Sen dúbida os governos de Evo Morales implicaron un cambio profundo en Bolivia, téñase en consideración que é dos países que máis medra en América Latina, nun contexto no que a caída das exportacións e dos prezos das materias primas están afectando duramente á rexión. Ademais, cómpre destacar o salto histórico que implicou que a maioría social, os indíxenas, teñan un papel protagonista. A constitución do estado plurinacional recoñece a diversidade. Quechuas, aimarás e outros povos autóctonos, acadaron así un recoñecemento que lles foi furtado dende a conquista e colonización española, nen sequera en etapas nas que governaron partidos de esquerda, como o MNR, ou militares progresistas como Villarroel e Torres.

Algunhas consideracións sobre este último ao fío de se cumprir medio século dunha viraxe política que foi transcendental para as clases populares de Bolivia. O presidente René Barrientos morre nun accidente da aviación, sendo substituído polo vive-presidente Siles Salinas. O 26 de setembro de 1969 será derrocado por un golpe militar encabezado polo xeneral Ovando Candia. Mais algo mudou, xa que a primeira medida do governo sería a nacionalización da empresa petroleira Gulf Oil Corporation, o 17 de outubro. A dereita preme ao Governo, e no ano 1970 consegue desprazar ao comandante en xefe das Forzas Armadas, xeneral Juan José Torres, forzando no mes de outubro, a dimisión do Presidente. Torres reaxe, e asume a dirección da resistencia. Trasladase á base de El Alto, moi preto da capital, La Paz, e consegue derrotar aos golpistas.

A primeira medida do governo sería a nacionalización da empresa petroleira Gulf Oil Corporation

A COB (Central Obreira Boliviana), dirixida por Juan Lechín, cunha traxectoria de loita indiscutíbel, non axudou aos cambios, xogando unhas veces á oposición ultra-esquerdista e outras á ambigüidade e a pasividade. Aínda así Torres acadou un importante respaldo popular, mesmo no movemento obreiro e nas bases da COB. Súas primeiras decisións foron repoñer os salarios aos mineiros, licenciar a policía mineira, afondar na reforma agraria, e amnistiou a Ciro Bustos, Régis Debray George Andreú Roth, en prisión despois de contactar co Che Guevara en Ñancahuazú.
O 20 de abril de 1967 foron detidos por unha patrulla do exército na cidade de Muyupampa, sometidos a interrogatorio e torturas coa asistencia de membros da CIA, xulgados e condenados a 30 anos de cárcere, dos que só cumpriron catro.

En xaneiro de 1971 Torres tomou unha das medidas de maior contido revolucionario, como foi deixar sen efecto a concesión da empresa norteamericana International Metal Processing Corporation, que pasou a formar parte da Corporación Minera de Bolivia. Outro tanto pasaría coa empresa norteamericana Minerals and Chemicals Phillips Corporation, que controlaba a mina Matilde. Estas decisións significaron un confronto cos Estados Unidos, polo que Torres procurou a axuda soviética e doutros países do leste de Europa para canear o boicot de Washington.

Juan José Torres axiña viuse obrigado a facer fronte aos elementos dereitistas das forzas armadas

Juan José Torres axiña viuse obrigado a facer fronte aos elementos dereitistas das forzas armadas. Antes de cumprir dous meses no governo desartellou o primeiro intento subversivo, que tiña como cabeza ao coronel Hugo Banzer Suárez, comandante do Colexio Militar. Pola súa banda o Partido Revolucionario da Esquerda Nacionalista (PRIN) proclamou a loita armada como única alternativa e nomeou a Juan Lechín, seu máximo dirixente (e tamén da COB), como xefe do levantamento. Estes ataques dende a dereita e a esquerda debilitaron o governo.

En agosto de 1971, un novo golpe militar de dereita logrou destituír a Torres. Deste xeito remataba un curto período de mudanzas progresistas. Nos días previos ao golpe fixéronse mobilizacións populares de apoio ao governo, distribuíronse armas entre os obreiros e constituíuse unha cadea de emisoras de radio revolucionarias. O 20 de agosto de 1971 unhas 50.000 persoas concentráronse na Praza Murillo, a máis simbólica da capital, La Paz. Juan José Torres foi un militar nacionalista e progresista, que tomou decisións que confrontaban co imperialismo. Non tivo o tempo necesario para avanzar nas reformas de xustiza social necesarias, porén deixou semente.

Bolivia volve a estar hoxe, como hai medio século, diante dunha conxuntura decisiva

Bolivia volve a estar hoxe, como hai medio século, diante dunha conxuntura decisiva, na que decidirá se vai seguir avanzando ou se dá pasos atrás. A dereita, con toda a sua forza económica, mediática, e para construír un relato enganoso, ten opcións para gañar nas vindeiras eleccións. As enquisas din que Evo Morales será o máis votado en primeira volta, cun 35% de apoio do electorado, mais non está tan claro en segunda volta, ademais un 20% do censo non ten decidido o voto. As eleccións serán o 20 de outubro. Unha semana despois tamén haberá votacións para a presidencia e o Congreso na Arxentina e Uruguai. Ou sexa, de triunfar nestes tres países forzas progresistas, collería forza a corrente antiimperialista, que cuestiona a globalización neoliberal. E verdade que con limitacións, porén non se lle pode restar importancia a cal é a tendencia dominante dos procesos, especialmente cando se quere avanzar nos cambios a prol da xustiza social e a soberanía

https://obloguedemera.wordpress.com/