O pasado venres desenvolveuse na Veiga o “Encuentros en el Eo” promovidos pola Voz de Galicia e  o patrocinio do Banco Sabadell, ao asistiron como protagonistas principais o Presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo (do PP), e o do Principado de Asturias, Adrián Barbón (do PSOE). Tamén estiveron presentes outros cargos institucionais e directivos/as empresariais. La Voz de Galicia adícalle ao evento tres páxinas, nas que destaca as problemáticas comúns, cinguidas á cuestión demográfica e industrial. Galiza perdeu 50 mil habitantes na última década e Asturias 60 mil, e ademais preocupa o incerto futuro da industria electro-intensiva, que atinxe a ambas autonomías. Esta ten unha gran dependencia do prezo da electricidade, e polo tanto de que o Goberno central fixe unha tarifa reducida para este sector.

Ficaron fóra das conversas a situación agraria, e o pleno recoñecemento do galego en Asturias, xa que se fala nuns vinte concellos limítrofes, e moitos deles téñense manifestado a prol de que así sexa, mesmo con certo conflito no Parlamento do Principado. Que se excluísen certos temas non é unha sorpresa, tendo en consideración a postura negativa do PP respecto da defensa da cultura, lingua e historia nacional, para alén de honrosas actitudes individuais, que tamén as hai. Con respecto á manter a actividade das empresas electro-intensivas o xornal salienta unha división de opinións, tanto en relación coa actitude do Goberno central, como no referente ao futuro destas actividades. Dise que o Presidente asturiano condiciona á transición ecolóxica ”ao desenvolvemento de novos segmentos industriais, da man da innovación tecnolóxica, na que están comprometidos mil millóns de euros”.

Até aquí, para alén das eivas e diferenzas xa comentadas, todo correcto, xa que a nosa nación debe privilexiar as relacións con Portugal, Asturias e Castela León. Tanto por sermos os nosos veciños, como por ter en relación co norte de Portugal, e áreas fronteirizas das dúas autonomías do Estado español, unha historia común, que se traslada ao eido da cultura e lingua. Agora ben, resulta evidente que se realiza unha análise sobre a realidade económica e social superficial, que non coloca os temas fundamentais que alentan este retroceso demográfico e económico no marco do EE. Ignora que temos un carácter subalterno na escala de valor en todos os ámbitos, así como un reparto da renda e do poder cada vez máis desigual, en detrimento das clases populares, polo que existen segmentos que mesmo traballando están por debaixo da liña de pobreza.

Polo tanto estes encontros, mesmos chegando a conclusións e reivindicacións comúns, só serven como máximo para poñer un parche máis grande e circunstancial nunha ferida que non deixa de medrar, por mor da centralización e concentración da riqueza e do poder. Unha tendencia que é consubstancial co capitalismo, máxime nesta etapa de globalización neoliberal, desfeita ecolóxica, confrontación entre potencias e debilidade organizativa e política do movemento obreiro.

Asemade, non semella casual que o encontro se realice durante o proceso das negociacións entre partidos para a investidura da presidencia do Governo central, tendo en conta os organizadores e patrocinadores do mesmo. Non se pode obviar que esta escenificación vai na liña de presentar, e socializar como normal, o consenso en temas moi diversos entre o PSOE e PP (e Ciudadanos). Fortalecendo así na sociedade a opinión da lóxica dunha investidura de Pedro Sánchez evitando a “dependencia” dun acordo co soberanísimo e de UP. Unha estratexia definida que pon o acento no españolismo, na centralización, e que é defendida por sectores destes partidos, aínda que non compartida pola base dos “socialdemócratas”, e apoiada sen matices pola patronal, medios de información hexemónicos e a xerarquía eclesiástica. Até que punto este tema era o central, o obxectivo partidista do encontro, e as electro-intensivas e a demografía só unha escusa?

En todo caso, ademais das empresas electro-intensivas, o noso país ten outros retos importantes por diante, como: o peche de Meirama e Endesa, a ameaza de liquidación de Vulcano e Barreras, a eliminación de centos de empregos no telemarqueting, as dificultades por falta de persoal e recursos na sanidade primaria, etc. E estes problemas non se solucionan só con reunións e declaracións institucionais nestes casos limites, aínda que haxa que facelas, senón cunha intervención directa do sector público para manter a continuidade das empresas e do emprego directo e indirecto. Tamén sería esencial, e polo tanto un debate central nestas reunións institucionais, premer para conseguir unha presión fiscal máis alta para as grandes empresas, e medidas exemplarizantes que eviten a fraude, e o impago de horas traballadas e as contratacións irregulares. Deste xeito poderíanse garantir melloras nas condicións laborais e prestacións públicas dignas (sanidade, ensino, pensións, desemprego, dependencia, garderías, cultura, historia, lingua, etc). Deste xeito axudaríase realmente a reverter a tendencia regresiva en materia demográfica.

https://obloguedemera.wordpress.com/