Hai medio século realizouse na Arxentina o 30 de maio de 1969 unha folga xeral que marcaría todo o período posterior de loita contra a ditadura militar, como consecuencia do acontecido os días 29-30 dese mes, durante o paro na cidade de Córdoba. O “cordobazo” “foi unha das rebelións populares arxentinas que non tivo precedentes e que iniciou unha etapa histórica de ascenso revolucionario, que chegou á súa expresión máis alta en 1973-74” (El “Cordobazo”; Jorge Bergstein; Editorial Cartago; Arxentina 1987).

Algúns dados previos. A povoación do país era de 24 millóns, un 75% urbana. A capital Bos Aires tiña 7 millóns de habitantes na área metropolitana, Rosario 761 mil e Córdoba 643 mil. Esta última cidade concentraba boa parte da industria automotriz e auxiliares (Renault-Fiat), así como a fabricación de tractores, material ferroviario e aeronáutico. A área da cidade de Córdoba contaba cunha numerosa clase obreira industrial. O ingreso por persoa na Arxentina era no ano 1967 de 818 dólares ano, e no Estado español de 822. No ano 1965 o PIB no país repartíase deste xeito: agricultura 17%, industria 41% (das que as manufacturas un 33%), e os servizos o 42%.

O 28 de xuño de 1966 un golpe militar depuxo ao presidente Arturo Illia (da UCR), auto-proclamando “A Revolución Arxentina”

O contexto político

O 28 de xuño de 1966 un golpe militar depuxo ao presidente Arturo Illia (da UCR), auto-proclamando “A Revolución Arxentina”, usando como escusa a loita armada da guerrilla, e as folgas e ocupacións de empresas por parte dun movemento obreiro combativo, ou sexa: o perigo dunha “revolución marxista”. Suprimíronse as liberdades democráticas, intervíronse sindicatos e universidades, ilegalizáronse os partidos. “Un réxime militar que proclamou seu propósito de abrir as portas ao capital estranxeiro, mellorar indefinidamente as relacións cos banqueiros internacionais (...) Durante todo o ano 1967 as empresas de capital nacional pasaron, unha detrás doutra, a poder de capitalistas estranxeiros, na súa inmensa maioría norteamericanos” (Contra la ocupación extranjera; Rogelio García Lupo; Editorial Centro; Arxentina 1971). Agora ben, o exército non era totalmente homoxéneo respecto destes temas. A disputa entre as tendencias internas deu lugar que se sucederan na presidencia Ongania, Levingston e Lanusse. A ditadura militar durou até o ano 1973, cando se viu obrigada pola presión do movemento popular en ascenso e os atrancos económicos a convocar eleccións, que foron gañadas polo peronismo.

Antecedentes do paro

As loitas obreiras foron alentadas pola supresión da negociación colectiva e a actualización dos salarios por parte de Juan Carlos Ongania no ano 1967. Razón pola que: “o ano 1969 comeza cun enfrontamento xeneralizado contra o governo de Ongania. A folga petroleira, que dura case que dous meses e será derrotada pola claudicación da CGT participacionista, sumáselle a loita contra os despedimentos na Fabril Financiera, o arresto de Ongaro, e unha serie de accións tipo comando da guerrilla” (Historia Movimiento Obrero, fascículo nº92; Federico Cerro, Centro editor de América Latina; Arxentina 1991).

A outra perna da mobilización son os estudantes. Pouco antes do “cordobazo” o movemento estudantil sería reprimido de xeito brutal. O 15 de maio en Corrientes a policía mata a un estudante durante unha manifestación contra a privatización do comedor da Universidade, provocando unha resposta masiva da povoación e choques coas forzas da orde. O 17 de maio, unha mobilización de estudantes de Rosario, a segunda cidade do país, será reprimida, coa morte do estutante Adolfo Bello. A CGT dos arxentinos declarou o estado de alerta, o día 21 fíxose unha manifestación que sería disolvida violentamente pola policía causando a morte dun obreiro-estudante de 15 anos: Luís Norberto Blanco. Polo que o día 23 fíxose un paro na industria.

