Non é doado definir con exactitude se o PSOE pretende esgotar a lexislatura, convocar eleccións coincidindo coas municipais, ou facelo nos vindeiros meses, por exemplo, se non consigue aprobar os orzamentos de 2019. Mesmo pode, aínda que sería moi irresponsábel, que nen eles o teñan planificado e que a decisión estea en función dos acontecementos. Ou sexa, do grao de oposición que atopen, non só do PP e Ciudadanos, senón tamén de Podemos e do soberanismo. Ou de que o medre de simpatías que neste primeiro intre recollen comece a ter unha tendencia descendente. 

 

Hai hipóteses de todos os tipos sobre esta cuestión. Mais, neste tema de tanta importancia, porque condiciona a estratexia das opcións rupturistas, son dos que pensa que cando Pedro Sánchez presentou a moción de censura o PSOE tamén tiña debatido unha folla de ruta prioritaria. Na que se definía que a convocatoria de eleccións xerais estaría ligada aos orzamentos do vindeiro ano. Tiro está conclusión polos seguintes motivos:

 

A).- Sería puro tacticismo que o PSOE non fixese unha valoración de cal debía ser o tempo durante o que ía governar, para que e con quen, e que estas decisións non as supeditase a garantir a  continuidade. E, sobre todo, que este obxectivo de tanta transcendencia non tivese maior importancia que esgotar a actual lexislatura, da que só quedan dous anos, e cunha correlación de forzas tan desfavorábel no Parlamento. 

 

B).- O propio Pedro Sánchez afirmou cando presentou o seu governo que este tería unha vixencia de varios meses, aínda que non concretou cantos, coa clara intención de axustar os tempos en función de imprevistos ou de como evoluciona a situación. Os analistas, tendo en consideración que as ministras e ministros foron escollidos coa pretensión de durar, fixeron unha lectura tacticista do feito. Ou sexa, que o PSOE buscaba esgotar a lexislatura, aínda que ten moito máis sentido que esta cualidade estivese ligada a gañar as vindeiras eleccións.

 

C).- A ministra de Finanzas fixo énfase, na súa primeira intervención nos medios, a que ían comezar axiña coa preparación dos orzamentos de 2019, nos que van introducir os aspectos fundamentais do seu programa. Mais, é moi difícil que sexan aprobados, por máis negociacións que fagan. Ante todo porque o PP e Ciudadanos votarán en contra por subsistencia, e Podemos está obrigado a esixir un maior esforzo nos temas sociais, se non quere ser fagocitado polo PSOE.

 

Cando Pedro Sánchez presentou a moción de censura o PSOE tamén tiña debatido unha folla de ruta prioritaria

 

Diante do atranco de non poder aprobar os orzamentos de 2019, convocar eleccións semellaría unha saída lóxica, necesaria para “garantir o cambio”. Este concretaríase nos “orzamentos máis sociais da última década”, dun governo “feminista, con sensibilidade social, dialogante con Cataluña e que oferta un Estado Federal”. Un executivo disposto a botar abaixo ou modificar a lei mordaza e a reforma das pensións do PP, a LOMCE, a reforma laboral (neste caso di a ministra do ramo que se reunirá previamente con sindicatos e patronal e se fará unha valoración do que hai que modificar, é dicir que a cuestión levará tempo), aumentar o salario mínimo, etc. Trataríase polo tanto de reproducir a moción de censura, substituíndo o Parlamento pola cidadanía. É un reto atrevido, mais pódelle saír ben ao PSOE, se valoramos o estado de ánimo da xente. Ante todo, porque nestes meses van tomar medidas, algunhas simbólicas e outra reais en materia social (sen saírse das directrices esenciais da UE e do control do gasto), e iniciar conversas e tramitacións doutros cambios no Parlamento. Iniciativas que o PP, Ciudadanos e a patronal, coa súa oposición, farán que sexan albiscados como máis progresistas do que son. Campaña electoral máis efectiva, imposíbel.

 

Diante do atranco de non poder aprobar os orzamentos de 2019, convocar eleccións semellaría unha saída lóxica, necesaria para “garantir o cambio” 

 

Que mellor momento pode haber para Pedro Sánchez para convocar eleccións? Antes de que se vexan os límites das medidas propostas e executadas, de que se comprobe a profundidade dos compromisos coa Unión Europea e a gran patronal. Se cadra até Bruxelas vexa con bos ollos que os orzamentos de 2019 superen ocasionalmente o déficit, se isto permite garantir un governo forte e neoliberal no económico. Na situación da UE, co medre dos desacordos, unha mensaxe europeísta e capaz de gañar simpatías na sociedade, especialmente nos sectores máis precarios, aínda que sexa de xeito transitorio, é un regalo, malia que teña que facer a vista gorda nalgúns temas. 

