(Esta serie de artigos está baseada nun texto incluído no libro “A esquerda ante o colapso da civilización industrial”).

O divulgador do Peak Oil Antonio Turiel falaba nunha entrevista publicada en Altermundo no 2013, do caso catalán, punta de lanza dos movementos sociais e políticos soberanistas dentro do Reino de España e en toda Europa:

A independencia sería útil se for acompañada da independencia con respecto a este sistema económico insostible. A posible fractura de España abre a porta a que aquí se comecen a facer as cousas de maneira diferente, aínda que non son demasiado optimista a ese respecto. Hai algúns autores reputados, como Gail Tverberg ou John Michael Greer, que indican que unha vía que historicamente se ten usado para saír dunha trampa de débedas impagables é a secesión e a creación de novos países que se desentenden da débeda histórica: nese sentido, a secesión catalana, para ser efectiva, debería negarse a asumir ningunha débeda previa.(...)

Eu creo que a actual tendencia á descomposición de España, que en Cataluña tomou trazos de clamor popular e que pode acabar sendo seguido por outras nacionalidades históricas e mesmo por algunha autonomía insospeitada, é un síntoma máis do colapso do Estado-nación que é España, e reforzo do necesario localismo que ha rexer o noso futuro.

Considero de sumo interese os posicionamentos de Turiel fronte ao proceso independentista catalán, non só pola visión do mesmo dentro dese contexto de colapso que o científico de orixe galega tan ben coñece e contribúe a divulgar desde o seu blog The Oil Crash, senón porque é un dos cidadáns cataláns que adoptou unha posición de tipo Non-Si nos termos da consulta soberanista do 9 de novembro de 2014. Mostra así unha aposta cara a modelos de soberanía non estatalizada, como os que tamén se apuntan en parte do movemento soberanista catalán e mesmo no noso país en propostas como as do Partido da Terra (1). 

Turiel non é o único autor consciente do rumo civilizatorio cara ao colapso que reflexiona sobre como isto vai contribuír á emerxencia de unidades estatais máis pequenas

Turiel non é o único autor consciente do rumo civilizatorio cara ao colapso que reflexiona sobre como isto vai contribuír á emerxencia de unidades estatais máis pequenas, vía secesións ou disgregacións dos Estados actuais. Dennis Meadows, un dos autores do histórico estudo Limits to Growth (1972), apuntou esta tendencia nunha interesante entrevista concedida no 2012 á revista austriaca Format, así como Howard e Elisabeth Odum na súa obra de referencia A Prosperous Way Down [2001:47: “As fronteiras das nacións poden ser reaxustadas para seguir a distribución da empotencia” (2)], pero sobre todo paréceme interesante o detallado estudo da cuestión que fai unha das analistas máis prestixiosas da cuestión do Teito do petróleo: Gail Tverberg.

Repasando as posibles saídas á situación de débeda que afrontan diversos países, Tverberg menciona unha opción relacionada coas consecuencias do Peak Oil e da que moi pouco se fala, mais que xa ten precedentes históricos recentes e que coido debería facernos reflexionar especialmente nas nacións sen Estado. Tverberg denomina a esta vía de resolución “do a disappearing act”, que poderiamos traducir libremente como facer mutis polo foro. Basicamente consiste en que o goberno que ten a débeda desaparece, se cadra substituído por outro, e se cadra cunha guerra ou revolución de por medio. Se a débeda era un problema demasiado grave, o novo goberno podería non facerse cargo das obrigas do goberno anterior. O exemplo máis coñecido deste tipo de saída foi a URSS, pero tambén sería o caso da separación de República Checa e Eslovaquia ou o da desintegración de Iugoslavia.