Asemade, cómpre ter en consideración, para entender o contexto e o estado de animo das clases populares na cidade, algúns acontecementos previos na cidade de Córdoba. O 14 de maio “neste clima de inusitada violencia que estaba vivindo o país a policía reprime con inusitada violencia aos obreiros de SMATA (sindicato de mecánicos) que saian dunha asemblea no centro da cidade. Os obreiros responden á represión , hai corridas, pedras, vidreiras rotas, buses queimados, policías feridos (...) O día 23 ocupase o barrio de Clínicas, tradicional reduto estudantil, causando enfrontamentos, e durante dous días non pode entrar nel a policía” (Historia del Movimiento Obrero, fascículo nº 92). SMATA agrupa aos traballadores de IKA-Renault e auxiliares do sector automotriz.

Preparación da folga

O paro foi convocado polas dúas correntes da Confederación Xeral do Traballo (CGT). Aclaremos, por unha parte estaban aqueles sindicatos máis combativos, do peronismo e da esquerda, agrupados en torno da CGT dos arxentinos (dirixida por Raimundo Ongaro), e pola outra, un amplo sector onde primaba a “negociación” co governo do momento, tamén coa ditadura militar (e que tiña como referente a Augusto Vandor). Había outro sector, menos significativo, partidario da colaboración sen ambigüidades cos militares. Entre as reclamacións da folga destacaban: o rexeitamento dos asasinatos da ditadura militar e á homenaxe ás vítimas, o aumento dun 40% nos salarios, que puideran funcionar as comisións paritarias para negociar os convenios colectivos, a defensa dos empregos, e o restablecemento das liberdades democráticas e sindicais.

O plenario de sindicatos resolve que a acción de protesta comece o día anterior, ampliando o paro en 14 hs (máis as 24 decididas a nivel nacional)

Diante da convocatoria nacional, na cidade de Córdoba o plenario de sindicatos resolve que a acción de protesta comece o día anterior, ampliando o paro en 14 hs (máis as 24 decididas a nivel nacional). A finalidade era evidente: iniciar a folga nas empresas e que os traballadores e traballadoras sairán en columnas para se manifestar no centro da cidade, dándolle ao paro un carácter máis masivo, participativo e combativo. Isto é o que destaca un dos protagonistas fundamentais dos feitos, Agustín Tosco: “Non hai espontaneísmo. Nin improvisación. Nin grupos estraños ás resolucións adoptadas. Os sindicatos organizanse e os estudantes tamén. Fíxanse os lugares de concentración e como se realizaran as marchas. A gran concentración levaríase adiante fronte ao local da CGT. Milleiros de volantinas reclamando a vixencia dos dereitos conculcados espállanse na cidade nos días previos. Sucédense as asembleas dos sindicatos e dos estudantes que apoian o paro e a protesta” (Agustín Tosco; escritos y discursos; Arxentina 1999.

Respecto do movemento estudantil cordobés, que tivo un papel destacado na folga e na creación das condicións propicias para que se dese, lembremos que se opuxo dende o primeiro intre ao golpe militar. Faciase del a seguinte caracterización:“Unha boa cantidade de estudantes por aquel tempo habitaba ese gueto que era o barrio de Clínicas, coas súas pensións e “conventillos” (...) en 1966 fixeron a resistencia máis dura que atopou a ditadura cando interviu as universidades, unha loita na que Ongania cobrouse a súa primeira vítima: Santiago Pampillón” (El Cordobazo; Roberto Reyna; Revista Umbrales, Córdoba, Arxentina, 1999).

