Das revoltas populares en Ecuador e Chile a esta altura pódense tirar dúas conclusións importantes: que abranguen a sectores moi amplos da sociedade, e que son unha clara resposta ás políticas neoliberais; ou sexa: cuestionan o sistema, non son un feito transitorio. A globalización imperialista aumentou a desigualdade social e a precarización das condicións laborais, deu azos ao Brexit, ao conflito nacional en Cataluña, e ao recorte de liberdades en moitos estados do mundo que se gababan da súa democracia, cando eran parte indiscutíbel do centro da cadea de valor. En todas estas manifestacións das contradicións sociais, territoriais e ecolóxicas, está latente a falta dun proxecto que ilusione a unha ampla base social, por exemplo na Unión Europea, así como a durísima confrontación entre as grandes potencias polo control do mercado.

Síntomas do esgotamento do capitalismo, que, como afirmaba Samir Amin: atopase na súa etapa senil

Todos os anteriores son síntomas do esgotamento do capitalismo, que, como afirmaba Samir Amin: atopase na súa etapa senil. Mais iso non implica que estea morto e que aquelas clases sociais e potencias que tiran beneficios pola súa aplicación non busquen por todos os medios, desde o militar até o financeiro, propagandistico e represivo, manter súa hexemonía facendo as mínimas concesións. Daquela as actitudes de Trump, Bolsonaro, Piñera, Macri, etc. E mesmo faino o PSOE dende unha esquerda aparente cando ignora e re-interpreta a realidade. Neste último caso é así cando os “socialdemócratas” negan o estado plurinacional ou adían a anulación da reforma laboral, e utilizan ou son cómplices da cúpula do poder xudicial e as forzas de seguridade para recortar dereitos democráticos e castigar a oposición ao sistema. Todos estas forzas que aceptan a globalización neoliberal viraron á dereita, e non é unha casualidade. Mentres que a esquerda transformadora está debilitada, sen asumir aínda a derrota da caída do “socialismo real” e empurrada polo descontente e a revolta social, responde con posturas máis tácticas que produto dunha valoración e proxecto estratéxico para esta etapa e correlación de forzas.

O transcendental triunfo de Alberto Fernández na Arxentina non se debería entender como unha alternancia entre a dereita e o peronismo, na versión española dun relevo do PP polo PSOE ou ao envés. A coalición que alentou Cristina Fernández é moito máis ampla, e integra dende sectores que cren no capitalismo con cara social até aqueles que queren unha transformación do sistema. No “Frente de Todos” converxen, peronistas, kirchneristas, comunistas, socialistas, socialdemócratas, feministas, irigoyenistas, radicais. Polo que todo indica que en política exterior o Executivo de Fernández fortalecerá o bloque alternativo ao imperialismo e o dialogo con Venezuela e Cuba, e rachará o illamento de Bolivia. Tamén dará pulo ao movemento obreiro e popular, e como parte dos espellismos do peronismo ortodoxo máis unha vez intentará potenciar un capitalismo nacional. Este cambio na Arxentina non se pode ollar disociado da reelección de Evo, ou da revolta social en Ecuador e Chile. Forman parte da mesma marea.

Un comentario para aqueles que realizan unha análise simplista do peronismo. No seu seo dende un inicio houbo correntes moi diversas, lembremos o Partido Laborista de Cipriano Reyes. Tendencias internas que ademais colleron pulo despois do golpe militar que derrocou a Perón en 1955. Daquela que houbese organizacións peronistas da esquerda revolucionaria na guerrilla, e ao mesmo tempo sectores ligados coa extrema dereita da “Triple A” que se dedicaron a exterminalas. Nun principio todas estas correntes tiñan como matriz a cuestión nacional e o antiimperialismo. Con Menem a dereita peronista abrazou sen complexos o neoliberalismo e un carácter subalterno respecto dos Estados Unidos, un proceso que se iniciou durante o governo de Isabel Perón.

Os actuais avances políticos progresistas e as revoltas populares danse nun escenario complexo, que non está exento de problemas

Os actuais avances políticos progresistas e as revoltas populares danse nun escenario complexo, que non está exento de problemas. Por exemplo, a reelección do “Frente Amplio” na segunda volta en Uruguai ten moitos atrancos que superar, e a maioría lexislativa dependerá dun partido de estrema dereita. Tampouco se pode obviar que a dereita utiliza con máis intensidade que nunca os medios de información sistémicos, que son hexemónicos, para alentar a revolta na rúa contra os governos progresistas, non só en Venezuela senón tamén agora en Bolivia. Será esta a liña que se consolide nos partidos neoliberais para cando perde premer dende todos os ámbitos ao Governo electo? Se a isto sumamos o papel activo que xogan os medios de información, o poder xudicial e organismos non electos polo voto popular, no control da economía e para disciplinar a clase traballadora, temos unha democracia cada vez máis restrinxida e represiva ao servizo das clases dominantes. Mais, mesmo neste contexto con tantos atrancos, e con eivas evidentes nos movementos transformadores, revoltas como as de Chile e Ecuador, resistencias como as de Cuba, Venezuela e Bolivia, e avances como os de Arxentina, e antes en México, reflicten que na América Latina (e tamén no mundo) a vía para a liberación nacional, democrática e popular move a unha parte cada vez máis ampla da sociedade. A eliminación da opresión e explotación segue sendo un obxectivo e unha andaina posíbel, non é un espellismo.

https://obloguedemera.wordpress.com/