Sen dúbida o resultado da enquisa do CEO sobre a opinión política dos cidadáns cataláns dará lugar a unha morea de análises e a todo tipo de comentarios.

Sen dúbida o resultado da enquisa do CEO sobre a opinión política dos cidadáns cataláns dará lugar a unha morea de análises e a todo tipo de comentarios. A do españolismo, tanto conservador como socialdemócrata, gabándose da mudanza de tendencia e atribuíndose os méritos. A do nacionalismo catalán decatándose da volatilidade dos comportamentos electorais dunha boa parte da sociedade. Porén, nen os primeiros deberan botar as campás ao voo, nen o nacionalismo ten perdida a batalla a prol da independencia. O que acontece é que ficamos nunha conxuntura social (e política) moi dinámica, que obriga a quen queira disputar a hexemonía, a rectificar os métodos de traballo e non perder a iniciativa. En poucos meses, os resultados poden ser moi distintos, tanto en Catalunya como en calquera outro lugar do Estado español. Para os que militamos politicamente na América Latina, esta situación non é unha novidade. Aquelas sempre foron sociedades sometidas a moitas tensións, pola carácter extremo da explotación e da opresión por parte do imperialismo. Aproveitando os resultados desta enquisa quero facer catro apuntamentos:

PRIMEIRO

"A situación social neste intre, en todo o Estado español, e tamén en Catalunya, está marcada pola crise, un aumento da opresión e da explotación".

A situación social neste intre, en todo o Estado español, e tamén en Catalunya, está marcada pola crise, un aumento da opresión e da explotación. Ambas as expresións dánse coa mesma intensidade, e para as dúas procuran saída as clases populares. Fano nun contexto de confusión política, na que estouparon as falsas utopías difundidas polos partidos sistémicos a respecto de que o capitalismo occidental era sinónimo de progreso e liberdade, en contraposición ao “comunismo derrotado polas súas contradicións”. Alentou esta actitude o feito de que na última década, para a maioría, minguaron os ingresos e diminuíron os servizos e prestacións públicas básicas, mentres que o Estado amosou o seu servilismo coas corporacións e grandes fortunas. E, a medida que pasa o tempo, vai aumentando a conciencia de que esta situación non vai mudar sen grandes cambios políticos, porque o capitalismo volveuse máis salvaxe, corrupto e delituoso. Polo tanto xa non chega con gañar unha loita na empresa e no barrio para acadar algunhas melloras (non está claro que se comprenda de igual xeito que farán falla moitas loitas, teimosía e sacrificios, e unha vangarda moi sólida). 

Evidentemente en Catalunya non todas as persoas poñen nun primeiro plano a problemática económica e social. Hai outras que o fan coa cuestión identitaria (cultura, lingua, costumes, etc). Resulta polo tanto lóxico que o nacionalismo catalán, como o galego ou o vasco, teña neste segmento da sociedade, máis identificado coa necesidade de defender a identidade, o seu celeiro histórico de militantes e simpatizantes. Porén, a crise, o imperialismo na súa fase actual, implica un novo reparto da riqueza producida e do poder entre as clases sociais e os territorios, polo que isto afecta negativamente a sectores moi amplos da clase obreira catalá, sexa ou non nacionalista. Tamén atinxe a sectores do pequeno empresariado, que son esmagados ou fican á marxe deste proceso de acumulación e centralización do capitalismo. 

"A independencia de Catalunya é unha vía, que ademais de preservar a identidade nacional, preséntase diante de amplos sectores de persoas non nacionalistas, esmagadas polo axuste, como o camiño posíbel para un reparto máis xusto do traballo e da riqueza".

A independencia de Catalunya é unha vía, que ademais de preservar a identidade nacional, preséntase diante de amplos sectores de persoas non nacionalistas, esmagadas polo axuste, como o camiño posíbel para un reparto máis xusto do traballo e da riqueza. O argumento de que Catalunya tería máis peso na UE, e que podería utilizar os impostos apropriados por Madrid para mellorar servizos e realizar investimentos, fortaleceu esa idea no imaxinario colectivo (outra cuestión é que iso fose posíbel no marco da UE). Por esta razón, nas enquisas unha franxa dos que votarían pola independencia definíase como non nacionalista. 

En poucas palabras, a clave para que o independentismo fose a forza máis votada estaba e está na alianza entre o nacionalismo e os esmagados pola crise (clase obreira). Polo tanto é esencial que nos obxectivos, no discurso, no protagonismo, na práctica, a cuestión social e nacional estean sempre unidas e coa mesma relevancia. Sendo deste xeito, non axudan as contradicións que xeran as políticas de privatización e redución dos servizos públicos promovidas por CIU. Estas, logo pasan factura, tanto para quen as fai como para quen as apoia ou non se opón (ERC). 