Estoupa a caldeira

O día 29, ou sexa un día antes do paro nacional, comeza en Córdoba a folga xeral, tal como estaba planificada polos sindicatos e o movemento estudantil, co apoio do peronismo e da esquerda marxista, tanto daqueles que propuñan utilizar exclusivamente contra a ditadura a vía política como aquela que impulsaba como saída a loita armada. Desta última había unha chea de variantes, tanto no peronismo como na esquerda revolucionaria, que ían dende a insurrección armada, até o foquismo e a guerra popular prolongada. “Ás 10 horas os obreiros das grandes fábricas abandonan as empresas e diríxense en columna deica o centro. Os comercios pechan as persianas. O transporte deixa de circular. Ás 11 horas a paralización é total (...) A policía apela primeiro aos gases  e despois aos tiros para deter as columnas que se dirixen ao centro (...) Mentres as radios fan chamamentos á cordura emitidos polo governador Caballero, cada esquina transformouse nunha tribuna política (...) Por todas partes cárganse botellas para facer molotov, e ármanse primitivas catapultas para guindalas” (Historia del Movimiento Obrero; fascículo nº 95; Natalia Duval; Centro Editor de América Latina, Arxentina 1974).

Os comercios pechan as persianas. O transporte deixa de circular. Ás 11 horas a paralización é total

As forzas policiais non son capaces de frear ás columnas de obreiros e estudantes, e os dirixentes  mesmo víronse sorprendidos pola masividade da protesta e o grao de combatividade do povo. Polo tanto: “a policía totalmente desbordada pola povoación insurrecta, vaise retirando de vagar do centro da cidade e refuxiándose nos cuarteis (...) A medio día os manifestantes, máis de 50.000 dominan e controlan o centro da cidade, máis de 150 mazáns están nas mans de estudantes e obreiros (...) A isto hai que engadir que nos barrios populares a xente, sumase espontaneamente á insurrección, levanta barricadas e destrúe postos policiais, abandonados polos gardas. O governo provincial, en mans dun católico de dereita con pretensións falanxistas, chama á povoación á cordura e non se deixar levar por un puñado de resentidos”(Historia del Movimiento Obrero, fascículo nº92)

O exército emite seu primeiro comunicado anunciando a creación de consellos de guerra especiais para xulgar os delitos contra a orde e a seguridade

Tanto a policía como o governador esperaban unha rápida intervención do exército, que se fixo esperar, especulase que como consecuencia das diverxencias internas entre fraccións, das diverxencias entre Ongania e Lanusse. Ás 15:45 os militares anuncian que as tropas entraran ás 17 horas nos barrios ocupados polos manifestantes. A súa primeira mensaxe pública sería cando: “pouco despois das 13 horas o exército emite seu primeiro comunicado anunciando a creación de consellos de guerra especiais para xulgar os delitos contra a orde e a seguridade (...) Á hora sinalada 3.000 soldados entran en Colon e empregan longas horas en ocupar a cidade, constantemente hostilizados por grupos que atacan (...) Un apagon de dúas horas facilita esta táctica (...) Oficialmente contabilízanse 12 mortos e un cento de feridos, a metade por balas, e centos de lesionados. Sobre os presos non hai cifras oficiais, mais parece que chegan a mil” (Historia del Movimiento Obrero; fascículo nº 95). Outras fontes elevan o número de mortos a 20. En total foron condenados 15 obreiros. A Agustín Tosco e Miguel Guzman impuxéronlles penas de 8 anos de prisión. Todos eles foron indultados en novembro dese ano, intentando así frear a resposta popular que cada vez facíase máis forte.

Persoalmente tiven o privilexio de estar entre aquelas persoas que vivimos moi de preto este levantamento, grazas ás canles de información da oposición á ditadura, tanto fosen estas da esquerda revolucionaria como do peronismo combativo. Os medios sistémicos ignoraban ou terxiversaban os feitos. Dende 1967 participaba das xuntanzas da Irmandade Galega de Bos Aires, dende primeiros de 1969 era seu secretario, e colaboraba activamente con TUPAC (estrutura estudantil de Vanguardia Comunista), xa que naquel intre estudaba na Facultade de Enxeñería. Días despois do “cordobazo”, o 27 de xuño realizase en Bos Aires unha manifestación en repudio ao golpe militar de 1966, na que participei. A represión policial sería durísima, son moitos os detidos, asasinan a Emilio Jauregui, secretario xeral do Sindicato de xornalistas e militante de VC.

