Coa perspectiva e a madurez que nos dá o paso do tempo, unha das poucas certezas que temos é que nada gañou Galiza como nación co desencontro  entre o galeguismo do interior e o nacionalismo do exilio, ou co desencontro histórico desde comezos dos anos sesenta entre o galeguismo e o nacionalismo, e non digamos xa cos desencontros no seo do nacionalismo galego ao longo da súa historia. A liquidación do Partido Galeguista, a desaparición do Consello de Galiza do escenario político, a ruptura do Consello de Forzas Políticas Galegas, a falta de unidade no nacionalismo galego durante toda a década dos oitenta e xa nos últimos tempos o intento de destrución do BNG son erros históricos que deixaron o país aínda máis á intemperie, máis indefenso. Das nosas dificultades para organizarnos e para expresarnos politicamente como unha nación, con todo o potencial  social que poderiamos lograr, só se desprenderon consecuencias negativas ou nefastas para o país.

En demasiadas ocasións na historia do nacionalismo galego contemporáneo a confrontación ideolóxica e a defensa  do territorio propio de cada organización primou sobre as necesidades do país e sobre a necesaria unidade de acción do nacionalismo e do galeguismo naquelas cuestións que eran fundamentais para a nosa existencia como pobo e para o futuro de Galiza. Semella que a nosa principal teima foi e segue a ser clarificar os campos ideolóxicos e situarmos a cada quen con nitidez nun campo ou noutro, e iso dificilmente favorece  a fortaleza dun proxecto de país de ampla base social. Por suposto, o debate de ideas é imprescindíbel en calquera movemento político, mais moverse só no terreo dos principios políticos e do ideario resulta estéril se non contemplamos tamén como unha prioridade política ter a suficiente forza social para actuar no presente. Ou todo ou nada pode ser moi coherente cos ideais que un defende, pero é unha alternativa que non conduce a modificar a realidade que teoricamente queremos transformar. Contar con todas as persoas que teñen a Galiza como paixón e como principal preocupación intelectual e política, sexa cal sexa a súa ideoloxía, e saber aproveitar ao máximo cada circunstancia histórica para procurar certos cambios políticos e favorecer a conciencia de país sempre será unha praxe política máis intelixente e máis útil para Galiza que alimentar constantemente as diferenzas e a desconfianza entre nós e non moverse nin un paso dunha alternativa de máximos que non posúe aínda a base social que a faga posíbel.  Practicar o desprezo e o verbo hostil entre nós non conduce a nada positivo para o país. Pretender que todas as persoas que teñen unha idea máis ou menos clara de país e que cren na necesidade de forzas políticas propias que asuman tamén punto por punto todo o ideario nacionalista non parece tampouco o máis intelixente para favorecer o avance dun proxecto político de país de ampla base social. 

Semella que a nosa principal teima foi e segue a ser clarificar os campos ideolóxicos e situarmos a cada quen con nitidez nun campo ou noutro, e iso dificilmente favorece  a fortaleza dun proxecto de país de ampla base social

 

Son tempos de facer un alto no camiño para deternos a reflexionar, de ver se o discurso nacionalista é suficientemente pedagóxico para unha sociedade galega cada vez máis españolizada, de esforzarnos en buscar o apoio e a complicidade en todas aquelas persoas que aman o país e de traballar todo o posíbel para darlle unha esperanza de futuro a tanta e tanta xente que quere unha Galiza diferente. Debémosllo tamén ás xeracións de mozas e mozos que se están a marchar. A nación galega estase a desangrar. Non hai mobilización nin manifestación do 25 de xullo que deteña esta grande hemorraxia humana. Son tempos, claro que si, de volver a construír país desde o goberno.