O triunfo de Bolsonaro vese por algúns como un suicidio das clases populares, que seica tiñan que votar á socialdemocracia para se salvar, e por outros como a consecuencia lóxica dunha esquerda inconsecuente, que desfixo en boa medida as organizacións de masas e esnaquizou a súa mensaxe de cambio. Ao que cómpre engadir, como un aspecto importante, o crecente poder dos medios de comunicación en todas as súas versións. Os efectos destas políticas económicas e sociais, que se aplican na Unión Europea como a única posibilidade de que medre a economía e crear emprego, pódense albiscar en moitos países da periferia que historicamente serven como lugar de probas. Un deles é a Arxentina. Lembremos que no seu día foi un dos países máis ricos do mundo, cun forte sector industrial, que na década dos cincuenta do século pasado producía coches, trens e barcos, tiña unha puxante industria téxtil e alimentar, así como miles de quilómetros de vías férreas.

Hoxe, despois da intervención do Fundo Monetario Internacional (FMI), que foi solicitada polo governo do neoliberal Macri, a Arxentina é máis unha vez, como durante a etapa das ditaduras militares, banco de proba das receitas neoliberais do momento, seica para salvar o país dos erros do excesivo gasto en prestacións e servizos sociais. Lembremos que con antelación Macri impuxo importantes axustes cos tarifazos sobre unha morea de servizos esenciais, dando lugar a un aumento da taxa de pobreza. O resultado dos seus governos foi unha recesión da economía nos anos 2016 e 2018, que se alargará ao 2019, malia a axuda do FMI (ou debido a ela). Para o vindeiro ano as previsións de retroceso do PIB son de entre -0,5% a -2% segundo a fonte, unha tendencia que seica se manterá no ano 2020. O máis grave é que este recuar afecta un sector estratéxico como a industria, que no que vai deste ano até setembro perdeu un 11,5% do seu valor. Outro dos aspectos máis dramáticos, especialmente para as clases populares, é que a inflación supera o 40% e os xuros de referencia foron fixados polo Governo nun 60% no mes de agosto.

Macri impuxo importantes axustes cos tarifazos sobre unha morea de servizos esenciais, dando lugar a un aumento da taxa de pobreza

 

O economista marxista arxentino Julio Gambina destaca a respecto da situación que: “neste marco crece a conflitividade e a protesta social, con discursos críticos a respecto da orde e rumbo fixado, especialmente ante a próxima aprobación dun orzamento de axuste para 2019 (...) Para frear o conflito social, o governo acordou coa cúpula da CGT un bono que pode atinxir os 5.000 pesos -uns 150 dólares- (...). Diante do ofrecemento do bono, de dubidoso pagamento por todo o empresariado, a cúpula da CGT renunciou ao paro anunciado para novembro, mentres que a CTA autónoma mantivo a mobilización para o 14 de outubro” (http://juliogambina.blogspot.com/). Óllese a diferenza de actitude entre o sindicalismo pactista da CGT, maioritario no país, e a postura combativa da CTA, ligada ás correntes marxistas e do peronismo combativo (sindicalismo co que a CIG ten relación dende seu nacemento). 

Julio Gambina é pesimista en relación coa situación: “O capitalismo local é só posíbel grazas ao endebedamento público, cuxo custo o soporta o conxunto da sociedade (...) Nada está controlado e o governo preocúpase por chegar a fin de mandato e repetir. A oposición sistémica xoga ao desgaste e tenta gañar en 2019. O problema é a construción de alternativa, algo que semella afastado e fóra do xogo electoral”. Tan mal anda a esquerda antisitemica nun país tan politizado, cunha afiliación sindical tan forte e con protagonismo institucional, e que viviu situacións tan dramáticas na súa historia recente e que foi quen de superar? Todo fai pensar que o FMI, o imperialismo hexemónico, está a utilizar a Arxentina como un banco de probas realizando axustes moi duros, que permitan aumentar os lucros empresariais, e as transferencias de capital ao exterior. Coa intención de dar unha lección a outros países? Para exportar o modelo?

