Coido que é positivo que os partidos da dereita se mobilicen, que midan forzas, se cadra isto axude a que a esquerda faga o propio, e coloque o parlamentarismo no lugar que lle corresponde. Cheira tanta foto de lideres sumándose a loitas laborais, sociais e veciñais, ou facendo reivindicacións locais, sectoriais e conxunturais, con obxectivos exclusivamente electorais, reducindo a política na práctica ao ámbito institucional. Daquela que tanto o CIS como a enquisa desta semana da Voz de Galicia encol das municipais salienten o aumento da abstención, do afastamento de boa parte da povoación das institucións e dos partidos. Haberá que tomar nota? Ou só importa se os resultados indican un avance ou un recuar electoral do partido, malia que calquera deses escenarios non permitan rematar ou diminuír a explotación e a opresión, para garantir unha Galiza xusta, soberana, e democrática.

A concentración en Madrid a prol de unidade de España, entendida como a negación dun Estado plurinacional, resultou un fracaso

 

Que a dereita se mobilice na rúa permite medir forzas, superar a especulación dos medios, dos fala barato. Á hora da verdade a concentración en Madrid a prol de unidade de España, entendida como a negación dun Estado plurinacional, resultou un fracaso, se temos en consideración o obxectivo que se fixaba. Axuntar pouco máis de 45 mil persoas como calcula a Delegación de Governo ou 200.000 segundo os partidos da dereita, non é abondo para forzar unhas eleccións. Máxime, despois dunha campaña tan agresiva, de vida e morte, ateigada de prexuízos e odios, cun carácter preelectoral tan evidente, logo do asalto ao governo andaluz, e do apoio de medios de comunicación tan masivos. E, non se vai reverter o feito, de que esta manifestación estivese moi por debaixo doutras semellantes, que os medios “amigos” inflen as cifras de asistentes. Se comparamos o número de participantes cos das manifestacións do independentismo en Cataluña, nun país que só representa un 17% da povoación do Estado español (EE), resulta evidente que a dereita perdeu a aposta, calculou mal, confundiu a realidade virtual coa situación na rúa. Mais non implica que careza de capacidade de presión, conta co apoio de importantes medios de comunicación, de sectores determinantes do ámbito económico e xudicial, das forzas de seguridade, da igrexa, e da incidencia que estas estruturas de poder teñen sobre as maiorías sociais menos politizadas.

Mesmo a manifestación que ese día se realizou en Compostela pola problemática sanitaria, axuntando máis de dez mil persoas segundo os medios (cunha praza da Quíntana chea eu diría que cando menos eran unhas 15 mil) superou en capacidade de convocatoria a realizada en Madrid con escusas reaccionarias. Lembremos que a área metropolitana de Madrid multiplica máis de 40 veces a de Santiago de Compostela. E que Galiza representa un 5,8% da povoación do EE. Para igualar resultados cos conseguidos pola sanidade na capital galega teríanse que axuntar 500 mil persoas en Madrid, algo que non debería ser difícil, dado os medios de transporte cos que conta e a análise tremendista que a dereita fai do contexto e da urxencia social e política da convocatoria. Asemade, lembremos que a mobilización política do BNG o Día da Patria ten unha participación moi semellante a da cuestión sanitaria. Polo que non se pode utilizar como escusa o carácter social da realizada en Compostela e do político da convocada pola dereita en Madrid.

Terá Feijóo en consideración o clamor social contra falta de recursos e a prol dunha sanidade eficiente?

 

Por certo: tomará nota o presidente da Xunta da diferencia cuantitativa e cualitativa de ambas mobilizacións? Terá Feijóo en consideración o clamor social contra falta de recursos e a prol dunha sanidade eficiente? Ou seguirá actuando tacticamente, xirando ao centro ou á estrema dereita, segundo o momento; un día esixindo novas transferencias e ao seguinte indo das mans con Casado, Rivera e Abascal que piden reducir as competencias ou eliminar as autonomías. Claro que o oportunismo de Feijóo aínda que lle funcionase até hoxe, agora pode ter pernas cortas, dado o aumento das contradicións, da desigualdade, e asemade son demasiadas diverxencias entre a mensaxe e a práctica nun período de tempo tan corto. A sociedade, mesmo a menos politizada, non é tan inxenua. Por exemplo, malia o que a cuestión catalá se machaca polos medios e pola dereita, que representa a metade do voto, segundo o CIS un 71% da povoación do EE é partidaria dunha política de dialogo. Esta diferencia na porcentaxe respecto das actitudes non se deberá á abstención?

O éxito da manifestación da CIG a prol das pensións do pasado 26 de xaneiro, e das mobilizacións a favor da sanidade pública en Vigo e agora en Compostela, reflicten unha sociedade loitadora. E neste último caso que conta con folla de ruta, que non é unha protesta esporádica ou circunstancial. Tomando en consideración estas cuestións, porque non unir todas estas loitas, que afectan de xeito directo e gravemente á clase traballadora e outros sectores populares, a Galiza como nación, nunha campaña estendida no tempo que unifique estas reivindicacións, así como a cuestión laboral, a fiscalidade, a lexislación represiva, o trato desigual, a lingua, a soberanía. Para aumentar  a presión, a creación de conciencia solidaria, de clase e nacional, apostando por un salto político cuantitativo e cualitativo.

Porque non unir todas estas loitas, que afectan de xeito directo e gravemente á clase traballadora e outros sectores populares

 

A fragmentación, repregarse no centro de traballo, no sector, no barrio, está en principio imposto pola orixe e/ou urxencia dos conflitos. Porén, non lles dar continuidade no ámbito da política, ou reducir esta ás mocións ou a presentar ILPs no Parlamento, resta participación e protagonismo ás clases populares, dálles un carácter subalterno, e frea o cambio na correlación de forzas. Constituíse nun atranco para a formación de conciencia, o activismo político e a creación de poder popular.

A rúa non é aínda da dereita, malia a campaña mediatica como reflicte o acontecido en Madrid. Non será así en parte porque unha fracción da abstención electoral participa da loita reivindicativa? Un 35-45% da xente non vota: mocidade, clase obreira... Por que non o fan? Esta é a pregunta que se ten que facer a esquerda.