(Esta serie de artigos está baseada nun texto incluído no libro “A esquerda ante o colapso da civilización industrial” ).

Dentro da necesaria posta ao día do soberanismo galego en chave postindustrial, cómpre facer un fincapé especial no nivel local da soberanía. As bisbarras, vilas e parroquias galegas, tras a era da abundancia fósil e da hipermobilidade, volven cobrar centralidade na vida económica e social, o cal debe ter reflexo na necesaria defensa dun meirande grau de liberdade, que ben pode partir do actual posicionamento contrario ás Deputacións que atopamos en formacións coma o BNG e Anova. Mais o ideal dunha Galiza soberana non debe trocar o centralismo de Bruxelas ou de Madrid polo de Compostela, senón profundar en todos os niveis locais de soberanía, nun modelo moito máis achegado ao que propón o Partido da Terra, independentista desde o local. Así, a esa maior conciencia da necesaria relocalización á que obriga o devalar enerxético, debe corresponder un maior protagonismo da autonomía, autosuficiencia e soberanía locais. Aquí pode resultarnos útil ollar cara a referentes teóricos como o municipalismo libertario de Murray Bookchin, e cara a experiencias prácticas actuais sumamente inspiradoras como son as Transition Towns, e especialmente Marinaleda como experiencia local de democracia directa, de organización comunitaria do ben común e de satisfacción das necesidades da poboación como prioridade socioeconómica, dándolles, no caso de Marinaleda, unha importante mellora nos eixos ecolóxico e feminista —así como no sentido da autosuficiencia e replicabilidade transformadora a nivel biorrexional— e outra mellora no eixo do poder político no caso das Transition Towns.

O economista ecolóxico Xoán R. Doldán bosquexa os alicerces da soberanía enerxética que precisamos (1):

-Unha transformación profunda das relacións sociais e económicas, en vistas a favorecer unha menor mobilidade de persoas e materiais para reducir o consumo de combustíbeis líquidos, punto máis feble da nosa dependencia actual.

-Economías máis locais traballando con recursos máis locais para mercados máis locais, algo especialmente importante no caso da alimentación.

-Un cambio institucional radical, coa construción de novas institucións e a presión sobre as existentes para cambiar o ordenamento xurídico, de modo que non sexan prioritarios os intereses privativos dos grandes conglomerados empresariais e si os intereses sociais (…).

-Unha nova economía que resolva as necesidades específicas da poboación galega, acompañado dunha democratización no acceso á enerxía:  familias, aldeas, comunidades de veciños, explotacións agrarias, etc. deberían avanzar na súa capacidade de autoabastecemento enerxético a partir de enerxías renovábeis que, polo seu carácter disperso, poderían ser accesíbeis en calquera lugar.

Aquí pode resultarnos útil ollar cara (...) experiencias prácticas actuais sumamente inspiradoras como son as Transition Towns, e especialmente Marinaleda como experiencia local de democracia directa

-Pór fin ás políticas de desenvolvemento enerxético para a exportación co obxectivo de dirixir a explotación das enerxías renovables non á obtención de beneficios mercantís senón a procurar solucións de carestía enerxética.

-Avanzar en estratexias para cubrir necesidades mediante o acceso aos servizos que satisfán os bens e non no acceso á propiedade dos bens, para reducir a demanda de materiais e a enerxía necesaria para a súa extracción, transformación, distribución e consumo.

-O control da demanda enerxética, en todas as súas formas como elemento central de políticas ambiciosas e contundentes para conseguir reducir de forma drástica as formas máis estragadoras de enerxía.

-Iniciativas para fortalecer vínculos sociais e veciñas, con ou sen participación das administracións locais, aumentando a resiliencia de familias, barrios e aldeas, para dar resposta a necesidades individuais con solucións pensadas desde e para a comunidade, aumentando a eficiencia e o aforro enerxético simultaneamente sen que se teña que producir o temido efecto rebote.

Para dar estes pasos, o nacionalismo galego non pode eludir a cuestión que salienta Júlio Teixeiro cando nos lembra o vencello entre a concepción moderna maioritaria nesta opción política e os conceptos de modernización-progreso-desenvolvemento vs. atraso unidos ao de colonialismo (2)

A base fundamental do projeto [da revolución formulada pola renovación do nacionalismo galego a partir dos anos 70] é a ideia de dependência colonial; ora, definida como o travom político que bloqueia a modernizaçom da Galiza mantendo-a no atraso. A luita pola emancipaçom nacional fica, pois, configurada como umha luita pola modernizaçom e o progresso. Nom sem contradiçons, pois os movimentos populares, impulsionados polo próprio nacionalismo, luitarom muitas vezes contra concreçons materiais dessas duas ideias. (…) a idea que havia da dependência colonial era desmentida pola realidade e, a oferta modernizadora do estado, apresentava-se como umha possibilidade muito mais cómoda para a gente do que a via revolucionária.
(…)
haveria que redefinir dependência colonial. Em realidade, a dependência colonial nom é travom nengum para a modernizaçom; mas, antes, a forma que a modernizaçom adotou historicamente na Galiza.

