A eliminación do Reino de Galiza como suxeito de dereito e da súa división en provincias, así como a reclamación de liberdades democráticas, foron as causas para a Revolución cívico-militar de 1846. Reclamábanse os dereitos do noso povo a non seguir sendo unha “colonia da Corte”, ou sexa do Estado español, e poder desenvolverse plenamente. O renacer cultural posterior recobra como suxeito o povo oprimido, e dálle un papel central á cuestión lingüística, como feito evidente da identidade propia do país. O federalismo, rexionalismo, e o galeguismo (nacionalismo) serán expresión desta etapa histórica, marcada polo pequeno propietario empobrecido, e a emigración. 

 

A desfeita do mundo rural, e o cambio cuantitativo e cualitativo que significou que a inmensa maioría da povoación ocupada o sexa por conta allea, fortaleceu a interdependencia entre liberación nacional e xustiza social. Foi parte dos cambios económicos, sociais e políticos na Galiza, no Estado español, e no mundo. Razón pola que o marxismo acadou un papel tan destacado no rexurdir do nacionalismo galego na última década da ditadura franquista, xa que estes cambios económicos e sociais eran unha tendencia consolidada. Unha anticipación na análise do período que contribuíu ao éxito do movemento nacional popular galego, xa que este colocou a clase obreira como suxeito central. 

 

A caída da URSS, e despois a enorme crise do sistema, da chamada globalización neoliberal, que Samir Amin define axeitadamente como dun capitalismo senil, caracterizan unha nova conxuntura histórica, que terá consecuencias económicas, sociais, culturais e políticas, xa que marcarán un antes e un despois. Será así, tanto se ao final se impón un mundo unipolar, cun imperialismo máis brutal, como se triunfa un modelo máis multipolar. E, neste último caso, non é unha cuestión menor, se o mundo termina por se dividir en zonas de influencia, ou se a tendencia dominante abre as portas para unhas relacións máis democráticas, de respecto polas soberanías nacionais, de solidariedade e paz. Nesta última hipótese sería posíbel que xurdiran e se fortalecesen modelos económicos e sociais superadores do capitalismo. Daquela que todo o que empurre neste sentido, a nivel nacional e mundial, axudará a que se avance na socialización e na democracia popular, o que favorece especialmente os países dependentes, neocoloniais, coloniais (como a Galiza), e as clases traballadoras.

 

Unha anticipación na análise do período que contribuíu ao éxito do movemento nacional popular galego, xa que este colocou a clase obreira como suxeito central

 

Polo tanto, nesta conxuntura, considerando a correlación de forzas no mundo, e no ámbito da nación galega, a loita pola soberanía e a prol da xustiza social deben seren prioritarias na mensaxe e formar parte dun mesmo bloque argumental. E ademais, deben ser propostas que se vexan realizábeis, e ao mesmo tempo rachen coas ataduras dun sistema, que non só impide os avances, senón que é consubstancial coa centralización e concentración do poder e da riqueza. É dicir: coa opresión nacional e explotación das clases populares.

 

Non é o mesmo propoñer para esta etapa unha economía mixta, cun sector público determinante, que ofrecer o socialismo como única alternativa e sen pasos intermedios (máxime despois da caída da URSS, a evolución de China e Vietnam e os problemas de Cuba). Unha economía mixta, onde todos os servizos básicos teñan un carácter público (ensino, saúde, pensións, dependencia, desemprego, auga, electricidade, banca, comunicacións, etc) e exista un potente sector cooperativo. Esta foi unha proposta central do nacionalismo durante décadas. Este segue tendo un carácter antiimperialista (anticapitalista) neste contexto, e contaría mesmo co apoio das persoas autónomas e pequenos empresarios, xa que os prezos dos servizos da banca, enerxía e telecomunicacións son abusivos. 

 

Non é o mesmo propoñer para esta etapa unha economía mixta, cun sector público determinante, que ofrecer o socialismo como única alternativa e sen pasos intermedios

 

A liberación é un proceso. Trátase de gañar a complicidade social diante de feitos evidentes, que fortalecen o público diante do privado, naqueles sectores que son estratéxicos e base de poder do capitalismo actual. Pretenden conseguir a ruptura na conciencia colectiva cos conceptos e regras de xogo esenciais do capital, do imperialismo, comezando por destruír a lousa de que non hai alternativa a este sistema. Unha vez conquistadas estas metas intermedias, as transformacións socio económicas e os avances conseguidos crearán as condicións propicias, obxectivas e subxectivas, que darán folgos na conciencia da xente a valorar correctamente a capacidade que ten o povo para conquistar avances máis radicais (que non hai que deixar de divulgar en todo momento). A ruptura, a construción dun sistema máis xusto e liberador, hai que entendela como un proceso, como a acumulación de poder popular, ou sexa, de conciencia política, organización, mobilización, e protagonismo colectivo.

