Neste artigo quero chamar a atención sobre varias iniciativas por parte dos Estados Unidos que, para alén da súa escenificación mediática, moi de serie de televisión, para lles dar e quitar dramatismo segundo o público que as consume, a efectos prácticos implican un salto cualitativo na disputa para manter a hexemonía mundial. Semella que todo vale con este fin. Mesmo hipotecar as regras de xogo consensuadas durante décadas e os organismos internacionais, que tiñan como obxectivo: evitar a reprodución de novas guerras mundiais, rematar co colonialismo e garantir o respecto pola soberanía das nacións, e garantir dereitos colectivos e individuais esenciais.

A ruptura da confianza é o máis difícil de recuperar, tanto nas relacións entre nacións, como entre partidos ou persoas

 

A esta altura, Washington non só mantén bases militares na maior parte do mundo, comezando polas que ten nos territorios das potencias e nacións “aliadas”, senón que ademais invade países e impón bloqueos e sancións a outros estados cando lle peta. Faino coas escusas máis absurdas, sen outros argumentos que favorecer seus intereses militares ou comerciais. Por se non abondase, e no colmo da teatralización da política, o actual presidente di unha cousa un día que contradí ao seguinte. Ademais, cumpre parcialmente os compromisos asinados (ou directamente non os acata), mentres pide á contra-parte que o faga plenamente ou esixe que aumente as contra-prestacións. Esta non é unha cuestión menor, porque a ruptura da confianza é o máis difícil de recuperar, tanto nas relacións entre nacións, como entre partidos ou persoas. O mal que se lle está a facer ao dialogo e á convivencia internacional é inmenso.

Entre as medidas que tomou ou alentou o imperialismo estadounidense, estas últimas semanas, hai que destacar, porque condiciona a todas as demais, a decisión de militarizar o espazo. Unha iniciativa que perigosa, máxime cando forma parte dun paquete de iniciativas agresivas. O que indica que existe unha folla de ruta meditada na que, para alén da disputa interna do poder, están dacordo no fundamental as clases dominantes dos Estados Unidos tanto republicanas como demócratas. Trátase de medidas que favorecen ás grandes corporacións e fortunas norteamericanas, e aos seus principais aliados, que é o que realmente importa aos representantes do capital (á Bolsa, as grandes fortunas). Outra cuestión é que isto beneficie ou non ao povo estadounidense, mais iso hai moito tempo que isto conta moito menos para os dous principais partidos sistémicos deste país.

Un xogo demasiado perigoso, mais, estalle dando resultado aos Estados Unidos, tanto en medre do PIB como en creación de emprego

 

No paquete de iniciativas, ao que facía referencia, quero destacar as seguintes: as sancións a Rusia, que implican unha agresión directa ao sistema financeiro e afectan importacións sensíbeis; instaurar dende o mes de outubro un bloqueo económico total sobre Iran; dar un novo paso na guerra comercial con China, obviando os acordos recentes para resolver mediante a negociación este tema; elevar os aranceis sobre un maior número de produtos turcos, para disciplinar a Ancara; tampouco se pode ignorar, porque todo indica forma parte da mesma dinámica a estratexia de dar folgos á revolta en Nicaragua e o intento de asasinato do Presidente Maduro en Venezuela.

Semella un xogo demasiado perigoso, mais, estalle dando resultado aos Estados Unidos, tanto en medre do PIB como en creación de emprego “por debaixo de niveis descoñecidos nos derradeiros 50 anos” segundo o FMI. Ou sexa, que razón hai para non seguir coa mesma táctica? Neste contexto, esperar que Washington mude a súa estratexia por solidariedade ou para evitar guerras ou custes humanos carece de lóxica. De calquera xeito, non se pode ignorar, que unha boa parte da responsabilidade está nos seus principais aliados (Unión Europea, Xapón, Canada, Australia, Corea do Sur, etc) que debían reaxer, coller outra vía. Mais na práctica avalan as sancións, intervencións, e todo tipo de medidas represivas do imperialismo estadounidense. As protestas e desacordos son puro teatro, dirixido aos seus povos, que esperan algún tipo de contestación ás sancións, agresións e belicismo de Washington. Dobréganse porque, mesmo cos recortes que impón o Governo de Trump, as súas empresas teñen asegurado un lucro que consideran aceptábel, uns beneficios que non obterían nun mundo máis plural e xusto. Optan polo mal menor, o da submisión aos ditados de Estados Unidos. Utilizan a mesma lóxica de Trump, das clases dominantes, do imperialismo.

Non se pode obviar a importancia de que as confrontacións son cada vez máis fortes entre potencias e entre sectores do capital

 

En resumo. Malia que a razón empurra no sentido de non militarizar o espazo, eliminar as armas nucleares, non invadir e bloquear economicamente a ningún país, a dinámica do capitalismo dá pulo ao proceso de centralización e concentración do capital e do poder. É consubstancial coa explotación da clase traballadora e a opresión das nacións dependentes, coloniais, neocoloniais. Ou sexa, alenta a desigualdade, a precariedade, a destrución da natureza, as guerras, intervencións, sancións, a economía especulativa, delituosa e a corrupción. Esperar polo tanto que dende o sistema se corrixan estes efectos, no marco da globalización neoliberal, na etapa senil do capitalismo, é propio do descoñecemento, da inocencia ou da malicia. Despreza a máis mínima análise.

Aínda que as anteriores sexan as tendencias dominantes, non se pode obviar a importancia de que as confrontacións son cada vez máis fortes entre potencias e entre sectores do capital. Asemade, a capacidade das clases dominantes para gañar aliados nas capas intermedias da sociedade, que lles garantan a maioría social, é cada vez menor. A agudización das contradicións son semente para a loita de clases e os procesos de liberación nacional, malia os inmensos mecanismos de control mediático. Aínda que neste aspecto non é o mesmo o papel internacional que xoga Estados Unidos e Alemaña que China e Rusia. Tampouco é igual un mundo unipolar que multipolar. A segunda opción deixa máis fendas para gañar espazos de xustiza social e soberanía nacional ás clases e nacións subalternas. Tampouco é igual a situación daquelas nacións que teñen estado propio das que carecen del. Tamén importa, a rexión do mundo á que pertencen, o papel que xogan na cadea de valor, os métodos de asimilación cultural, a evolución histórica. Non hai unha receita universal.

Resulta evidente que a fenda social medra acotío no mundo, co aumento da precariedade e os baixos salarios, co crecemento da xornada laboral e o ritmo de traballo. A destrución de culturas e linguas, da soberanía, da natureza, das relacións comunitarias. O inmenso control dos medios sobre a formación da conciencia, da capacidade para incidir no estado de animo das clases populares, ten seu talón de Aquiles en todas estas adversidades da vida cotiá, na corrupción, na dobre vara de medir, no desprestixio do sistema, na pos-verdade, nas ilusións rotas. Sobre estas contradicións, as divisións das clases dominantes, a confrontación e o auxe da desconfianza entre potencias, hai que construír a solidariedade, a liberación nacional, democrática e popular. Tamén na Galiza.



x