Deste xeito, cobra aínda maior relevancia no caso do nacionalismo galego —ao ser case exclusivamente de esquerda— a cuestión devandita do mito do progreso tratada en varios puntos do meu libro A esquerda ante o colapso da civilización industrial. É dicir: a dependencia e o colonialismo débense ollar agora baixo parámetros enerxético-alimentares coa consecuencia ineludible para o soberanismo-esquerdismo galego dunha anovada denuncia e proposta revolucionaria que, agora si, renegue do mito da modernización, e que se atreva a ollar para a cuestión da resistencia violenta e pacífica nun contexto de crecente conflitividade social e política. Tamén debe repensar o que se veu considerando atraso en termos de resiliencia, en boa medida xa perdida pero aínda rescatable (3). Isto debería levarnos, antes de nada, a unha revisión profundamente crítica do papel da esquerda nacionalista no goberno bipartito PSdeG-BNG (2005-2009), que para moitos supuxo un continuar —mesmo un afondar— nas políticas desenvolvimentistas do goberno Fraga (4).

Para rematar, atrévome a reclamar outra actualización máis ao soberanismo ademais das necesarias viraxes cara á relocalización, á desmitificación do progreso e á asunción da primacia do aspecto enerxético-alimentar no debate soberanista: a aposta pola democracia directa como consecuencia final do famoso dereito a decidir. Se temos dereito a decidir a integración ou non nunha determinada estrutura estatal, por que non habíamos ter dereito a decidirmos calquera outra cuestión política? É dicir, se seguimos a lóxica dese dereito ata o seu extremo non podemos senón acabar en posicións directodemócratas, en terreos moi achegados ao anarcoindependentismo ou arredismo libertario, que en Galiza ben podería representar o Partido da Terra. Non por casualidade, aí atoparía un encaixe moi acaído cos conceptos de relocalización socioeconómica e coa soberanía localista.

O soberanismo que o noso país precisa para esta nova Era Postindustrial, é un soberanismo antidesenvolvimentista, en boa medida agrario, que asuma as soberanías de bisbarras e parroquias

Resumindo: penso que o soberanismo que o noso país precisa para esta nova Era Postindustrial, é un soberanismo antidesenvolvimentista, en boa medida agrario, que asuma as soberanías de bisbarras e parroquias, e que sexa, senón abertamente libertario, si valente dabondo para tentar facer compatibles socialismo e anarquismo, por exemplo con apostas polo ecosocialismo autoxestionario, o ecocomunalismo ou o confederalismo democrático de inspiración curda. Se, como defende Xaime Subiela, “o galeguismo sempre acompañou as enerxías máis liberadoras e avanzadas” e pode presumir de “confluír con todos os movementos de avance da humanidade”, daquela non pode perder este tren da transformación ecosocial consciente do colapso ao que nos diriximos (5). Coido que poucos lugares pode haber na Europa occidental máis propicios para o xurdimento dunha esquerda —e dun soberanismo— postindustrial ca Galiza, sempre e cando nos deamos liberado desa visión aínda tan estendida que denigra como atraso todo o que non for industria. Se cadra temos aquí algunhas desas ideas que precisa o soberanismo galego para “recuperar o sentido colectivo” e convertermos o pobo galego nese “proxecto ilusionante” que reclama Subiela (6).

Notas:

1.- Xoán R. Doldán: “A necesidade dun novo modelo enerxético para Galiza”, en Xan Duro e Xoán Hermida (coords.): Ecoloxía Política. Olladas desde Galicia, OBenComún, 2015.

2.-Júlio Teixeiro: “O nacionalismo no labirinto cidadanista”, Novas da Galiza nº 144 (15/01/15). Tamén se aborda a cuestión en A defesa da terra e a dialéctica do progresso, op.cit., pp. 191-222.

3.-Miguel Anxo Abraira: “Crise enerxética mundial e nacionalismo galego”, Sermos Galiza (31/10/14); tamén o meu texto “Recuperación de la resiliencia rural en los albores del Decrecimiento Energético” en Decrecimientos: Sobre lo que hay que cambiar en la vida cotidiana (La Catarata, 2010). Precisamente soberanismo e resiliencia deberían ir sempre da man, se, como di Xaime Subiela “o galeguismo foi e é unha fórmula de resiliencia colectiva que confía no país para sobreporse e avanzar”. O politólogo chantadino engade con acerto: “Somos un país resiliente. (…) precisamos mudar a gramática da resignación pola linguaxe da capacidade” (Para que nos serve Galiza?, p. 106).

4.-Verdegaia: “O bipartito incumpriu compromisos importantes a favor da sustentabilidade do seu propio programa”, GalizaNonSeVende.org (11/02/2009). Tamén en Xabier Vázquez Pumariño: “Algunhas papeletas verdes”, Vieiros (09/03/2009). Estas denuncias contradín o defendido por xente como Xaime Subiela que asegura que “o galeguismo sempre procurou unha modernidade máis sustentable” (Para que nos serve Galiza?, op. cit., p. 87).

5.-Subiela: Para que nos serve Galiza?, op. cit., p. 18.

6.-Ibid, p. 32.