Comparando coa etapa do PP a situación laboral durante o governo de Sánchez semellaría que vai por un camiño máis favorábel á clase traballadora. Esta sería a conclusión, se temos en consideración o pensamento hexemónico entre os pequenos empresarios/as e autónomos/as, así como aos asalariados/as que pertencen á fracción con traballo fixo e un ingreso que lle permite cubrir necesidades e aforrar algo “por se acaso”. Unha valoración que despois se reflicte nas enquisas, nas organizacións e medios de esquerda e progresistas, mesmo naqualas que son críticas coa socialdemocracia (social-liberal). Axuda a esta percepción a belixerancia da dereita e o agromar dun partido confesional-centralista-neoliberal, claramente herdeiro do franquismo, como VOX.

As medidas que se tomaron durante o governo do PSOE só teñen efectos positivos nalgúns segmentos da clase traballadora

Agora ben, ao considerar o conxunto dos asalariados e asalariadas, incluíndo ás persoas sub-empregadas e desempregadas, vemos que as medidas que se tomaron durante o governo do PSOE só teñen efectos positivos nalgúns segmentos da clase traballadora. Por exemplo, aquelas persoas que están por debaixo do salario mínimo a xornada completa, as maiores de 52 anos desempregadas sen ingresos, etc. É así porque non se propuxeron alternativas que muden o modelo socio-económico, permitindo unha mellora das condicións laborais para o conxunto, e que fixen chanzos mínimos dignos nos ingresos e que garantan un emprego. Ou sexa, non se trata de medidas que teñan como obxectivo un reparto máis xusto dos ingresos e do traballo, só buscan atender os casos máis estremos. Son un apósito adhesivo nunha ferida que non deixa de medrar, como amosa que se manteña, aínda que sexa a un menor ritmo, o medre da precariedade, da pobreza e da desigualdade. Primou a solidariedade e ignorouse a xustiza social.

Moi distintas serían as consecuencias de se impulsar a rebaixa da xornada laboral sen perda de ingresos (progresiva e que consolidase as 35 horas na lexislatura); e a inmediata eliminación, agás en situacións excepcionais, das horas extras, temporalidade e o contrato a tempo parcial. Na dignificación das condicións laborais hai que incluír tamén a eliminación dos falsos autónomos, que se propagan coa “uberización” das relacións laborais e a permisividade das autoridades. Neste aspecto cómpre salientar loitas sindicais exemplares, como a dos/as afiliados á CIG en Coren.

Tampouco se pode obviar, xa que ten unha relación directa cos ingresos da clase traballadora, aínda que sexa por unha vía indirecta, todo o referente á presión fiscal sobre os salarios, os descontos da patronal por cotizacións, a gratuidade e calidade dos servizos (sanidade, educación) e prestacións públicas (pensións, dependencia, axudas á natalidade e situacións de marxinalidade, etc). Así como o custe da vivenda, os servizos esenciais (enerxía, telecomunicacións), e dos produtos alimenticios básicos. Fago mención a todos estes aspectos, porque de pouco serve conseguir un aumento salarial se despois a presión fiscal e o custe de servizos e básicos crece en maior proporción.

As conquistas conseguidas no ámbito da empresa e sector, para se consolidar, deben buscar a complicidade do conxunto da clase, doutros sectores populares e estenderse ao eido político-institucional

Todas as anteriores son cuestións interdependentes, daquela que as conquistas conseguidas no ámbito da empresa e sector, para se consolidar, deben buscar a complicidade do conxunto da clase, doutros sectores populares e estenderse ao eido político-institucional. Só deste xeito é posíbel garantir que as conquistas e reivindicacións conten cun apoio determinante nas institucións, axudando a que os avances se consoliden. As institucións na actualidade, pola contra, manteñen vivos e mesmo crean novos mecanismos que por todo tipo de medios, directos e indirectos, transfiren ao capital unha parte extra do traballo realizado. É dicir, as clases dominantes, por medio do poder económico, da chantaxe e presión política, lexisla e usa aos governos para privatizar servizos, evadir impostos e lograr cuantiosas subvencións públicas. Logrando así un novo reparto encuberto do PIB, a costa das condicións de vida e do esforzo laboral da clase traballadora.

