Quen coñeza a traxectoria do nacionalismo galego da preguerra chegará facilmente á conclusión de que, despois da amarga e frustrante experiencia de ORGA e da inevitábel división no seo das Irmandades da Fala, foi quen de dotarse dun instrumento político vital para o país como foi o Partido Galeguista e de deseñar unha estratexia  que, de non ser polo golpe fascista do 36 e por toda a barbarie que veu a continuación, culminaría cun moi sólido sistema político galego, cunha Galiza con institucións propias e cun primeiro goberno galego da historia no que o PG, seguramente con Castelao e Alexandre Bóveda ao fronte, levaría a dirección política do país cara a outras metas aínda máis ambiciosas. O resultado, desde logo, non podía ser máis positivo para un período tan curto de apenas 20 anos, se partimos das Irmandades da Fala, ou de só 5 anos se contamos desde a fundación do Partido Galeguista. Ter a coraxe política de crear unha forza política propia para ser o motor de todo o proceso estatutario e conseguir elaborar e aprobar en plebiscito o Estatuto de Autonomía do 36 é a mellor demostración da utilidade que tivo para o país aquel minoritario Partido Galeguista. Calquera de nós pode, ademais, imaxinar cal sería o futuro de Galiza como nación se o río da historia seguise o seu curso e non fora tronzado polo fascismo. Só hai que pensar  en todas aquelas persoas que militaban no PG ou que traballaban no Seminario de Estudos Galegos. O mellorciño do mellorciño, humana e intelectualmente.

Este é o espello no que nos debemos mirar hoxe todas as persoas que queremos un país diferente. Ou é que non temos nada que aprender da experiencia histórica, da dos anos trinta e da nosa, desde a Transición para acó? Precisamos regresar permanentemente, claro que si, a Castelao e a Bóveda, mais non só o debemos facer para alimentar e iluminar o noso ideario político, o noso corpus teórico, senón tamén para aprender da firmeza que tiñan no seu ideario nacionalista aqueles dirixentes e de como souberon compaxinar esa solidez nos ideais cunha praxe política que situaba a consecución de institucións propias e o goberno do país como prioridades irrenunciábeis e inaprazábeis. De feito a política de alianzas que levaron a cabo cos partidos estatais unicamente tiña un fin: acadar o obxectivo de dotar a Galiza de existencia política propia como nación e de instrumentos de autogoberno no prazo máis breve posíbel, seguindo os pasos de Catalunya e Euskadi. Merece a pena que fagamos un alto no camiño para reflexionar se o nacionalismo galego actual ten a mesma preocupación por gobernar o país que tivo o nacionalismo da preguerra. É moi necesaria esa reflexión. E é preciso tamén que as persoas e as organizacións que nos últimos anos buscaron alianzas fóra do campo nacionalista reflexionen sobre a utilidade que ese enorme salto na estratexia do nacionalismo galego contemporáneo tivo para alcanzar un sistema político galego máis forte, un país diferente e un nacionalismo máis potente e con maior apoio social, que era, en definitiva, o que procuraba o PG. Mentres non se fagan estas reflexións nun campo e noutro, Galiza seguirá a estar lonxe de ter unhas forzas políticas propias que actúen coa mesma lucidez e a mesma responsabilidade histórica que o fixo o nacionalismo da preguerra.

Merece a pena que fagamos un alto no camiño para reflexionar se o nacionalismo galego actual ten a mesma preocupación por gobernar o país que tivo o nacionalismo da preguerra

 

Aínda estamos a tempo de rectificar a historia. Sempre estamos a tempo de rectificarmos a historia. Falarmos entre nós non debería ser nunca máis difícil que o diálogo entre Catalunya e o Estado. E creo sinceramente que hai moitas persoas independentes, insobornábeis na defensa do país, que teñen un papel moi importante que xogar para que nas próximas eleccións xerais  o nacionalismo organizado e as persoas que sen ser nacionalistas acreditan firmemente no país lle podamos ofrecer á sociedade galega a posibilidade de ter unha representación verdadeiramente propia, sen dependencias de fóra. Eu non me imaxino un proxecto potente de país, de ampla base social, sen sumar a esa tarefa a todas as persoas que lle queren a Galiza e que soñan cunha nación dona do seu presente e do seu futuro. Cómpre sumar, sumar e sumar, para fortalecer a casa común, como dixo no seu discurso Ana Pontón o Día da Patria, porque o BNG é a principal ferramenta política que segue a ter o país, pero se é preciso, e creo que é preciso, cómpre sumar tamén fóra da casa, buscando sempre a cooperación necesaria a prol do país, para empezar con todas esas persoas que desde a súa visión persoal manifestan unha e outra vez preocupación pola situación política de Galiza. O nacionalismo galego non debe ter nunca temor a transitar ese camiño. Foi o que fixemos desde 1982.

Cómpre sumar tamén fóra da casa, buscando sempre a cooperación necesaria a prol do país, para empezar con todas esas persoas que desde a súa visión persoal manifestan unha e outra vez preocupación pola situación política de Galiza

 

Eu soñaba nas eleccións xerais de 1977, con 17 anos, aló nas miñas terras de Ortigueira, cunha Minoría Galega no Senado con Manuel María e Celso Emilio Ferreiro, con Moncho Valcarce e Camilo Nogueira, con Francisco Fernández del Riego e Francisco Carballo, con Valentín Paz Andrade e Isaac Díaz Pardo, pois para min todos eles eran referentes do país. Daquela non foi posíbel esa Minoría Galega. Tampouco nos sucesivos procesos electorais. Nin unha soa vez desde 1977 a 2016. Catro décadas despois, camiño dos sesenta anos, sigo a pensar que o país segue a precisar cando menos unha Candidatura Galega ao Senado, con persoas de longa traxectoria de compromiso co país, que teñan como único programa a defensa de Galiza como nación e como única atadura política a fidelidade ao país. Cómpre xogar forte, cunha candidatura potente en cada provincia, absolutamente plural, sen límites de carácter ideolóxico. Galiza aínda precisa aí de homes e mulleres como Anxo Quintana e Encarna Otero, como Suso de Toro e Teresa Táboas, como Alfredo Suárez Canal e Margarita Ledo, como Alberte Blanco Casal e Pilar Allegue, como Branca Rodríguez Pazos e Edelmiro López Iglesias, como tantos e tantas outras que levan decenios traballando para que Galiza exista como nación. Nada diso sería contraditorio co fortalecemento do nacionalismo galego, todo o contrario, nin eclipsaría tampouco a renovación xeracional que xa está en marcha na política galega. E si podería ser talvez un primeiro paso para que de novo todos situemos a Galiza no centro do debate político, aquí e no Estado, e tamén, como non, para ir tecendo outros reencontros imprescindíbeis, para reconstruírmos a patria dos afectos e un futuro máis ilusionante para o país.