artigos nese xornal, non interesa. Nada do que afecta á humanidade, da que Galicia forma parte, e a min como persoa que reflexiona, parece concernir aos lectores de Sermos. Tampouco a empatía coa poboación negra que chega en patera ás praias do sur e sofren o ataque policial con pelotas de goma duras que os obriga a botarse ao mar e morrer afogados, que teño denunciado nesas páxinas.

Moito menos se comenta que a reacción da oposición ante este ataque, provocase a eliminación do uso das pelotas duras pola policía. Cando a oposición consegue algo, tampouco se celebra, porque parece que ser de “esquerdas”, ultimamente, é velo todo negro, enxergar un mundo catastrófico. Cousa que eu nunca cualificaría de esquerdas. Porque selo significa o cambio, a acción, o traballo para conseguir a evolución humana, un mundo mellor. A dereita é reaccionaria. A esquerda é progresista.

Dicía que ninguén comentaba os meus artigos, nin para concordar con eles nin para disentir. Estou afeita ao silencio.

Pero, velaí, que un día, farta de velas invadir as rúas, sóltome a melena e vou ao trapo nunca mellor dito. Declaro que non me gustan as bandeiras, símbolos, non de países do mundo, que tamén, senón de patrias, e de pugnas entre elas, e de violencia e guerra. Digo que non me motivan, e a galega tampouco. E, aí si que me teñen en conta. Por primeira vez un artigo meu mereceu, non só unha resposta, senón dous artigos. O nacionalismo defende o seu, o de sempre, coma sempre.

A situación da lingua empeora. Non insisto no meu criterio.

O meu neto Aldán, nacido en Roma, de nai galega e pai romano, aprendeu a falar galego e italiano. Agora, ten dous anos e medio, vive nun pobo de Galicia. As amiguiñas e amiguiños de xogo, os compañeiros da escola infantil, falan no mal castelán que lles ensinan na casa, e a xente da rúa cando se dirixe a unha criatura,por sistema, en castelán. Será no centro de ensino, no futuro, onde falará na clase de galego. O pequeno, que é moi listo, xa sabe que coa lingua pasa algo raro. Veu a Galicia a aprender o castelán.