Creo que non falto á verdade histórica se digo que os dirixentes do nacionalismo galego da etapa da preguerra tiveron sempre como primeirisima preocupación política dotar ao país de institucións de autogoberno, con independencia do peso social, electoral e institucional que o nacionalismo tiña en cada momento e dos límites que estabelecía o marco legal español. Tiñan moi claro que non podían renunciar a defender a soberanía política plena do país e que o autogoberno que se podía conquistar cun estatuto de autonomía e no marco da Constitución española de 1931 era só un primeiro paso dentro dun proceso cara á Autodeterminación, mais tamén tiñan moi claro que Galiza levaba un importante atraso a respecto de Euskadi e Catalunya na tramitación dun estatuto de autonomía e que non se podía perder ningunha ocasión para impulsar e acelerar a súa tramitación.

Lembrádeo: Castelao, nin sequera tras o golpe fascista do 36, e con todo o drama da guerra polo medio, deixa de traballar intensamente para conseguir que o Estatuto que fora plebiscitado polo pobo galego o 28 de xuño de 1936 e entregado ao presidente das Cortes uns días antes do levantamento militar poida ser recuperado dos arquivos oficiais de Madrid e poida seguir a súa tramitación parlamentaria. De feito logra que se presente nunha sesión das Cortes na abadía de Monserrat  en 1938 e que finalmente sexa aprobado polas Cortes, xa en México en 1945.

Se a prioridade política do PG, naquel contexto histórico, foi acadar un marco político galego e institucións propias de país, temos que pensar, temos que imaxinar, que en ningún caso aquelas persoas de firmes conviccións nacionalistas e que soñaban cunha Galiza liberada renunciarían a gobernar o país cando as circunstancias políticas o permitisen, por moi minoritario que fose nese momento o PG no mapa político galego. Non podemos imaxinar a Castelao ou a Alexandre Bóveda renunciando a estar no órgano de goberno da “rexión autónoma” despois de seren eles os verdadeiros artífices, impulsores e protagonistas daquel proceso estatutario.

O realismo político estaba moi presente en todas as decisións que tomaba o PG. Todos os seus dirixentes eran moi conscientes de que sen a súa participación directa naquela acción institucional o país nunca alcanzaría aquelas outras metas de autogoberno coas que soñaban. Esa é a razón pola que os nacionalistas se implican a fondo desde o primeiro momento na loita polo estatuto, levando o peso de todo proceso, porque sabían moi ben que se eles non o facían non iría adiante, e menos aínda na dirección que o PG defendía. Os galeguistas nunca chegaron á conclusión de que mentres o nacionalismo non tivese outro peso institucional ou mentres non houbese outra correlación de forzas no mapa político galego non tiña que poñerse ao fronte da loita pola autonomía. Incluso cando tras as eleccións de 1933 o nacionalismo se queda sen representación nas Cortes, o PG prosegue o seu labor a prol do estatuto con igual ou máis entusiasmo, converténdose no auténtico motor do proceso.

Diante da situación actual que vive o noso país, tan necesitada de medidas urxentes desde a Xunta e dunha acción de goberno que contemple a Galiza como nación, non sería, pois, concordante coa liña histórica do nacionalismo galego nin politicamente responsábel nin comprensíbel socialmente ficar permanentemente no campo do debate político e da mobilización social e deixar que as decisións que afectan ao noso presente e ao noso futuro as tomen e as xestionen desde o San Caetano precisamente aquelas forzas políticas que non teñen o noso país no centro das súas preocupacións. O nacionalismo galego non pode nin debe ter medo a actuar co necesario realismo político se a súa praxe política axuda a recuperar o pulso do país, pois nada é máis vital para o noso futuro como nación que seguirmos existindo no presente como pobo e como unha sociedade viva e dinámica. Está nas nosas mans abrazarmos esa responsabilidade con ilusión e con coraxe política, e, por suposto, con todas as contradicións que conleva o exercicio de gobernar. Como o estamos a facer nos concellos desde 1979.

Nada nos entristece máis que ver día tras día o abandono e a agonía do país e ser plenamente conscientes de que pasan os anos e as décadas e seguimos perdendo as persoas máis lúcidas e capacitadas para a acción de goberno. Non podemos perder nin unha soa xeración máis. Fagámolo pola memoria de todas aquelas persoas do Partido Galeguista que traballaron arreo e que soñaron con poñer en pé unha outra Galiza nas primeiras décadas do século XX e fagámolo tamén, como non, para darlle continuidade ao labor de homes e mulleres como Henrique Rodríguez Peña, Anxo Quintana, Alfredo Suárez Canal, Fernando Blanco ou Teresa Táboas, que demostraron non terlle medo a afrontar o goberno do país e unha confianza rotunda en que, con todas as limitacións que existen no actual marco xurídico-político, eran posíbeis certas transformacións de carácter social e era igualmente posíbel un determinado cambio político no país, sempre no camiño dun maior autogoberno.