Un ano despois co gallo da conmemoración do “cordobazo” volven os enfrontamentos ás rúas de Córdoba, participan na manifestación 30.000 persoas. A represión non frea a loita popular, que volvería a ser masiva e contundente no 2º “cordobazo”.

Valoracións finais

Sobre a relevancia que tivo cada sindicato e dirixente na convocatoria do 1º “cordobazo” hai máis dunha versión, xa que Agustín Tosco era próximo ao Partido Comunista, e Elpidio Torres militaba no peronismo. Sen dúbida a capacidade de mobilización de SMATA (mecánicos), dirixida por Elpidio Torres, e ligada á CGT de Azopardo, era moi superior á de Luz y Fuerza de Agustín Tosco (afiliada á CGT dos arxentinos). Tamén tiñan maior incidencia os condutores de bus do sindicato UTA de Atilio López, ligado ao peronismo combativo. Porén, non se pode obviar que Elpidio Torres era da liña de Vandor, que mantiña unha postura de colaboración e disputa coa ditadura, segundo o momento e o tema. Vandor sería asasinado o 30 de xuño de 1969. Pola súa banda, o sindicato de Luz y Fuerza destacou sempre pola sua oposición frontal e a mobilización contra a ditadura militar. Ou sexa, alentou a convocatoria das folgas e non facía falla que fose forzado polos sindicatos de base (como sucedía coa CGT), e ademais mantiña unha relación máis estreita co movemento estudantil. Aínda que, como resulta obvio, o éxito da folga foi garantido pola participación de SMATA e os “colectiveros”.

O sindicato de Luz y Fuerza destacou sempre pola sua oposición frontal e a mobilización contra a ditadura militar

Tampouco se debería restar valor á participación e protagonismo dos estudantes, como agora fan algúns analistas. Non se trata só dunha cuestión só de número, máxime cando daquela o movemento estudantil estaba moi politizado, e era unha verdadeira escola de cadros. Ademais, non eran poucos os que estudaban e traballaban na fábrica (como era o meu caso). Naquel intre a colaboración obreiro estudantil, ou do movemento obreiro cos intelectuais que cuestionaban a explotación, sempre foi positiva para o sindicalismo, para a construción da folla de ruta a prol da liberación, para dar o debate das ideas. Non é casual que a ditadura se cebase con igual saña co movemento obreiro e o estudantil. Mais, non quero trasladar mecanicamente esta caracterización ao momento actual.

A disputa pola dirección entre as distintas correntes obreiras evidenciase no Segundo “Cordobazo”, o 12-13 de marzo de 1971, coñecido como “O vivorazo”, cando ao protagonismo do proceso e da mobilización se incorporan outros lideres e sindicatos. Como é o caso de SITRAC e SITRAM (empresas do grupo FIAT), e dirixentes como Gregorio Flores e Carlos Masera. Nese momento collen pulo as forzas guerrilleiras e as accións armadas, así como os partidos políticos e sindicatos clasistas que na conxuntura dan prioridade ás accións de masas, e que propoñen mobilizacións combativas contra a ditadura militar e saídas radicais no económico e social.

O salto cualitativo e cuantitativo que significou o “cordobazo” constatase na declaración da CGT de Córdoba, en relación coa folga do 27 de setembro de 1972, que era a novena dese ano na provincia (de 2 millóns de habitantes), asinada por Agustín Tosco, secretario xeral adxunto: “O Secretariado da CGT Rexional de Córdoba chama á unidade combativa da Clase Obreira e o povo ao longo e largo da Patria. Unidade combativa que xunte aos sindicatos, federacións rexionais e a todos os sectores dispostos a combater a política económica-social da Ditadura e a percorrer o camiño da liberación nacional e social arxentina” (Historia del Movimiento Obrero; fascículo nº 95).

           

https://obloguedemera.wordpress.com/