Chama a atención como os medios de comunicación e, o máis grave, ás veces a propia Xunta de Galiza e os partidos políticos, xogan coa cifra do número de galegos e galegas residentes no País ou que viven na emigración, dando datos e facendo interpretacións que pouco teñen que ver coa realidade. Semella que a caída da natalidade, como consecuencia da subordinación política e económica, e o aumento da desigualdade e precariedade, e que se manteña con forza a emigración, non tivesen máis efectos que o estancamento ou un pequeno recuar demográfico. Vexamos e analicemos máis de vagar as estatísticas para nos aclarar.

En relación coa poboación da Galiza, podemos dicir que no ano 2003 sobre un total de 2.751.094 habitantes naceron no País 2.485.211, ou sexa, o 90,03%. No ano 2017 as cifras eran respectivamente de 2.708.339 e de 2.346.96, é dicir, neste período reduciuse até un 86,63% os/as nacidas na Galiza. Unha cifra salientábel de inmigrantes, aos que habería que sumar a descendencia. A porcentaxe de inmigración medrou con respecto a principios de século, malia a crise que reduciu drasticamente as entradas, porque dende 1990 até 2012 a inmigración superou a emigración e baixou a natalidade. Esta tendencia negativa non ten dúbida, xa que segundo o censo do ano 1991 a porcentaxe de persoas nacidas no País atinxía o 92,45%. 

Os datos amosan unha evolución demográfica regresiva durante as últimas dúas décadas, que non se pode obviar cando se analiza a lingua, cultura, a soberanía, a precariedade e a desigualdade. Non casualmente é a etapa de auxe da globalización neoliberal. Trátase dunha realidade con efectos sobre o medre da man de obra de reserva, a fragmentación e condicións laborais e a identidade, con consecuencias sobre a fortaleza das forzas nacional populares. Cambios sociais e culturais que obrigan a desenvolver medidas de integración e defensa da lingua-cultura, da soberanía, da xustiza social. Lembremos, xa o teño dito moitas veces, como persoa que foi emigrante de terceira xeración e durante dúas décadas (e militante activo na loita política no País de acollida), que a inmigración é a vez un drama e un ariete. 

Os datos amosan unha evolución demográfica regresiva durante as últimas dúas décadas, que non se pode obviar cando se analiza a lingua, cultura, a soberanía, a precariedade e a desigualdade

 

Chegado a esta altura coido que é importante facer unha aclaración. Hai quen confunde o aceso a todos os dereitos, incluído o de voto, coa pertenza a unha cultura e nacionalidade. Trátase dunha análise simplista, se falásemos cos inmigrantes ou os que posúen a cidadanía nacendo no exterior, veriamos que mesmo apreciando o noso País, séntense sobre todo arxentinos, cubanos, madrileños ou cataláns, etc. Esa é a súa identidade. Como era deste xeito nos galegos e galegas cando emigraban, malia que pasasen o resto das súas vidas lonxe da Terra (lembremos a morriña). Por que deberían ter unha actitude distinta outros povos? Evidentemente hai excepcións, e cómpre telas en conta, mais sumando minorías non se modifica a regra xeral, e tampouco se poden crear políticas que permitan transformar a realidade. Todos e todas coñecemos fillos ou fillas de galegos nacidos en Suíza, Madrid, etc., ou persoas sen ningún vinculo anterior con Galiza que retornaron e se integraron a todos os niveis, aprenderon a lingua, e defenden máis esta antiga nación que moitos e moitas que naceron nela. Mais, repito, as excepcións non determinan a tendencia xeral. Se o valorásemos así sería por idealismo, e non poderiamos desenvolver análises, proxectos, e follas de ruta correctos. Debemos distinguir o principal do secundario, para alén do que nos goste máis e das relacións persoais. 

Outros dados que cómpre pasar pola peneira son os relativos aos galegos e galegas que viven no exterior. Dise que hai 516.489 fóra do Estado español, que teñen dereito a voto. Nalgúns casos son máis que os residentes nos concellos nos que están inscritos. Pura manipulación interesada dos partidos sistémicos, que son os que grazas á complicidade dos medios conseguen apañar unha morea de votos desta ficción. Deste total só 154.312 persoas naceron na Galiza, ou sexa un 30% (e en moitos casos levan décadas fóra), o resto son descendentes, que na maioría non coñecen a Galiza, e non poucos ignoran seu carácter diferencial, a súa historia, lingua e reclamacións populares. Hai situacións paradoxais, como que haxa 42.116 persoas en Cuba con dereito a voto, e só 420 nacidos na Galiza. Un desastre. Mesmo poderían ter dúas e tres veces  dereito a voto. Meus sobriños teñen a cidadanía, coido que tamén a italiana, poderían votar na Arxentina, e Italia e tamén eiqui. Sería un privilexio. Por outra banda, pensemos se todos os que teñen dereito se anotasen, dobrarían ou triplicarían o censo electoral da Galiza. Que barbaridade! Outra cuestión é que teñan dereito, se deciden emigrar ao Estado español, a todos os servizos, prestacións, a traballar e ao voto.

Hai 516.489 fóra do Estado español, que teñen dereito a voto. Nalgúns casos son máis que os residentes nos concellos nos que están inscritos 

 

Como xa dixen, segundo o INE, os galegos e galegas que viven fóra do Estado suman 154.312, aos que hai que sumar 343.722 que residen no resto das nacionalidades e autonomías. Concretamente 77.987 en Madrid, 71.566 en Cataluña, 42.745 no País Vasco, e máis de vinte mil en cada un dos seguintes territorios: Canarias, Castela-León, Asturias e Andalucía. Ou sexa, que no estranxeiro nosos paisanos atinxen unha cifra de: 498.034 persoas! Unha cantidade inferior aos que viviamos en Bos Aires na década dos sesenta do século pasado, e menos da metade do millón dous centos mil que residían en América naquel momento. Non podía ser doutro xeito, o retroceso demográfico de Galiza foi constante. Consecuencia da subordinación política a Madrid e Bruxelas, do papel secundario na cadea de valor, do control foráneo dos sectores e empresas estratéxicas máis dinámicas, dunha exportación de capitais moi superior ás entradas de investimento. 

O retroceso demográfico de Galiza foi constante. Consecuencia da subordinación política a Madrid e Bruxelas, do papel secundario na cadea de valor

 

Antes, malia o atraso, cando menos tiñamos peso demográfico. Pensemos que nos anos sesenta superabamos os catro millóns de galegos e galegas (incluíndo a emigración) nun mundo con 3 mil millóns de habitantes e un Estado español con 30 millóns. Na actualidade somos uns tres millóns en total (e en constante retroceso) nun planeta con 7.400 millóns de persoas e un Estado español con 47 millóns de habitantes. O retroceso demográfico amosa o aparente que é o desenvolvemento que se nos vende, xa que os avances técnicos non implican un progreso económico e social acorde coa participación que nos correspondería. Abonda con ver como unha cidade en medio dunha meseta, como Madrid, que grazas ao poder político creou emprego, lidera a renda por persoa, e nos dobra en habitantes. Este si que é un milagre, obra e graza do imperialismo, dun modelo económico e social funcional á centralización e concentración do poder e da riqueza. Pouco ten que ver coas potencialidades, co esforzo e coa xustiza. Cantos somos os galegos e galegas? Sen cambios radicais, maña menos que hoxe. Esa é a tendencia.