Non somos ilusos. Estamos moi lonxe de pensar que nos vindeiros meses se vai producir un cambio político profundo no modelo de Estado. Agora ben, o PSOE, forzado pola situación política de Catalunya e mesmo polo papel que xogou o PNV no desenlace da recente crise política, é obvio que algo ten que facer, cando menos reabrir o debate sobre a reforma da Constitución, e aínda que o tratará de dificultar ao máximo, o Goberno español tampouco poderá impedir que haxa forzas políticas catalanas e vascas que cuestionen o actual modelo de Estado e que defendan a independencia das súas respectivas nacións ou un estado libre asociado. E aí, nese debate, dificilmente vai estar Galiza se desde o Parlamento galego e desde a sociedade galega non somos quen de impulsar unha Proposta de País que teña por obxecto conseguir que Galiza, en termos de status institucional, de soberanía política, non quede nin un só chanzo por debaixo de Euskadi e Catalunya. Creo que esa proposta debe ser formulada desde unha aspiración política que teña como único límite o autogoberno que alcancen esas outras dúas nacións. Esa proposta debe, ademais, ser explicada e debatida socialmente e debe procurar o consenso máis amplo posíbel no seo da Cámara galega. E o nacionalismo galego ten a responsabilidade política de impulsar ese proceso, igual que o PG impulsou nos anos trinta o Estatuto de Autonomía, e sempre con vontade de sumar para facer posíbel unha Proposta de País. O nacionalismo non pode renunciar a xogar ese papel.

O nacionalismo galego ten a responsabilidade política de impulsar ese proceso, igual que o PG impulsou nos anos trinta o Estatuto de Autonomía

 

Se hai algunha forza política con presenza no Parlamento galego que non estea disposta a defender para o noso país o mesmo status político que consiga Catalunya e Euskadi terá que explicalo diante da sociedade galega. Será a súa responsabilidade. Mais este é un deses momentos históricos nos que o nacionalismo non pode actuar mirando só para os seus principios políticos e para a súa base organizada, igual que no seu día o Partido Galeguista non mirou só para o seu ideario nacionalista e para a súa militancia. E iso é o que explica que o partido de Castelao e de Alexandre Bóveda se convertera no auténtico motor político daquel proceso estatutario. O nacionalismo galego cando máis útil foi á sociedade e ao país foi cando puxo a súa táctica política e o seu discurso ao servizo do obxectivo de ir moito máis aló do seu campo ideolóxico e do seu corpo electoral máis firme, porque neses momentos o nacionalismo sempre foi quen de sumar pobo á causa galega e de ser máis determinante na historia política do país. Acaso non foi esa maneira de ver o país o que levou ao BNG nos anos oitenta a convidar a outras forzas políticas a sentarse arredor dunha mesa para intentar facer unha candidatura de país para Europa e anos máis tarde a aprobar unha candidatura do BNG ao Parlamento europeo encabezada por Carlos Mella, vicepresidente da Xunta con Fernández Albor? Acaso non foi a estratexia de situar o país por riba de todo o que nos levou a participar activamente en 1987 nunha grande manifestación en defensa da lingua galega que ía encabezada por políticos como Fernández Albor ou Xesús Palmou, portando pancarta con Bautista Álvarez e Ánxel Guerreiro? Acaso a creación da Plataforma Nunca Máis diante da catástrofe do Prestige non buscou o diálogo sen límites con todos os actores sociais para mobilizar o conxunto da sociedade? Acaso non actuamos con esa mesma idea de país cando durante o goberno bipartito o nacionalismo presentou o Estatuto de Nación? Acaso non é o compromiso co país o que explica a decisión de Valentín Paz-Andrade de aceptar incorporarse á Comisión Negociadora da Oposición ou o que explica a presenza activa de Camilo Nogueira na Comisión redactora do Estatuto dos 16? Acaso non foi o obxectivo de acadar un Grupo Parlamentar Galego nas Cortes o que mesmo levou ao BNG en 2015 a renunciar a presentarse baixo as súas propias siglas, nun acto de xenerosidade e de responsabilidade política pouco frecuente? Non sempre o resultado é o que se espera, é certo, pero ninguén lle pode negar ao nacionalismo organizado e ás persoas de pensamento nacionalista o seu esforzo por darlle outro futuro ao país.

O nacionalismo galego cando máis útil foi á sociedade e ao país foi cando puxo a súa táctica política e o seu discurso ao servizo do obxectivo de ir moito máis aló do seu campo ideolóxico

 

Non teñamos reparo ningún en sentarnos con quen sexa preciso se do que se trata é de formular desde a Cámara galega unha Proposta de País para defender neste novo escenario político que agora está a abrirse no Estado. A única estratexia que o nacionalismo galego non modificou nunca ao longo da súa historia foi a sua estratexia de servizo ao país. Defender o país é a nosa razón de ser. A axenda galega que ultimamente presentou Ana Pontón, centrada nos principais problemas que hoxe ten Galiza e que máis lle preocupan á nosa sociedade, é, desde logo, un primeiro paso e a dirección que cómpre seguir, facendo un discurso máis propio de quen exerce a dirección política dunha nación en construción que dunha oposición sen esperanza nun resultado positivo para o país.