A Unión Europea, que a socialdemocracia sempre quixo ver como un proxecto alternativo, dun capitalismo con rostro humano, malia que naceu sometida á OTAN e hipotecada ás políticas de Washington, ten un papel cada vez máis subalterno respecto desta potencia norteamericana. Trump non está disposto da lle dar tanto xogo propio como no pasado, xa que coida que no actual contexto internacional debe utilizar todos os medios para illar e someter a China e Rusia (e outras potencias menores cun grao importante de soberanía), antes de que sexa demasiado tarde e teña que aceptar un mundo multipolar, con todo o que isto implica en reparto da riqueza e do poder.

Para levar adiante esta estratexia as posturas dialogantes serían máis un atranco que un reforzo. Daquela que a Unión Europea teña cada vez un papel máis submiso a Washington e menos marxe de manobra para exercer de intermediaria. Tal como se pode comprobar ultimamente nas relacións con Rusia e Iran, e na postura respecto de Siria e Venezuela, que son os puntos nos que Estados Unidos centra neste intre seus ataques, nuns casos no estratéxico e outros no táctico. Confrontacións que, ao mesmo tempo, permítenlle disciplinar ás potencias aliadas, marcándolles os límites da súa soberanía e de como, cando e con quen poden exercer como potencias subimperialistas. Daquela, países con políticas internas e externas tan distintas como Reino Unido, Francia e Alemaña, cada vez se parecen máis. Unha disciplina que Washington esixe no plano militar e político, mais tamén no ámbito da empresa privada, porque estas constitúen un aspecto esencial da competencia e da guerra económica, da loita das ideas, e na imposición do tipo de relacións laborais e sociais.

A Unión Europea teña cada vez un papel máis submiso a Washington e menos marxe de manobra para exercer de intermediaria. 

 

Se analizamos os resultados da estratexia de matón de rúa de Trump, a esta altura pódense tirar dúas conclusións ben distintas. Por unha banda aumentou a confrontación política, militar, económica e a degradación das condicións de vida para as maiorías sociais. Mesmo o FMI apunta a un menor medre do PIB nos vindeiros anos, e os analistas a unha posíbel crise da débeda soberana. Porén, o crecemento da economía norteamericana, por riba da eurozona e Xapón, e a redución das taxas de desemprego confirman que a ameza funciona e, o máis sorprendente, a costa das potencias aliadas e daqueles países que manteñen relacións de dependencia ou neocoloniais. Dirase que a estes países non lles queda outro remedio, mais non é verdade. Concretamente Italia na UE, e México e Uruguai en América Latina, non seguiron os ditados de Trump ao non avalar o golpe de estado en Venezuela. Ou sexa, que hai marxe para realizar unha política distinta a Washington, todo depende da vontade política e do proxecto que se defenda, e sobre todo da participación e protagonismo popular.

Agora ben, esta política de submisión da UE está ditada polo poder económico, que conta co apoio dos medios de masas e dos partidos sistémicos (dereita, socialdemocracia, verdes, etc.), na práctica non resolve o problema do baixo crecemento do PIB. E esta eiva propia dun capitalismo senil, solucionase perversamente, cun aumento da concentración e centralización do capital. Ou sexa, cun medre da precariedade, desigualdade, menores salarios, redución dos servizos e prestacións sociais, liquidación da pequena empresa, por unha banda. Unha dinámica de explotación que vai unida a un medre da inxerencia e o espolio externo, provocando o retroceso económico e mesmo de perda da povoación dos territorios con menor peso político, e cun papel cada vez máis subordinado na cadea de valor (caso de Grecia, e de Galiza, por poñer só dous exemplos). Ou sexa, a globalización neoliberal implica aumento constante das contradicións de clase e nacionais, que se expresan nas eleccións co auxe do populismo e da abstención. Mais tamén, como resposta activa, con milleiros de folgas e mobilizacións e con novas formas de loita, como os chalecos amarelos en Francia. Onde a ocupación das rúas de forma permanente ten un valor simbólico e moi efectivo, nun contexto de tanta precariedade, aínda que no posíbel combinase coa folga xeral, sectorial e local.

Esta eiva propia dun capitalismo senil, solucionase perversamente, cun aumento da concentración e centralización do capital

 

Calquera que faga unha lectura non mecanicista da realidade, sabe que unha gran parte da povoación europea, das clases populares, considera que non ten futuro, e iso é socioloxicamente moito máis grave que ter un mal salario e a precariedade, ou malvivir como autónomo/a. Tratase dunha bomba de reloxeira que pode estoupar en calquera momento, por razóns económicas ou democráticas, como aconteceu cos chalecos amarelos, ou ser base de apoio de falsos “salvadores supremos” como indican con acerto as estrofas da Internacional. “Salvadores” de partidos sistémicos ou da estrema dereita populista, que non queren cambios de modelo senón impoñer unha maior disciplina social. Diante deste reto ten a esquerda obxectivos a corto e medio prazo, discurso e folla de ruta? Pódese construír un novo proxecto dentro da UE? É posíbel unha sociedade con xustiza social e soberanía sen que as maiorías sociais controlen cando menos as áreas estratéxicas da economía e dos servizos básicos?

A negación da soberanía ás nacións dependentes, non son un feito circunstancial, senón as regras de xogo dunha falsa democracia ao servizo das potencias

 

A imposición polo imperialismo de presidentes noutras nacións, a destrución dos países insubmisos, a dura represión da contestación laboral e social, a negación da soberanía ás nacións dependentes, non son un feito circunstancial, senón as regras de xogo dunha falsa democracia ao servizo das potencias, corporacións e grandes fortunas. Un xeito de recrear a explotación e o colonialismo nesta etapa histórica. Os chalecos amarelos, os milleiros de mobilizacións obreiras e protestas sociais ignoradas, a esixencia de liberdade polas nacións sometidas, tampouco son unha anécdota. Tratase dunha contestación das clases populares que non ignoran o inmenso poder do capital, o papel dos medios, e como no caso dos chalecos amarelos cales son os métodos que lles ensina a práctica como máis efectivos para transformar a realidade. Son a expresión máis forte da unidade da diversidade popular contra o poder concentrado e centralizado. Falta o partido. É a maior eiva. Será cuestión de inventalo? De reconstruílo e de conquistar as institucións? E se fose así: non debería a esquerda marxista abandonar o dogma e o tactismo para se mergullar no povo, nas súas inquedanzas, para se reinventar cada día? A unidade da UE, a paz, o desenvolvemento, é en boa medida unha gran mentira, que habilmente se predica nos medios e  no Erasmus, ao servizo dos poderes hexemónicos.

https://obloguedemera.wordpress.com/



x