A convocatoria e eleccións xerais para o vindeiro 28 de abril foi anunciada por Pedro Sánchez como (seica) unha resposta necesaria, para poder seguir avanzando no aspecto social. Sen dúbida faino porque espera obter mellores resultados que os actuais, aínda que Casado e compañía pensen que non lle quedaba máis remedio por mor da presión mediática e na rúa. En realidade podía seguir governando prorrogando os orzamentos, mediante decretos e auspiciando leis. O interrogante que se abre agora é, se o crecemento do PSOE será abondo, e a caída de Podemos cativa, como para ser investido como Presidente polo  Congreso. E cal será a actitude do soberanismo catalán nese intre,  diante da falta de negociación e baixo a ameaza dunha dura condena a seus/súas dirixentes..

O anuncio de eleccións foi recibido por todos os partidos da dereita como un éxito propio, e por parte da esquerda e do soberanismo como unha oportunidade. Ou sexa, vense todos triunfadores, ou isto é o que pretenden reflectir nos/as electores, convencidos de que ese é o primeiro paso para converter desexos en realidade. Hai analistas que consideran, tamén da esquerda sistémica, que esta convocatoria é un suicidio de Sánchez, tendo en consideración que a maioría enquisas amosaban un empate, e os outros que gañaría a dereita. Asemade, no mellor escenario para o PSOE este necesitaría o apoio do nacionalismo de Cataluña e Euskadi. Daquela que os medios hexemónicos, mesmo os máis comprometidos cunha das opcións sistémicas, sexan tan precavidos, e por suposto, sen deixar por iso de influír no electorado tendenciosamente. Non existen as posturas neutras.

No mellor escenario para o PSOE este necesitaría o apoio do nacionalismo de Cataluña e Euskadi.

 

Na intervención de Pedro Sánchez, cando anunciou a convocatoria electoral, marcou con toda claridade a estratexia do PSOE. Por unha banda destacou as medidas positivas que seica se tomaron durante seu limitado Governo, facendo especial fincapé na cuestión laboral e social (salario mínimo, axudas a parados/as maiores de 52 anos, aumento salarios funcionarios/as, das pensións, etc.). Ao que sumou, a súa defensa da Constitución, do sistema autonómico, e de procurar sempre resolver as diverxencias a través do dialogo, malia que este mérito nunca se concretou, xa que só houbo acenos e posturas ambiguas. Por outro lado Sánchez salientou o acoso da dereita (PP e Ciudadanos), a súa alianza coa ultradereita (Vox), e o bloqueo que esta practicou respecto de propostas progresistas (reforma laboral, lei mordaza, fiscalidade máis xusta, e medidas especiais dirixidas a colectivos discriminados ou empobrecidos etc), moitas delas freadas pola Mesa do Congreso, controlada pola dereita. Identificou as accións e puxo nome aos malos.

Non se poden negar que o PSOE tomou medidas positivas, cando se compara co PP, mais circunscritas aos temas básicos e limitados aos de maior consenso. Ao Governo de Pedro Sánchez faltoulle enerxía, non estaba polo cambio ou tiña unha postura dual en certos temas (reforma laboral, lei mordaza, artigo 315.3 do CP, estado plurinacional, autodeterminación, nacionalización de sectores estratéxicos e especulativos). Daquela que as medidas que tomou, e as propostas que fixo, non tivesen como obxectivo mudar a fondo realidade económico-social, e polo tanto conseguir cambiar o mapa político como para convocar as eleccións cunha certa garantía. Entón, por que o fai agora? Seguramente porque neste intre a alianza do PP e Ciudadanos con Vox en Andalucía, e a manifestación en Madrid, deixan moi en evidencia que non se trata dunha alianza e unha deriva circunstancial, ao que se suma a teimosía da mensaxe de Casado e Rivera dando pulo ao españolismo máis rancio. Isto favorécelle ao PSOE, xa que causa temor nun sector grande da sociedade, tamén entre as persoas que se absteñen e non teñen o voto decidido (rente da metade do electorado). Ademais, seica o Governo estaría disposto a aprobar por decreto antes das eleccións a derrogación ou modificación da reforma laboral, cando menos para recuperar a ultra-actividade nos convenios (especula un medio da dereita, como La Voz de Galicia).

