Peche da central térmica de Meirama, do grupo de Endesa nas Pontes, de Vulcano en Vigo, un futuro inmediato non garantido para as factorías de Alcoa, na Coruña e Cervo, e de Barreras en Vigo. Estas non son as únicas empresas nunha situación critica, mais o sector da xeración de electricidade e a industria que ten un gran consumo de enerxía, así como o naval, están na UVI, colocando en perigo miles de empregos directos e moitos máis indirectos.

Se cadra algunha destas empresas debía ser reconvertida, pola súa alta contaminación. Mais procesos deste tipo, para que non lesionen as condicións de vida das localidades afectadas, e da economía galega en xeral, débense facer desenvolvendo proxectos alternativos, xa que non se pode obviar que actividade industrial ten un carácter multiplicador do emprego. Asemade, no caso concreto das centrais xeradoras de electricidade, aquelas que están baseadas na enerxía renovábel dependen do clima, polo que para cubrir os déficits de produción deben ser complementadas por centrais que queiman madeira, gas, petróleo, carbón ou que son atómicas.

Sen a produción de orixe térmico, Galiza deixa de ser un país exportador neto de electricidade

Outro aspecto a termos en consideración é que, sen a produción de orixe térmico, Galiza deixa de ser un país exportador neto de electricidade. Aínda que a isto, dado a incerteza sobre o futuro de Alcoa, o maior consumidor de electricidade (sobre 1/3 da produción galega no ano 2016), polo peche ou redución da produción desta empresa incidiría directamente sobre se Galiza se mantería ou non como exportadora neta. Do que non hai dúbida é que se verá afectada negativamente en termos da achega porcentual de produción de electricidade no Estado español, e no que respecta ao PIB. Outro tanto pódese dicir en relación ao resto das empresas antes comentadas.

Non se pode obviar que a globalización neoliberal aportou novas armas a aqueles países e clases beneficiadas do proceso de centralización e concentración do poder e da riqueza (imperialismo). No caso do Estado español abonda con ver o medre demográfico da capital do Estado e daqueles territorios menos periféricos respecto da Unión Europea. Agora ben, este proceso aínda que constante ten momentos nos que se acelera, como durante o último axuste (crise). Ou tamén cando se perdeu a banca de capital galego e posteriormente as caixas.

A diferenza a termos en consideración nesta nova crise, é que as anteriores comezaban no centro e logo transferían seus custes á periferia subordinada, mentres que agora todo indica que este traslado xa se está a realizar previamente aos territorios e clases subalternas. No caso concreto da nación galega todo amosa que este axuste, que está a agromar, esmagará de novo sectores da produción e industria transformadora, e que irá acompañado da transferencia a mans foráneas daquelas empresas máis dinámicas, crecendo así o carácter dependente de Galiza. Paralelamente os medios sistémicos fortalecen a idea de que unha parte importante da sociedade mantense grazas ás axudas públicas e á “solidariedade” de Madrid-Estado (pensionistas, dependencia, etc.), para frear a oposición e debilitar as protestas de clase e soberanistas. Mais, en realidade, mantense vivo o proceso colonial. Está normalizada a utilización da vía empresarial pola que foxen para o exterior lucros e investimentos por miles de millóns de euros cada ano. Cando estes recursos expropiados ao povo cómpren para desenvolver a economía, crear emprego, mellorar salarios, servizos e prestacións.

Foxen para o exterior lucros e investimentos por miles de millóns de euros cada ano

Non quero determe demasiado en analizar a situación. Coido que neste intre o fundamental é que facer. Decidir como reaxer diante dun contexto no que está cobrando corpo un novo retroceso, que hipoteca aínda máis noso futuro como povo traballador e como nación. Sei das mobilizacións das empresas afectadas, das manifestacións nas comarcas, das preguntas e mocións en concellos e parlamentos. Mais: falta unha resposta de País, a convocatoria dunha campaña e mobilizacións nacionais, unificando clase e nación. De pouco vale reivindicar que somos unha nación se despois na práctica non axemos como tal, se actuamos como aquelas persoas, partidos e organizacións sociais que negan esta realidade histórica e a necesidade dunha construción permanente, e responden e se mobilizan exclusivamente como sector ou localidade, ou seguindo convocatorias estatais. 

https://obloguedemera.wordpress.com/