Teriamos unha mirada política moi curta se só vísemos nestas vindeiras eleccións xerais unha oportunidade para que o BNG regrese ao Congreso, que xa iso debería ser suficiente motivo de satisfacción para calquera persoa que quere que Galiza se exprese politicamente como unha nación, para calquera persoa que participa da idea de que sen forzas políticas propias non hai país. Mais a oportunidade non é só para o BNG -que tamén o é, claro. A oportunidade é sobre todo para o país. É preciso ver máis aló dunhas siglas concretas coas que temos un sentimento de amor ou de desamor. Iso é o que eu sinceramente espero de cantas persoas profesan o compromiso co país, ben sexa desde unha militancia activa no nacionalismo galego nunha organización ou noutra, desde un pensamento nacionalista ou galeguista non adscrito a ningunha sigla ou desde a simple preocupación polo presente e o futuro do noso país. A resposta que eu persoalmente agardo de todas estas persoas que desde unha posición ou outra exercen cada día un compromiso intelectual e cívico con Galiza é que teñamos a intelixencia política de ver que nestas eleccións xerais a vontade de expresarnos nas urnas como unha nación e de exercermos como nación galega no Congreso só a pode representar o Bloque Nacionalista Galego. En rigor é o único voto de país que poderemos exercer neste vindeiro proceso electoral. Non hai outro.

Esta é talvez a primeira oportunidade que temos desde a ruptura de Amio de reconstruír o respecto e a fraternidade entre nós, e mesmo os afectos, porqué non, e de comezar a construír de novo entre todas e entre todos o futuro do país. Galiza non pode perder máis oportunidades e máis xeracións. Levamos décadas e décadas de oportunidades perdidas como nación. Galiza é unha empresa descomunal e son precisas todas as mentes lúcidas e todas as mans que hai polo país adiante. Sumar, sumar e sumar. Calquera persoa que lle queira a este país, que teña claro que o país precisa forzas políticas propias e que todas e todos somos necesarios para a tarefa de construír un futuro distinto para Galiza, calquera persoa que pense así, debe estar coa mente aberta á pluralidade de ideas e coa man tendida aos demais. Deixemos de buscar as diferenzas e os matices que non nos levan a ningures, só a debates interminábeis entre nós, que ademais resultan social e politicamente estériles. Dediquemos todo o noso esforzo e todas as nosas enerxías a tender e non a destruír pontes. E a ponte que aquí e agora cómpre construír, desde unha estratexia de país e desde a responsabilidade histórica, é unha ponte inmensa entre as persoas que militan no BNG e as persoas que militan no país dunha ou doutra maneira para que todas e todos poidamos celebrar que Galiza existe como expresión política e que Galiza volve estar presente como nación nas Cortes españolas. Non é pouco. Crédeme.

Cada vez que paso polos soportais da rúa do Vilar onde estivo instalada a imprenta Nós non podo evitar que me veña á mente a imaxe dun emocionadísimo Ánxel Casal recibindo a noticia da incorporación do seu vello amigo Antón Vilar Ponte ao Partido Galeguista despois daquela experiencia tan frustrante de ORGA. Contáranolo don Paco del Riego un caloroso día de verán en Ortigueira. A moitas e moitos de nós seguramente tamén se nos iluminarían os ollos de emoción se nesta circunstancia histórica vísemos un xesto público de compromiso co país en moitas persoas coas que noutra vivimos tarefas, soños e emocións. O país precisa ese acto de responsabilidade política por parte de todas e de todos, e a nós, que nunca deixaremos de andar pola vida co corazón aberto, nada nos produciría máis ilusión. Sería unha ilusión comparábel á felicidade que nos daría ver a Francisco García representando a Galiza no Congreso e retomando o labor de don Ramón Otero Pedrayo nas Cortes da República. Este é o sentimento e o compromiso de país que eu vos reclamo a todos e todas vós. Non lle fallemos ao país.