SEGUNDO

O avance en intención de voto de Podemos en Catalunya e Euskadi, de haber hoxe unhas eleccións xerais, remata co tópico de moitos nacionalistas galegos/as no senso de que estas dúas nacións estaban blindadas diante da recomposición da socialdemocracia española. A globalización afecta a todos, aínda que despois cada país está nunha realidade xeográfica distinta, e teña un desenvolvemento histórico e cumpra un papel diferentes. A produción en escala, tanto de bens materiais, como de cultura e información, favorece as grandes nacións en prexuízo dos pequenos pobos, que só se poden protexer con plena soberanía, estados fortes, e especialmente loitando para superar a globalización neoliberal; ou sexa: derrotando o capitalismo (hai moito tempo nunha fase imperialista). Que os partidos de ámbito estatal melloren moito os seus resultados nas eleccións xerais en relación ás autonómicas, como pasa na Galiza, é indicativo do grao de disputa que existe nos miolos e corazóns de moitos/as cataláns e do forte que é o proceso de alienación. Un dado, para rematar con outro tópico, neste caso lingüístico: no ano 2008, o catalán era o idioma materno do 35,4% da poboación e a lingua cotiá do 47,6%, malia o correcto da inmersión lingüística. 

"O éxito da mensaxe de Podemos, mesmo nas nacionalidades históricas, con realidades propias moi acusadas, non se pode illar deste proceso de globalización tan agresivo"

O éxito da mensaxe de Podemos, mesmo nas nacionalidades históricas, con realidades propias moi acusadas, non se pode illar deste proceso de globalización tan agresivo, tanto nas relacións económicas como nas culturais e na información, así como da necesidade por parte das clases populares de que se produza unha mellora significativa na distribución do traballo e da renda. Podemos é, como no seu día foi Felipe González, a solución ideal, de cambio sen traumas, sen unha confrontación directa co capitalismo. Sen dúbida fixo críbel esta utopía, un discurso moi aquilatado, centrado nos problemas fundamentais da sociedade e que fuxe das reivindicacións polémicas (malia que sexan xustas), unha folla de ruta clara (maioría parlamentar e Congreso Constituínte) e capacidade de comunicación nas cabezas. Aínda así tería sido imposíbel o éxito acadado en tan pouco tempo sen o apoio de certos medios de comunicación hexemónicos, e se o PP non os colocase como adversarios destacados, dándolles un protagonismo que non se correspondía co grao de organización e capacidade social que tiñan. 

En todos estes aspectos o proceso asemellase moito, como xa teño comentado noutros artigos, ao do PSOE e o felipismo, cando este substitúe o Partido Comunista como forza que recolle a oposición social á ditadura. Naquel intre, Felipe González axuntaba milleiros de seareiros alí onde daba un mitin, malia que seu partido non tivese ningunha actividade na loita contra a ditadura nese lugar (como na Galiza). A diferenza é que o capitalismo, daquela, podía facer concesións diante da presións social e política, e hoxe nen pode nen quere. Nesta etapa do capitalismo imperialista, as clases dominantes apostan pola globalización e utilizan os estados nacionais como base de poder propio, e cando é necesario como moeda de troco para negociar con outras potencias. Os seus plans pasan, sobre todo na Unión Europea, por rebaixar as condicións de vida das clases populares para  disputar mercados ás potencias emerxentes, e aumentar a taxa de lucro nos seus países de orixe. 

"Os medios teñen unha importancia decisiva na opinión política dun segmento moi grande da poboación, especialmente a menos informada". 

TERCEIRO

O espectacular avance de Podemos en Catalunya engade máis valor á importancia da comunicación, da organización e da formación, para calquera organización política e social que procure un cambio sistémico; no noso caso concreto, á liberación nacional do pobo galego. Mais nesta ocasión quérome centrar na comunicación. 

Hai unha revolución informacional que encetou hai varias décadas. Os medios teñen unha importancia decisiva na opinión política dun segmento moi grande da poboación, especialmente a menos informada. Pensemos que nunca como hoxe as persoas, de todas as idades e condición, mantiveron unha relación tan prolongada cos medios durante a súa vida. Ás veces pasan máis tempo véndoos ou escoitándoos pasivamente que falando coa veciñanza ou compañeiros/as de traballo. Non se trata pois só da terxiversación ou do que agochan, senón da propaganda subliminal. Cada medio (tv, internet, xornais, revistas, radio, etc.) vai dirixido a un segmento social e a súa eficacia é evidente. Por iso as corporacións e as institucións fan investimentos tan importantes neles. Outra cuestión é que na información, como no resto da economía, exista un duro proceso de concentración e centralización, así como un axuste de custes. Porén, a complicidade de intereses entre medios, corporacións e partidos é máis forte que nunca. 

