A pasada semana analizaba nun artigo como o Partido Comunista Portugués e o Bloco de Esquerda non foron quen de tirar rédito do seu acordo co Partido Socialista, mentres que este último recollía todos os méritos das melloras laborais e sociais que se viu obrigado a aceptar para poder governar. Lembremos que o PS no ano 2015 foi a segunda forza en número de votos, por detrás da alianza de dereita PDS/CDS.

Dicía nese artigo, como unha das conclusións, que estes pobres resultados para a esquerda real (ou sexa a anti-sistémica) obrigáballe a reflexionar sobre cales foron súas eivas, xa que acadou tan pouco recoñecemento pola súa labor. Máxime cando mantivo unha actitude moi activa no Parlamento, e alentou a mobilización respecto dos incumprimentos do acordo e de novos retrocesos no ámbito laboral, nos que o PS contou co apoio da dereita sen ningún custe político.

Situada mecanicamente esta valoración no Estado español, hai quen pensará que estes pobres resultados da “vía portuguesa” reforzan a postura de UP cando esixe a Pedro Sánchez unha coaligazón de Governo, para alén do acordo programático. Agora ben, coido que tirar esta conclusión é moi simplista, porque se analizamos no Estado español, tanto a nivel dos concellos como das autonomías e nacionalidades, comprobamos que é normal que nunha coaligazón a forza que preside a institución manteña ou aumente súa presenza electoral, en detrimento dos partidos cos que comparte governo.

É normal que nunha coaligazón a forza que preside a institución manteña ou aumente súa presenza electoral

Na Galiza temos moreas de exemplos nos que o nacionalismo tanto estando nos governos, como apoiando dende o exterior, retrocedeu en beneficio do partido con maior representación, normalmente o PSOE. Como un feito moi destacado lembremos o bipartito na Xunta. Tampouco se pode obviar que en case todos os casos tomar unha decisión distinta era moi complexo, porque implicaría darlle o governo ao PP. Hai excepcións, nas que esta regra non se cumpriu, e a segunda forza da coaligazón terminou por superar á primeira, polo que deberían ser casos a estudar detidamente e socializalos, porque neles está a clave para que a esquerda anti-sitémica tire rédito electoral da súa presenza nas institucións.

A cuestión de fondo para que os partidos da esquerda, tamén a nacionalista, dispute con eficacia o espazo electoral ao progresismo do PSOE non está relacionada con formar ou non parte do governo das institucións. Nuns casos pode favorecer e noutros hipotecar o crecemento da organización, polo que se debe analizar cada caso, xa que no fundamental dependerá da fortaleza da esquerda (do nacionalismo) en cada ámbito concreto. Ou sexa, cómpre ter os cadros adecuados, iniciativa,  coherencia, ligazón co movemento sindical, social, barrial, cultural, ecolóxico, etc. Tamén está relacionado coas fortalezas e as debilidades de cada un dos partidos que formen parte da coaligazón, do grao das diverxencias, de contar cunha folla de ruta para cada contexto e de tácticas axeitadas para cada momento, tendo sempre como punto de referencia no axer e na mensaxe ás clases populares (e a súa cerna, a clase obreira), á militancia e simpatizantes. Por exemplo, non se trata de aparecer todos os días nos medios de masas (sistémicos), que sería positivo, senón de como e para que se aparece, e cal é a mensaxe que se coloca na sociedade.

De pouco serve ter algúns cadros brillantes no governo dunha institución pública sen unha forte estrutura partidaria

Todos estes aspectos afectan, porque de pouco serve ter algúns cadros brillantes no governo dunha institución pública sen unha forte estrutura partidaria. Tampouco é abondo con ter peso no movemento sindical e social se logo nas institucións os cargos de referencia carecen de discurso cara á clase traballadora, de iniciativa, e son grises ou destacan pola agresividade. Non é o mesmo realizar propostas valentes que reflictan unha forza transformadora e estean ligadas a loita de clases, ter argumentos sólidos, que querer destacar por sumar uns euros máis ou medidas extras para superar cuantitativamente o discurso do progresismo neoliberal.

Os anteriores non son aspectos menores, máxime cando se termina por non cuestionar os marcos do sistema, aceptando como normal que en cada ámbito se debate só sobre as súas competencias especificas e se exclúe como norma a disputa do estratéxico, como se iso non fose esencial porque contextualiza o proxecto e a necesidade do cambio (soberanía, explotación, inxustiza, igualdade, natureza). Hai quen pode pensar que a división de tarefas e mensaxe segundo o ámbito permite unificar o discurso partidario, ao ser a cúpula a que asume as propostas estratéxicas. Mais, na práctica empobrece a argumentación ao desvincular o concreto do xeral, e termina amoldando a base da organización a unha praxe reformista (coherente cos límites do discurso cotiá), que se termina por alongar a toda a estrutura, agás nos actos simbólicos e congresuais. Evidentemente isto tamén se pode dar noutros ámbitos e non so no institucional.

Non existe receita prefixada para participar ou non nunha coaligazón con outros partidos para formar governo

En resumo. Non existe receita prefixada para participar ou non nunha coaligazón con outros partidos para formar governo, máxime cando a centralidade está noutra forza. Dependerá no esencial das capacidades e debilidades de cada un dos partidos, e de situacións excepcionais. Para formar parte dunha coaligazón con posibilidades de éxito, hai que ter unha gran fortaleza en cadros, en militancia, en capacidade para disputar o discurso sen torpedear a acción de governo, e saber marchar cando as contradicións son evidentes e hipotecan o proxecto.

Permanecer á marxe semella sempre o máis doado, porén tamén é demostración da debilidade como forza transformadora. E así especialmente nesta conxuntura histórica cando a única folla de ruta, de de construción de poder popular, depende da intensidade e amplitude da mobilización popular, da loita pola hexemonía no eido das ideas; e asemade: de conquistar o control das institucións, e da potencia da organización partidaria (referencia no movemento de masas, formación e número de cadros, iniciativa, argumentos e coherencia). Son catro eidos nos que se desenvolven tarefas igual de necesarias e importantes, interdependentes, cada unha cun papel moi determinado, e que cando son equivalentes, sumadas caracterizan a fortaleza do suxeito político. Este é fundamental para a liberación nacional e social, para aproveitar ao máximo as contradicións das clases dominantes e o momento propicio para o cambio, en función das condicións obxectivas: nacionais, rexionais e mundiais.

https://obloguedemera.wordpress.com/