 

Os partidos soberanistas están a realizar un bo traballo de xestión, por exemplo nos concellos, algo que é positivo, mentres que a nivel político destácanse por facer propostas que sen rachar co modelo transfiran recursos á nación e ás clases populares. Como contrapeso, nos actos internos e mobilizacións simbólicas, alentan as reivindicacións estratéxicas (independencia, socialismo). Nesta combinación de reformismo e ruptura absoluta (por outro lado necesaria para obter a liberdade) o primeiro dos aspectos remata por ser o determinante na imaxe que se ten da organización no subconsciente colectivo. Non podía ser doutro xeito, xa que constitúe a maior parte da acción cotiá. A cuestión é que, por unha banda, temos propostas reformistas que non convencen os sectores intermedios e disgustan a militancia máis activa, e por outro lado, mitifícanse obxectivos vangardistas que afastan os sectores menos avanzados e non convencen aos intermedios (no senso político destes termos). A militancia ten ademais outros mecanismos de valoración, como a súa vinculación histórica co proxecto; algo que limita a obxectividade cando non existe a autocrítica.

 

Nesta combinación de reformismo e ruptura absoluta (por outro lado necesaria para obter a liberdade) o primeiro dos aspectos remata por ser o determinante

 

O que pretendo poñer a debate é que, nen a folla de ruta reformista que todo o supedita aos votos, e sectores menos avanzados politicamente, nen as posturas vangardistas que se basean só no activismo, e coidan que o esencial está na repetición teimosa dos obxectivos finais, ignorando se forman ou non parte do debate social nese intre, permiten avanzar na liberación nacional e social. No primeiro caso, porque é unha visión derrotista e compracente da realidade, e porque foxe da confrontación co sistema (que debe ser permanente). No segundo, porque suplanta a análise científica da realidade, da socialización da folla de ruta e os métodos de traballo, por unha visión idealista, romántica, da construción do suxeito político como suma de vontades individuais, ignorando a importancia da transformación da realidade. Ou sexa, ambas posturas obvian o marxismo, non analizan a fondo as loitas, os avances e retrocesos das clases populares, tanto no resto do mundo como na Galiza. Por esta razón, detívenme nun paragrafo anterior na análise da proposta económica, porque como reflexión cómpre estendela á cuestión social, nacional e democrática, e a outros aspectos non menos importantes, como o ecolóxico, ben como o da igualdade, da paz, da protección das culturas e linguas como riquezas fundamentais da humanidade. 

 

En resumo, trátase de non obviar aspectos tan importantes, como o nivel de conciencia, a correlación de forzas, a folla de ruta, os métodos de traballo, a loita das ideas, a mobilización. Ou sexa, de como se forma a conciencia e modifica a correlación de forzas. De ter presente que o cambio constrúese na rúa e na confrontación nas institucións, mais tamén, e fundamentalmente, con obxectivos a curto, medio e longo prazo, que gañen a acotío a complicidade das clases populares.

 

Por último, aproveitar este artigo, para facer mención a que se cumpriu medio século do meu primeiro contacto coa Unión do Povo Galego. Xa militaba daquela na Irmandade Galega de Bos Aires, e colaboraba coa esquerda revolucionaria arxentina. Camilo Díaz, fillo de Díaz Pardo, pasoume o primeiro exemplar de Terra e Tempo, cos famosos dez puntos, nun acto organizado pola Federación de Sociedades Galegas co gallo da conmemoración da Segunda República. Xa daquela había anos que, como conclusión do que vin e vivín na miña estadía na Galiza no ano 1962, cando retornei á Arxentina, reflexionando sobre o tema comprendín que só a independencia permitiría que a Nosa Patria se desenvolvese en beneficio do povo. Axudou nesta análise a familia, os emigrantes da Terra de Celanova cos que tiñamos contacto, a participación no movemento estudantil arxentino, e por suposto os nacionalistas da Pondal e das Mocidades Galeguistas que naquel intre eran os que daban vida á Irmandade Galega (Da Presa, Cupeiro, Flores, Nogueira, Guede, Pedreira, Montero, Lema, etc). Eles substituíron na dirección os cadros do que fora o Partido Galeguista en Bos Aires, e que eran máis mornos nas propostas. 

 

Cumpriuse medio século do meu primeiro contacto coa Unión do Povo Galego. Xa militaba daquela na Irmandade Galega de Bos Aires, e colaboraba coa esquerda revolucionaria arxentina

 

Poucos meses despois deste contacto tiven a oportunidade de falar con Celso Emilio Ferreiro, daquela militante da UPG, nunha reunión que mantivo coa Irmandade e o Consello de Galiza, tamén estiveron na xuntanza Da Presa, Abraira e Alonso Ríos. Foi convidado co gallo das Xornadas Patrióticas Galegas, ou sexa: no marco do Día da Patria. A finais de Agosto mantiven unha reunión definitiva con Méndez Ferrín, que estaba convidado a participar dos Xogos Florais do Idioma Galego. Deste xeito ligaba co nacionalismo no interior. Abríuseme no persoal unha expectativa de futuro, xa que entendía dende facía anos a miña vida ligada á liberación nacional e social de Galiza. De toda esa etapa e posterior gardo unha boa lembranza, malia que hoxe non milite na UPG. Sigo a pensar que os partidos de clase son fundamentais, e que sería positivo que tivesen unha actividade pública sen complexos. Na práctica non hai fronte político se non se albiscan as coincidencias e diferenzas das distintas correntes polas clases populares. Daquela que a falta de crítica e autocrítica, ou de debate interno, o verticalismo nas decisións, máis que unha fortaleza, rematan sendo síntoma de autoliquidación, cando se consideran un mérito e/ou non se combaten. 

 

https://obloguedemera.wordpress.com/

 



x