"Na comunicación importan moito as persoas, a súa capacidade para transmitir ideas, sentimentos, estados de ánimo. Non abonda con ter obxectivos, folla de ruta e práctica social revolucionaria".

Agora ben, non se trata só de ter medios para comunicar (internet, semanarios, radios, tv, etc.) senón de que o produto que se ofreza teña calidade, e sobre todo que se aquilate a que segmento social vai dirixido. Isto é fundamental cando os recursos cos que se contan son limitados, tanto en persoal como económicos. Sumando minorías non se constrúe a maioría, porque estas teñen contradicións entre elas. Polo tanto, o importante é destacar, (que non significa tratar exclusivamente), aquilo que une a amplos sectores sociais. Isto é o que está a facer Podemos, e que fixo o nacionalismo galego durante as primeiras décadas. A comunicación é fundamental nun proceso transformador, polo que os/as comunicadores deben saber con exactitude como informar e formar conciencia social e nacional, como desbotar o derrotismo e alentar o cambio. Non hai medios asépticos. Non vale o argumento de que os medios tratan mal o nacionalismo. Sempre o fixeron, e ademais silénciano  cando non goberna nas institucións. Polo que o reto é construír e apoiar medios alternativos, ou sexa medios que teñan claro cal é o seu obxectivo. 

Asemade, na comunicación importan moito as persoas, a súa capacidade para transmitir ideas, sentimentos, estados de ánimo. Non abonda con ter obxectivos, folla de ruta e práctica social revolucionaria. Daquela, na comunicación coa sociedade, e tamén cos/as activistas, non se pode fuxir de que os dirixentes políticos e sociais, así como as persoas que fagan a comunicación, deben ter estes atributos ou ser quen de suplilos. Para mudar o mundo, liberar un país e as clases populares non abonda con boas intencións, ou con ver como se salva a situación. Por iso, téñoo dito noutras oportunidades, chámame a atención que haxa forzas rupturistas con peso de masas, e unha práctica contrastada, que non teñan dirixentes con maior capacidade de comunicación, e se os teñen que non os aproveiten mellor. E se non os hai, ou polo motivo que sexa non é doado facer a substitución, deberían socializar en máis persoas a cara visíbel da organización. Non se pode perder na comunicación o que custa tanto gañar na práctica acotío por milleiros de militantes e simpatizantes. 

"Se Podemos, e en menor medida outras forzas do españolismo, recuperan folgos neste intre en Catalunya é porque o nacionalismo catalán ademais perdeu a iniciativa"

Na Galiza, o nacemento de Anova, primeiro, e o agromar de Podemos despois, deixou en evidencia que a comunicación, a batalla das ideas na sociedade, ten unha relevancia fundamental. No caso de Anova a maioría política no BNG gañou con claridade o debate da militancia en Amio, coa finalidade de facer un xiro á esquerda. Porén cometeu o erro de pensar que o debate público debilitaba ao BNG, deixando que Beiras dese a súa versión para o conxunto da sociedade. Unha eiva que este aproveitou, permitíndolle saír aparentemente pola “esquerda” cando representaba no interno a alianza cos sectores que negaban unha viraxe cara posturas históricas, máis radicais no social e nacional. Cómpre que as organizacións teñan paredes de vidro, como defendía Álvaro Cunhal.

CUARTO

Por último, xa máis brevemente, se Podemos, e en menor medida outras forzas do españolismo, recuperan folgos neste intre en Catalunya é porque o nacionalismo catalán ademais perdeu a iniciativa, mergullándose nas súas contradicións. Non fica claro se van adiantar as eleccións ou non, se van ir nunha candidatura única. Non hai dúbida que son aspectos que, dadas as diverxencias programáticas no social entre CIU e ERC, así como sobre a vía a seguir despois do referendo, non son doados de solventar. E que se amosan como unha eiva para os segmentos non nacionalistas gañados no seu día para a independencia, cando esta se ollaba como moi próxima (aínda que non fose así na realidade). Todo indica que CIU pon por diante manter a hexemonía electoral como partido, mesmo a costa de conxelar o proceso de independencia, se cadra porque non está disposta a unha confrontación co Estado Español e a UE.

A iniciativa, e unha folla de ruta clara, son outros dos aspectos fundamentais para acumular forzas, organizar e xerar conciencia favorábel ao cambio. En todo caso, como dicía no limiar, ficamos nun contexto moi dinámico, e todo está por escribir, tanto para Catalunya como, por suposto para as clases populares galegas. E todos/as aprendemos destes procesos, sempre que procuremos analizalos polo miúdo.

 http://manuelmera.blogaliza.org/