A alianza do PP e Ciudadanos con Vox en Andalucía, e a manifestación en Madrid, deixan moi en evidencia que non se trata dunha alianza e unha deriva circunstancial

 

Asemade, todo indica que a cuestión catalá, como argumento básico e primitivo da dereita, perdeu efectividade, tendo en conta que o PSOE mantén unha postura igual de inflexíbel, malia súa predica a prol do dialogo. Vexase a actitude que mantivo respecto da aplicación no seu día do 155 e dos políticos cataláns en prisión preventiva. Defendeu coa mesma teimosía que a dereita (aínda que a mensaxe fose menos agresiva) os alicerces autoritarios sobre os que se constitúe a unidade do Estado español e na pirámide da mesma sempre colocou a monarquía.

E por último, respecto destas eleccións, non podo deixar de comentar a proposta de En Marea para realizar unha candidatura conxunta co BNG e o PSOE na Galiza para o Senado. Ante todo: resulta difícil de entender porque se cingue esta alternativa só ao Senado?  Porque non se estende tamén ao Congreso onde tería unha maior repercusión? E, o fundamental: como se casa esta proposta coa autoorganización e autodeterminación nacional de Galiza, cunha alternativa democrática e popular (rupturista), coa república? Como pode formar parte o PSOE dun proxecto alternativo, de cambio, cando é un dos piares do sistema?  Son aspectos que non se poden obviar, forman da centralidade do debate: súa postura respecto de Cataluña, Venezuela, da  autodeterminación, da OTAN, da UE...

Menos comprensíbel que o anterior é que Anova faga unha coligazón con EU e Podemos, cando durante estes anos ficou claramente retratado, tamén no debate interno, o carácter subordinado dos intereses de Galiza. A última votación no Congreso é un exemplo. É verdade que o pacto PSOE-Podemos garantía melloras laborais e sociais, mais o que o noso País gañaba por un lados perdíase polo outro coa discriminación nos orzamentos das transferencias territoriais. Non é unha contradición menor para forzas que din defender os intereses das clases populares galegas.

É fundamental para nacionalismo galego tomar a iniciativa, mobilizar, alargar súa base social, e acadar unha importante representación institucional

 

Coido que é fundamental para nacionalismo galego tomar a iniciativa, mobilizar, alargar súa base social, e acadar unha importante representación institucional, en todos os ámbitos. E para iso cómpre atrevemento, unha dinámica rupturista, superar a fragmentación e reconstruír as complicidades. Cómpre facelo con coherencia, con folla de ruta, e cunha política de alianzas clara. Non todo vale para saír do lameiro dos conflitos internos, e para responder o auxe da dereita. Nunha conxuntura como esta o conservadurismo na esquerda, que tamén padece este mal, é liquidador; mais axer sen sentido, por puro tacticismo, esquecendo o proxecto estratéxico, as consecuencias sobre a formación da conciencia social e da organización, é suicida. Daquela a importancia da experiencia histórica, da análise marxista, da confianza no povo.

Coido que neste intre sería un acerto que o BNG e En Marea, e outras forzas nacionalistas, tomasen a iniciativa de converxer nunha lista común nas eleccións xerais (e non só nelas se fose posíbel sen forzar a situación). Converxer cun proxecto nacional, popular e democrático, e sobre todo mobilizador e atrevido, ligando acaidamente as urxencias sociais coas contradicións decisivas para o povo, e o proxecto estratéxico. Sería un paso adiante en beneficio da nación galega. As veces os cambios decídense en días. O atrevemento revolucionario.

https://obloguedemera.wordpress.com/



x