Forma parte deses mecanismos para aumentar a taxa de beneficios do capital a globalización da economía e das relacións laborais (deslocalización empresarial, favorecer ás corporacións tras-nacionais, aumento do desemprego e forzar os procesos migratorios para aumentar a man de obra de reserva, etc). Así como as reformas na lexislación que coa escusa da crise e de que facilitaría a creación de emprego, colocan en situación de desvantaxe á clase traballadora na negociación colectiva, por exemplo eliminando a ultra-actividade nos convenios. Ao que se suman as medidas represivas que restan fortaleza á presión da clase traballadora en caso de conflito, asimilando a protesta laboral cunha acción terrorista (Lei Mordaza, artigo 315.3 do Código Penal). Vexan que ningunha delas, malia as promesas en campaña e levar máis dun ano no governando, foi eliminada polo PSOE. Neste aspecto hai que destacar as actitudes exemplares de tantos afiliados/as da CIG que son despedidos por se presentar nas eleccións sindicais e por esixir unhas condicións laborais e salarios dignos (véxanse os recentes casos en Coren en Ourense, Abeiro-Gold en Lugo, Transegre en Pontevedra, Vázquez Rey na Coruña, etc). A democracia na empresa é unha excepción.

En resumo:

A clase obreira en certas empresas e sectores, ali onde existe unha maior organización sindical e experiencia de loita, foi quen de manter dereitos e salarios e mesmo conseguir avances.

a) A clase obreira en certas empresas e sectores, ali onde existe unha maior organización sindical e experiencia de loita, foi quen de manter dereitos e salarios e mesmo conseguir avances. Foi así, malia que a tendencia dominante sexa de aumento da precariedade e retroceso dos salarios. O que amosa a importancia dos sindicatos e da mobilización. Ademais, as cifras indican que na Galiza máis da metade das accións de protesta son laborais, o que amosa que a clase traballadora segue sendo o suxeito social central, non só en número. As enquisas tamén reflicten que as cuestións laborais son as que máis preocupan, seguidas polas pensións, sanidade e ensino.

b) Gañar un conflito na empresa e no sector, non consiste só en obter melloras nas condicións laborais e salariais, senón ademais ter en consideración se estas conquistas permitiron aumentar a unidade e conciencia de clase. Este é un aspecto que a patronal vai ter en conta. E, moi especialmente, importa se o conflito foi socializado na localidade, sector e país, para conseguir unha ampla a complicidade social. No mundo actual a comunicación, a batalla das ideas, do relato, como se di agora, é fundamental. Vexa o lector/ra a importancia que lle daban o SOG e a ING, malia as limitacións do momento, á propaganda e axitación. Isto foi unha gran contribución ao sindicalismo nacionalista na disputa con CC.OO. pola hexemonía, especialmente nos sectores de vangarda. Socializar as loitas de empresa e sector fortalece ás mobilizacións nacionais. Estas son as que crean, a partir da praxe, ou sexa, da unidade dialéctica entre teoría e práctica, unha conciencia de clase e nacional

c) Neste momento existe un retroceso evidente do protagonismo da clase traballadora, das súas reclamacións e loitas, ao ter un papel anecdótico nos medios de comunicación, e nos discursos e programas dos partidos da esquerda rupturista (e dentro destes por vez primeira tamén nos nacionalistas, aínda que de xeito menos acusado). Tal como se reflicte na escasa presenza da clase obreira nestes partidos, e especialmente nos organismos de dirección. Existe unha fenda entre o suxeito social e político que vai a máis, e que se retro-alimenta cunha actitude menos mobilizadora e combativa do sindicalismo, agás excepcións como a CIG (aínda que moi centrada na empresa e sector. Pola inestabilidade do governo e as eleccións sindicais?), outras centrais soberanistas e algún pequeno sindicato. Este recuar do movemento sindical resulta evidente, non só porque se borrou do imaxinario a folga xeral, senón fundamentalmente, porque non se debaten e programan mobilizacións por cuestións laborais-políticas-estratéxicas, que se manteñan no tempo, que socialicen obxectivos e folla de ruta. Para así disputar o relato na sociedade e forzar un cambio no modelo económico-social, de democracia popular, de soberanía nacional.

Disputar o relato na sociedade e forzar un cambio no modelo económico-social, de democracia popular, de soberanía nacional.

d) O sindicalismo non ten futuro se non está ligado a un proxecto transformador, ou sexa, a referencias partidarias que deben ter como obxectivos mínimos no caso galego, nesta etapa, a liberación nacional e de clase. Unha economía mista con hexemonía do sector público nas actividades esenciais e estratéxicas, unha industria desenvolvida e variada, e fomentar o cooperativismo naquelas actividades empresariais moi fragmentadas, como a agraria e comercio polo miúdo. Unha nación onde prime a xustiza social, e a solidariedade sexa un complemento que garante a igualdade de trato. Unha sociedade de iguais, protectora dos ecosistemas e cunha ordenación que defenda o equilibrio comarcal, garante da paz, que potencie a cultura e lingua propia, como unha contribución singular á humanidade e de respecto aos nosos antergos,... por dignidade! algo vital tanto para unha persoa como para un povo.

https://obloguedemera.wordpress.com/