A caída do Governo de Rajoy, e os atrancos que aparecen agora ao que semellaba un ascenso imparábel de Ciudadanos, son unha boa nova para a esquerda no Estado español, e moi especialmente para os movementos de liberación nacional. Este é o motivo de que fosen decisivos no triunfo da moción de censura. Era urxente deter o aumento da acción represiva sobre as nacións sometidas e a diversidade cultural. Ademais era fundamental, neste contexto e con esta correlación de forzas, eliminar o máximo posíbel a explotación laboral, a privatización dos servizos públicos, recuperar o valor das pensións e outras prestacións, como medidas esenciais para combater a desigualdade e a pobreza. 

Deteñámonos neste primeiro aspecto. Mesmo existindo razóns obxectivas, non se podía obviar cal era o estado de animo da povoación, ou sexa as condicións subxectivas na sociedade. Algo que algunhas forzas, dende o seu derrotismo, cuestionaban fosen as acaídas para un cambio, e mesmo para unha folga xeral. CC.OO e UGT non lle deron valor cualitativo á morea de paros laborais deste ano, é verdade que dispersos e reducidos ao ámbito da empresa, porén cunha maior participación que en anos anteriores (no 1º trimestre de 2018 en relación co mesmo período de 2017, o número de participantes nas folgas medrou un 361% no Estado español). Reducían a contestación a determinados temas, como era o éxito do a prol da igualdade de xénero do 8 de marzo, e as masivas e continuas mobilizacións dos pensionistas. Non apreciaban o desgaste social e político polo aumento ofensivo do lucro das corporacións e da acumulación de riqueza das grandes fortunas, e as complicidades do PP coa desigualdade e corrupción. O enquistamento do conflito con Cataluña e o inmenso respaldo ao soberanismo, así como as durísimas penas e sancións contra traballadores/as, persoas do ámbito da cultura, activistas sociais, e opositores/as políticos, utilizando cada vez de xeito máis habitual a lei mordaza para atallar e disciplinar a protesta e diverxencia. 

CC.OO e UGT non lle deron valor cualitativo á morea de paros laborais deste ano

 

Polo tanto había condicións obxectivas, mais tamén subxectivas, e así o entendeu correctamente a CIG cando convocou a folga xeral galega do 19 de xuño. Que esta caracterización era correcta confirmaríase coa moción de censura. É verdade que o PSOE aproveitou a sentencia da Gürtel, e todo indica que foi un factor decisivo, mais puido facelo porque existía un estado de ánimo, unha actitude da sociedade, de cansazo e anoxo, proclive a un cambio de Governo. Se non fose así, non tería conseguido un apoio tan grande e sen necesidade de negociar previamente contrapartidas, de forzas con ideoloxías e traxectorias tan diversas. Esta é a primeira conclusión que hai que tirar do acontecido durante a moción de censura e do seu resultado. E como reflexión, a importancia do estado de ánimo das masas, ou sexa, a situación obxectiva existente na sociedade; algo que moitos partidos e organizacións sociais non analizan acaidamente (por derrotismo, por elitismo, por economicismo, por falta de debate e reflexión, por ultra-esquerdismo, etc).

O segundo aspecto que se debe ter en consideración é que para as clases populares, tamén as nacionalistas, ábrense maiores expectativas para conseguir avances cun governo do PSOE. Máxime sabendo que a continuidade significaba o triunfo da nova dereita. Unha dereita cun envoltorio moderno, mais que contén propostas anti-obreiras e dun españolismo máis agresivo (neofascista?), representada por Ciudadanos. Tampouco se debe esquecer, que ao analizarmos o tempo no que governou o PSOE, e aquel no que o fixo o PP, vemos que durante os períodos do primeiro a mobilización laboral e social foi máis intensa, aínda que os retrocesos fosen máis fortes coa dereita sistémica. É así porque o povo sabe que, malia os compromisos sistémicos do PSOE, este é máis receptivo ás reclamacións populares, e polo tanto as mobilizacións son máis efectivas. No caso do PP a protesta social foi moi forte nos primeiros anos de governo, mais, como se confronta cun muro de cemento en todo o relativo á cuestión social e das nacións subordinadas, a mobilización iría perdendo de vagar masividade. Evidentemente non sería así se houbese unha maior organización sindical e política, unha folla de ruta atrevida, un debate permanente, maior protagonismo das clases subalternas, que permitise ocupar a rúa, abanear a actividade económica, axitar as institucións. 

Existía un estado de ánimo, unha actitude da sociedade, de cansazo e anoxo, proclive a un cambio de Governo

 

O terceiro aspecto a termos en consideración é valorar até onde van chegar os cambios. Todo fai pensar, dada a evolución e traxectoria os últimos anos do PSOE, que con Pedro Sánchez non se van producir as mudanzas sistémicas que serían necesarias para rematar coa explotación e opresión. É posíbel que derrogue as reformas do PP en materia laboral, pensións, Lei mordaza, LOMCE, etc. E que se tomen medidas contra a violencia de xénero e a prol da igualdade, e que se abra o dialogo coa Generalitat de Cataluña. Seguramente coidan que con estas iniciativas o PSOE marcaría a diferenza co PP e Ciudadanos, permitíndolle recuperar base electoral e manterse no governo. Non é unha tarefa doada, carecendo de acordos de lexislatura que lle garantan a maioría, dada a complexidade do Parlamento, e tendo o PP o control do Senado. Por non falar da actitude dos grupos de poder, dende o económico, até o militar, eclesiástico, xudicial e os medios de información. Ao que cómpre sumar, a presión da UE e das corporacións internacionais, da OTAN, do imperialismo dos Estados Unidos, así como a “guerra” comercial, a complexa situación financeira, e a desfeita da natureza. 

Coidan que con estas iniciativas o PSOE marcaría a diferenza co PP e Ciudadanos, permitíndolle recuperar base electoral e manterse no governo

 

O que suceda neste período vai depender da coherencia e atrevemento do PSOE, neste aspecto a súa responsabilidade é total. Tampouco se pode obviar a importancia do que fagan os partidos que están á súa esquerda, especialmente o soberanismo, así como as centrais sindicais e organizacións sociais. Tanto pola transcendencia de como e canto empurren ao Governo, como de que o fagan con perspectiva estratéxica. Máxime cando a patronal (CEOE e CEPYME) xa acaba de enviar o primeiro recado: “que non se dea marcha atrás na reforma laboral (...) que se dea cumprimento aos obxectivos de déficit”. Ou sexa, que non se aumente o gasto social, que se manteña o actual grao de explotación. Esta é a prioridade do capital! Polo tanto, mesmo dándolle tempo ao novo Governo a que tome medidas, e tendo en consideración os apoios que recibiu, non parece que a clase traballadora e súas organizacións deban ficar caladas, e non facer valer súas reivindicacións nas empresas e na rúa en todo momento. 

https://obloguedemera.wordpress.com/



x