Como resposta ao peche do estaleiro, uns catro mil operarios da Bazán de Ferrol, diríxense á entrada da cidade para sumar á protesta os traballadores da construción de Caranza, así como aos que saíron do estaleiro de Astano, en Fene. Á altura das Casas Baratas sesenta “grises” cortáronlles o paso, houbo disparos da policía, os manifestantes guindan pedras e recúan, máis disparos, caen mortos Daniel Niebla e Amador Rey, e outros vinte oito son feridos de bala. Represión da ditadura e traxedia na clase traballadora.

 

Declarase o estado de excepción na cidade, os paros estendese á bisbarra, Bazán ficará pechada por dez días e despois será militarizada. O cruceiro Canarias preparouse pra controlar os estaleiros, e outro buque da Armada estaba disposto a voar a ponte de aceso á cidade. A man dura contra a clase obreira non se fixo esperar. Segundo fontes policiais son detidas 169 persoas, 130 operarios serán sancionados coa perda de emprego, 45 son xulgados por asociación ilícita, e unhas 200 persoas pasaron á clandestinidade. Outros informes aumentan a 160 despedimentos na Bazán e uns cen noutras empresas da bisbarra.

 

A solidariedade en toda a nación galega cos operarios da Bazán foi inmediata, especialmente na comarca de Vigo e Compostela

 

A solidariedade en toda a nación galega cos operarios da Bazán foi inmediata, especialmente na comarca de Vigo e Compostela, o que amosa o alto nivel de conciencia da clase traballadora, tendo en conta a dureza da represión que se exercía pola ditadura franquista. As protestas dos traballadores do estaleiro ferrolán tiñan motivo na esixencia dun convenio provincial, xa que se consideraban prexudicados polo de ámbito estatal da empresa, no que estaban integrados.

 

A nivel persoal, malia que vivía na Arxentina, os feitos de Ferrol e a folga xeral de setembro en Vigo, incidiron profundamente na miña vida. Naquel intre era secretario da Irmandade Galega de Bos Aires, traballaba na industria, integrarame na UPG en 1968, e militaba nun partido arxentino, Vanguardia Comunista. Co gallo dos acontecementos en Ferrol escribiume Luís Soto, que residía en México e militaba na UPG, para que retornase a Galiza. Sendo poucas as noticias que aparecían sobre o conflito de Ferrol, e ao comparalo coa confrontación armada e laboral na Arxentina coidei que non era aínda momento de volver, que se podía tratar dun feito transcendente mais conxuntural.

 

Mudeime á comarca de Ferrol e comecei a traballar como electricista para unha auxiliar do sector naval (Watt), primeiro na Bazán e despois en Astano

 

Modifiquei esta decisión coa folga de Setembro en Vigo, que ocupou máis páxinas nos xornais de Bos Aires, durou nada menos que dúas semanas e abrangueu a 28.000 traballadores e traballadoras, reflectindo que existía un estado de animo moi estendido contrario á ditadura e capaz de cuestionar a represión. No mes de novembro estaba en Galiza para me incorporar á loita política clandestina. O partido indicoume que me adicase a organizar en Compostela o estudantado universitario, se cadra contando coa miña experiencia na longa folga estudantil da Facultade de Filosofía e Letras en 1971 en Bos Aires. Axiña nacería ERGA, en decembro de 1972. Coa creación da Fronte Obreira da UPG, na primavera de 1973, solicitóuseme que realizase unha tarefa semellante no movemento obreiro.

 

Mudeime á comarca de Ferrol e comecei a traballar como electricista para unha auxiliar do sector naval (Watt), primeiro na Bazán e despois en Astano, entre maio e finais de xullo de 1973. Despois traballaría na Coruña en Emesa e logo en Finsa en Compostela. Pechábase o circulo da miña vinculación coas loitas do setenta e dous e a Bazán, agora na cidade onde aconteceron os feitos. En Ferrol-terra aínda se sentían os efectos da represión, e CCOO e o PCE estaban desartellados como estrutura, para entrar ao estaleiro había que pasar un filtro de seguridade. A nivel de base mantíñanse reunións clandestinas do movemento obreiro, das que participei: na ponte das cabras e en Neda e Narón. Algunhas delas convocadas por nós coa axuda de militantes de ERGA que eran da zona. Iniciábase tanto en Ferrol, como en Vigo e A Coruña, unha etapa de reconstrución, do xurdir de novas alternativas, que ligaban as reivindicacións de clase e soberanía na loita contra a ditadura.

 

Sen dúbida 1972 marcou un cambio para Galiza, para o movemento obreiro e o nacionalismo galego, tamén na miña vida. Neste aspecto Luís Soto non se trabucaba cando me pediu que me incorporase á loita política clandestina na Galiza. Por certo, tanto no grupo fundador de ERGA como nos contactos con traballadores/as na Coruña tivo un papel destacado Xosé Paz (emigrado no Brasil e militante revolucionario durante a ditadura militar nese país), que consideraba a Galiza unha colonia; unha coincidencia na caracterización da nación galega que axudou moito a incorporación destes contactos ao movemento nacional popular.

 

https://obloguedemera.wordpress.com/



x