Teño a certeza de que a historia política de Galiza dos últimos decenios, aínda dentro deste marco xurídico-político que nos nega como nación

Teño a certeza de que a historia política de Galiza dos últimos decenios, aínda dentro deste marco xurídico-político que nos nega como nación, puido ser máis favorábel para o país se algúns feitos houbesen acontecido doutra maneira. Imaxinémonos por un intre un Partido Galeguista plenamente activo no momento da Transición, como o foi o PNV en Euskadi. Imaxinémonos o valor simbólico que podería ter para o pobo galego un Antón Alonso Ríos regresando como Presidente do Consello de Galiza, como máximo representante do Goberno galego no exilio, cumprindo o papel dun Tarradellas. Imaxinémonos o Consello de Forzas Políticas Galegas presentándose ás primeiras eleccións do 77 con toda a forza da unidade. Imaxinémonos un grupo parlamentario galego nas dúas primeiras lexislaturas das Cortes españolas, en pé de igualdade cos vascos e cos cataláns. Imaxinémonos unha primeira Xunta Preautonómica encabezada por Antón Alonso Ríos, Bibiano Fernández Osorio-Tafall ou Valentín Paz Andrade. Por suposto, Galiza non deixaría de ser unha nación politicamente oprimida, sen Estado de seu, mais teriamos pechado o paso a todo o que representaba Antonio Rosón, Quiroga Suárez e Fernández Albor e, seguramente, houbésemos conseguido que o nacionalismo galego tivese un protagonismo institucional decisivo xa nos primeiros anos da etapa autonómica, asumindo incluso responsabilidades de goberno. 

"Quen máis está obrigado a traballar activamente para que Galiza exista e se exprese como unha nación nas vindeiras Cortes españolas somos as persoas que vivimos a división do nacionalismo nas eleccións do 77 e do 79"

Coincidiremos todas e todos en que a conciencia de nación que hoxe posúe a sociedade vasca e a sociedade catalana ten tamén moito a ver co proceso político que houbo desde 1976 para acó. É obvio que non resultou indiferente para a marcha histórica de Euskadi e de Catalunya que eses dous pobos tivesen gobernos autonómicos liderados polo nacionalismo. Aquí isto non foi posíbel, primeiro porque o punto de partida xa non foi igual (só hai que lembrar a estratexia política de Ramón Piñeiro desde fins dos anos corenta) e, en segundo lugar, porque o nacionalismo galego que se reorganiza na década dos sesenta, e até os últimos anos do franquismo, non tiña tampouco o corpo social, o camiño andado, a experiencia histórica e a madurez política necesaria para facer unha travesía tan difícil como esa. As persoas que vivimos cunha inmensa ilusión aquel momento da Transición soñamos con que o nacionalismo galego ía chegar a Madrid xa en 1977, volvemos soñar con esa idea dous anos despois, e cando comprobamos que iso non era así, talvez tardamos demasiado en reorientar estratexias e tácticas, un tempo que os partidos estatais non desaproveitaron para avanzar nos seus obxectivos políticos e para ir progresivamente alonxando a dinámica política de Galiza dunha dinámica propia dunha nación que loita pola súa soberanía. E o resultado está á vista: un país desfeito, no material e no simbólico.

Esta é a nosa historia máis recente, e é imposíbel reescribila, mais está nas nosas mans rectificala. Como dicía don Ricardo Carvalho Calero, “Há que esperar contra toda esperança, porque enquanto não decidamos suicidar-nos como povo temos que confiar na possibilidade de retificar a história, e a história, com certeza, tem de ser retificada". E creo que quen máis está obrigado a traballar activamente para que Galiza exista e se exprese como unha nación nas vindeiras Cortes españolas somos as persoas que vivimos a división do nacionalismo nas eleccións do 77 e do 79 e que coñecemos moi ben as consecuencias que esa división tivo para o noso país, non só naquel momento, senón nas décadas posteriores. Cometeriamos, desde logo, outro novo erro histórico, un enorme erro histórico, se o nacionalismo galego, con toda a súa pluralidade ideolóxica, e aquelas persoas de pensamento galeguista que de verdade acreditan en que o noso país ten dereito a un futuro diferente e a unha dinámica política de seu, non somos capaces, nesta circunstancia concreta, de dialogarmos entre nós e de buscarmos un acordo de mínimos para unha candidatura galega unitaria. Cómpre traballarmos con entusiasmo para logralo, sempre con vontade de tecer esta esperanza que Galiza merece, desde un espírito de auténtica concordia. Oxalá lle poidamos dar esta alegría a toda esa xente que ama este país con paixón e que non renuncia a que Galiza ocupe outro lugar na historia.