Tverberg lémbranos —como tamén fai o estudoso dos mecanismos de colapso civilizatorio Joseph Tainter— que en situacións de colapso enerxético, manter territorios extensos require máis enerxía da que un aparato estatal centralizado pode gastar, e que, como consecuencia, a descentralización tende e desembocar en procesos de secesión, disgregación e independencia. Aínda que iso non quita para que, como explican Lambert & Lambert, a situación de crise poida derivar tamén nunha tendencia simultánea a centralizar e facer máis xerárquico o poder. Poderiamos dicir que aí baten unha tendencia física cunha tendencia política. Ao mesmo tempo, se a enerxía escasea, o seu custo tende a subir e resulta máis difícil recadar impostos porque a economía entra en recesión: como consecuencia, os problemas da débeda soberana agrávanse, as solución habituais non funcionan e os Estados diríxense cara á bancarrota. Tverbeg explícanos que os servizos públicos, dependentes dun crecemento continuado da economía que forneza recursos ao Estado por vía fiscal, corren o perigo de deteriorarse gravemente ou mesmo desaparecer nunha situación así, algo que aínda non comezou a asumir a esquerda política nin tan sequera como un escenario posible, non digamos xa probable.

En situacións de colapso enerxético, manter territorios extensos require máis enerxía da que un aparato estatal centralizado pode gastar

Ao final, cóntanos a analista estadounidense, a solución máis doada e efectiva resulta ser renderse: os gobernos botan a toalla e por vía dunha revolución, dunha guerra civil ou dunha refundación do Estado, un novo goberno faise cargo do control do territorio e comeza de cero. Nos casos da URSS, Checoslovaquia e Iugoslavia, non houbo goberno que retomase o poder no mesmo territorio, pois o que se deu foi un desmembramento dos diversos territorios que constituían eses Estados. Tverberg considera que na actualidade ese tipo de saída resulta posible en diversos lugares, comezando por unha posible ruptura da Unión Europea, e mesmo dos Estados Unidos ou Canadá, que poderían sufrir procesos de ruptura en novas entidades estatais. Opina que mesmo a nivel intraestatal poderían darse alí secesións, como por exemplo dentro de estados con gravísimos problemas de débeda como California ou Illinois, que se poderían ver separados en diversas federacións de condados. Por suposto, remata Tverberg, os múltiples Estados que no mundo están conformados por diversos grupos nacionais, etnias, relixións, etc. poderían sufrir análogos procesos, rachando precisamente por estas liñas de tensión diante das situacións irresolubles de débeda e de escaseza enerxética.

Resulta inevitable ollar para o Estado español nestas circunstancias, pois é precisamente un estado moi dependente do petróleo importado (por non enumerar outros recursos críticos) e un estado onde conviven malamente —e á forza— diversas entidades nacionais, entre elas a galega. Precisamente a falta de soberanía foi determinante na configuración histórica do actual modelo enerxético galego, que ao tempo que é sumamente dependente segue a cumprir un papel chave como fornecedor de enerxía á metabolismo económico español (3). Está tendo en conta esta perspectiva o soberanismo galego nas súas estratexias? Chega a perceber apenas o absurdo que é reclamar soberanía política ou económica sen o soporte dunha soberanía enerxética, sen recoñecer o carácter inherentemente múltiple do concepto de soberanía? 

[1]. A este respecto un dos seus membros máis coñecidos, Joám Evans, sacou do prelo recentemente un texto titulado “Mancomunidade: uma terra livre sem estado” onde fai un desenvolvemento teórico ben interesante de como podería ser unha Galiza sen Estado, formando parte dun libro colectivo coordinado por Carlos Taibo e Arturo de Nieves co título de "Tempos chegados? Sobre o futuro político da Galiza". O texto tamén está previsto publicalo de maneira independente e ampliado, proximamente.

[2]. A empotencia é o fluxo de emerxía (enerxía útil) por unidade de tempo.

[3]. Xoán R. Doldán: “A necesidade dun novo modelo enerxético para Galiza”, en Xan Duro e Xoán Hermida (coords.): Ecoloxía Política. Olladas desde Galicia, OBenComún, 2015.