Non estamos na etapa final do franquismo nin no período inicial da transición. Estamos ás portas de 2020 e levamos xa varias décadas de marco autonómico, de procesos electorais e de gobernos da dereita, agás as parénteses de dous gobernos de carácter progresista, o tripartito e o bipartito, pouco máis de seis anos nun espazo temporal de 38 anos. E o que é aínda realmente máis grave: durante todo este tempo, case catro décadas, Alianza Popular, primeiro, e o Partido Popular, despois, gobernaron o país sen acreditar endexamais no país como suxeito político co mesmo status que Euskadi e Catalunya.

E o resultado dese proceso é a actual irrelevancia política de Galiza e a destrución material do país en todos os campos. Por moi limitadas que sexan as competencias autonómicas -que o son-, non é difícil imaxinar que o rumbo do país podería ser outro moi diferente de estar o nacionalismo galego na Xunta de Galiza desde os anos oitenta ou incluso desde os noventa.

Quen non o vexa así, quen non o pense así, francamente acredita ben pouco na capacidade do nacionalismo galego para traballar polo país desde as institucións, incluso desde unha posición minoritaria. E, desde logo, o papel do Partido Galeguista nos anos trinta do pasado século ou a participación do BNG na brevísima etapa do bipartito entre 2005 e 2009 son experiencias luminosas na historia política de Galiza.

O nacionalismo galego ten que ter xa hoxe na súa axenda como prioridade política a necesidade de gobernar o país

Se compartimos esta reflexión tan elemental, se deixamos por un momento o territorio dos principios políticos e da Galiza que soñamos, e pousamos os nosos ollos no país que temos e nas súas potencialidades, a nosa resposta fronte á tanta desfeita social, económica e cultural -que se pode ver parroquia a parroquia-, non pode ser, non debe ser, que temos que seguir a acumular forzas para -algún día- dar o paso de gobernar o país con outro peso institucional e outras competencias de maior soberanía política.

O nacionalismo galego ten que ter xa hoxe na súa axenda como prioridade política a necesidade de gobernar o país, porque Galiza precisa urxentemente dun cambio de rumbo, dunha acción de goberno que poña o territorio e a economía produtiva en valor, que poña a nosa lingua e a nosa cultura na vida de cada unha e cada un de nós, que poña a Galiza como unha nación en construción, como unha nación no mundo, en definitiva, que retome con orgullo o traballo e o esforzo das persoas que no seu día asumiron responsabilidades no goberno de coalición da Xunta para darlle outro futuro a Galiza. Esa é a reflexión e a ilusión que, ao meu xuízo, nos debe transmitir aquí e agora o nacionalismo galego: cómpre mollarnos no goberno do país, aínda que só sexa para un cambio de rumbo. Porque o precisa o país.

Non deberiamos dedicar nin un minuto máis a falar de Feixóo. É un exercicio absolutamente estéril

Creo que non deberiamos dedicar nin un minuto máis a falar de Feixóo. É un exercicio absolutamente estéril. Temos a certeza de que dentro da sociedade galega hai un corpo social moi amplo -e tamén ideoloxicamente moi plural- que hai tempo que non pensa en Feixóo nin no PP  como solución política para os nosos problemas e que o que demanda das forzas políticas da oposición é unha proposta de presente e de futuro para Galiza, para este momento político, para a Galiza de hoxe e do vindeiro decenio.

Por suposto, hai quen ten moi claro que ten que ser unha proposta de país, para o país, desde a ambición de país, como un paso máis na construción da nación galega, desde posicións nitidamente nacionalistas ou cando menos dunha grande firmeza galeguista. Mais hai outra moita xente que ve a necesidade e a urxencia dun cambio político na Xunta sen posuír unha clara conciencia de país.

Demándano simplemente desde coordenadas de esquerda/dereita e, ademais, desde un pensamento de esquerdas moi españolizado, cada día máis españolizado. Para estes outros sectores sociais tamén ten que falar o nacionalismo galego se o seu obxectivo é ter o maior peso político nese goberno e ser determinante nese cambio de ciclo político que Galiza tanto necesita.  Atopar as palabras precisas para dirixir a mensaxe do nacionalismo ás persoas non nacionalistas debería preocuparnos máis que o que fai ou deixa de facer Feixóo. Do rigor, do realismo, da intelixencia, da amabalidade e da ilusión coa que formulemos o noso discurso á sociedade nos próximos meses vai depender que amplos sectores sociais vexan ou non vexan o nacionalismo galego gobernando o país.

Ana Pontón xa demostrou sobradamente intelixencia política e capacidade para dialogar co país en toda a súa dimensión humana. Esa, e non outra, é a liña a seguir, o camiño que cómpre transitar.