Tan mal anda a esquerda antisitemica nun país tan politizado, cunha afiliación sindical tan forte e con protagonismo institucional, e que viviu situacións tan dramáticas na súa historia recente e que foi quen de superar?

 

Carlos Mendoza, enxeñeiro e escritor, do Consello de “Tesis 11”, facía a seguinte valoración diante desta agresión, nun artigo sobre a articulación dunha resposta con posibilidade de éxito: “na Arxentina existe unha base socio-política organizada importante e en crecemento para a construción da correlación de forzas que se necesita, coa confluencia de organizacións sindicais combativas, como a Corrente Federal dos Traballadores na CGT, as dúas CTA, o gremio de camioneiros e os seus aliados, as organizacións sociais como a Central de Traballadores da Economía Popular (CTEP) e organizacións político-culturais, o cal podería dar a base social para a formación dunha ampla fronte política, que inclúa os demais sectores populares, para disputar o Governo aos grupos máis concentrados do poder económico que o controlan. A responsabilidade histórica desta inmensa e sempre difícil tarefa recae principalmente na clase asalariada e as súas organizacións". Esta non deixa de ser unha proposta teoricamente valida, e na práctica urxente. 

Unha breve reflexión encol desta cuestión. Están dadas as condicións para esta reconstrución da esquerda na Arxentina superando todo tipo de muros persoais e de matices na acción política? Este reto non é algo secundario, nen os atrancos a vencer son exclusivos da Arxentina. Asemade, a tendencia dominante dá pulo a que medre a fragmentación. Haberá que construír partidos máis cohesionados e activos, e unha política de fronte máis ampla e axustada a cada conxuntura? As veces as frontes son máis a reprodución dun partido que estruturas nacidas para dar unha resposta de masas a cada realidade e etapa (ou momento), cun programa de mínimos. Aquilo do programa mínimo (fronte) e máximo (partido), que tanto éxito tivo despois da Segunda Guerra Mundial nos procesos de liberación. En realidade hoxe moitas frontes na práctica axen como partidos, e os partidos compórtanse como tendencias internas. Polo tanto o programa máximo e os matices da fronte non chegan á sociedade, polo que perde seu papel orixinal e eficacia social, e sobre todo, avalando unha práctica reformista con consignas rupturistas de consumo interno. Sen dúbida a cuestión do papel do partido e da fronte necesita ser debatida, clarificada.

Para avanzar na unidade das forzas alternativas ao sistema, ademais de diferenciar o papel do partido e da fronte, hai que entender os cambios como un proceso e ser quen de definir con claridade o principal e o secundario, analizar o presente e traballar polo futuro vendo o pasado como unha experiencia non como un condicionante. E todo amosa que isto non algo tan doado para moitos e moitas dirixentes (e loxicamente para a militancia). Daquela que as veces haxa que esperar a cambios de mentalidade. Preocupante, triste. 

Están dadas as condicións para esta reconstrución da esquerda na Arxentina superando todo tipo de muros persoais e de matices na acción política?

 

Sen dúbida a experiencia histórica da loita da clase obreira contra a explotación, e dos movementos de liberación nacional contra a opresión, poden ser de axuda. Porén servirán de pouco se non se analizan co mesmo interese as tarefas cotiás que se realizan neste contexto, seus obxectivos e resultados. Procurar a unidade ou reconstruíla, sen esquecer a historia dando prioridade o aspecto construtivo, con obxectivos centrais de consenso, aceptando a pluralidade e outras sensibilidades, con regras de xogo que sempre se respecten. Se cadra ese sexa o camiño para a Arxentina. E non só para ela! Claro que, para facer esta andaina cómpre que estean na dirección as persoas apropiadas. Botar abaixo inercias e muros, sen deixar de estar na primeira liña do combate contra a explotación e opresión, leva tempo, necesita de moita teimosía e entrega, e ter moi claros os obxectivos e a folla de ruta. En fin, pode que estas sexan as eivas na Arxentina, país no que me criei, militei e co que manteño unha relación intensa, ou que respondan máis a analizar os feitos condicionado polo contexto político no que vivo (que ten a súa lóxica).

https://obloguedemera.wordpress.com/


 



x