 

Sexa esta a folla de ruta da socialdemocracia (máis ben social-liberalismo) ou calquera variante da mesma, tendo en conta os nomeamentos de ministras e ministros, e a dobre mensaxe que transmite o Governo, resulta evidente que a esquerda (tamén a nacionalista) deberá actualizar o seu relato e as propostas para o novo escenario. Ante todo, seguramente o fará no aspecto económico e social, para  evidenciar con toda claridade que os proxectos son distintos. Por exemplo, non só esixindo servizos sociais básicos realmente públicos, que tamén o fai o PSOE a través da ministra, senón como mínimo, apostando pola nacionalización da banca, enerxía, e as telecomunicacións, e darlle pulo ao cooperativismo. 

 

Resulta evidente que a esquerda (tamén a nacionalista) deberá actualizar o seu relato e as propostas para o novo escenario

 

Tampouco abonda, para marcar distancias, con pedir o aumento do salario mínimo (cando a esquerda sistémica coincide en fixalo en 14 pagas de 1.000 euros por mes, só está a debate o prazo). Asemade cómpre, xa que é esencial atacar a cerna do problema, como mínimo, eliminar todos os modos de sobre-explotación, dende os baixos salarios até a precariedade laboral e o traballo en negro en todas as súas formas. Ademais, está o tema dos desempregados e desempregadas sen prestacións económicas, e a grave problemática das persoas dependentes (unha lousa, especialmente sobre as mulleres), etc. Tamén pasa a primeiro plano a necesaria reforma fiscal, xa que é xusto e urxente, aumentar a presión sobre as corporacións, os altos ingresos, grandes fortunas, e as transaccións. Outro aspecto fundamental é garantir o sistema de pensións públicas, a idade de xubilación aos 65 anos, a actualización das contías, así como eliminar as subvencións aos fundos privados. Asemade é un tema prioritario a cuestión rural, con toda a súa complexidade, dende a actividade agraria, forestal e a transformación da produción, até a cuestión ecolóxica, os servizos e transporte. E, con e respecto ao tema da dependencia nacional, é esencial o recoñecemento do carácter plurinacional do Estado, gañar todas competencias posíbeis, blindadas, a potenciación de medidas especificas a prol da cultura, historia e lingua propias; e o dereito á autodeterminación. 

 

Non pretendo facer unha completa exposición reivindicativa, tampouco a respecto dos mecanismos dialécticos para unir no relato o concreto co xeral. Mais, urxe confrontar ao proxecto social-liberal e españolista do PSOE, con outro alternativo e ilusionante, que contemple propostas a medio e longo prazo. Non axuda neste aspecto propoñer medidas inmediatas soltas que non se ligan cos obxectivos estratéxicos na mensaxe e no subconsciente colectivo. Ademais, tampouco evidencian a necesidade de cambios estruturais. Fai falla unha visión marxista, ou sexa: global e non funcional estruturalista. Polo tanto, que analice as tendencias e a súa dinámica, dende a perspectiva da loita de clases e das contradicións nacionais, e que garanta a xustiza social, a igualdade, a soberanía e os ecosistemas.  

 

Fai falla unha visión marxista, ou sexa: global e non funcional estruturalista. Polo tanto, que analice as tendencias e a súa dinámica

 

Ou sexa, trátase de esixir medidas que, no caso de Galiza, muden a matriz, o papel que cumprimos na cadea de valor (onde a constante regresión demográfica é o mellor exemplo da situación). E para iso non chega con propostas parciais, ou coa boa vontade, hai que mudar as relacións económicas, laborais, sociais, culturais, lingüísticas, de poder político (soberanía). A tendencia dominante, de centralización e concentración da riqueza e do poder, é consubstancial co sistema capitalista, e potenciouse coa globalización neoliberal. Falamos polo tanto do papel da UE, do euro, da OTAN, das grandes corporacións, do FMI, da OMC, dos medios, das universidades, do Erasmus, etc. 

 

Mudou o contexto político, o estado de ánimo da xente, e pode que en pouco tempo a correlación de forzas nas institucións. E polo tanto a esquerda (esencialmente a nacionalista) axustará a mensaxe, a folla de ruta e os métodos de traballo, máis que en función dos cambios que xa se produciron, tendo en consideración aqueles que están por vir. Valorando sempre a resposta acaída para o escenario máis negativo. Por último, un aspecto global a ter en conta. O sistema está na súa etapa senil, volvéndose máis agresivo. Non vai mudar pola súa vontade, polo que as transformacións que realice serán cosméticas; para que sexan reais deberan ser conquistadas pola loita nacional e popular.  

 

https://obloguedemera.wordpress.com/

 



x